O Culturgal chega á súa primeira ducia convidando a "darlle unha volta" á industria cultural do país

A Fundación Praza Pública participa no Culturgal 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Dálle unha volta á feira! Baixo este lema botou a andar este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra a duodécima edición do Culturgal, a feira galega das industrias culturais, que se desenvolve durante toda a fin de semana, ata o 1 de decembro. O acto institucional de inauguración deu paso a unha primeira xornada de corte máis profesional, con encontros como a I Xornada do Videoxogo o a presentación do grao en Xestión Cultural da Universidade de Santiago, e tamén coas primeiras presentacións musicais ou literarias.

Praza.gal presenta no Culturgal 2019 a súa nova campaña de socias e socios e, o domingo ás 17:00, o novo episodio de Concienciadas

Máis dun cento de actividades conforman o programa dunha feira na que, un ano máis, están presentes as principais referencias da industria cultural do país. Outra volta, no Culturgal estará presente a Fundación Praza Pública cun posto de seu -o número 79 do recinto- e as dúas cabeceiras que impulsa, Praza.gal e VINTE. No caso de Praza.gal, o Culturgal 2019 é tamén a primeira cita coa súa nova campaña de captación de socias e socios que, baixo o lema Última hora, reivindica o oficio xornalístico e a importancia do contexto e o contraste informativo por riba da inmediatez: contámolo sen présa, contámolo ben, indica a campaña.

Praza.gal está tamén presente nun dos espazos centrais da feira, o Espazo Foro, que acollerá durante toda a fin de semana algunhas das principais novidades da industria cultural galega. O domingo día 1 ás 17:00 neste espazo amosarase por primeira vez o cuarto episodio de Concienciadas, a sección de divulgación científica do xornal. Participarán no acto Iria Veiga e Javier Balea, autores de Concienciadas, e mais o director de Praza.gal, David Lombao, que tamén avanzará algúns dos proxectos máis inmediatos do xornal.

Como detallarán Iria Veiga e Javier Balea, Concienciadas parte da base de que a ciencia é tamén parte esencial da cultura galega e por iso cobra especial importancia a divulgación na nosa lingua. Nesta ocasión o tema abordado entronca ás claras coa actualidade, toda vez que está centrado na crise climática e na necesidade de afrontala por parte do conxunto da sociedade.

Do 'regreso' de Marful a Eroski Paraíso e O que arde

Entre as múltiplas presentacións que acolle a feira das industrias culturais durante toda a fin de semana destacan algunhas das estreas máis exitosas dos últimos tempos e mais un agardado regreso. Así, o sábado á tarde (19:00) Ollovivo e Chévere presentan a versión cinematográfica de Eroski Paraíso, que xa colleitou un primeiro cheo a pasada semana, na súa preestrea en Cineuropa. O domingo a Culturgal acollerá a proxección d'O que arde, o que xa é o filme en galego máis visto de todos os tempos nas salas de cinema; na presentación participará o seu autor, Oliver Laxe.

Entre as diversas citas musicais da duodécima edición da Culturgal é especialmente agardado o concerto de Marful (sábado, 21:30). Tras seis anos lonxe os escenarios, a banda liderada por Ugia Pedreira regresa puntualmente xunto cos músicos do seu último disco e tamén coa compaña de Sabela Ramil, inmersa na presentación do seu primeiro traballo discográfico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.