O Culturgal supérase e consolídase como o grande escaparate da cultura galega

O público ateigou o Culturgal © Culturgal

Novo éxito do Culturgal, que este domingo pechou a súa última xornada cun programa de novo intenso e cheo de propostas. Máis de corenta actividades neste último día puxeron o punto final á feira das industrias culturais galegas, que volve consolidarse, cada vez con máis público e cada vez con máis notoriedade. O sábado, tal e como recoñecen os organizadores, "superou as expectativas" do público, o que permitiu "incrementar as xa amplas cifras da edición anterior" o que é desde hai tempo "o máis sólido escaparate para a cultura galega". Logo das tres xornadas, máis de 14.000 persoas pasaron pola feira.

Máis de 14.000 persoas visitaron o Culturgal durante as tres xornadas da feira

Na segunda xornada e día grande, a do sábado, o público puido gozar de novidades editoriais e musicais, así como numerosas iniciativas cheas de orixinalidade. A revista Luzes, dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, presentouse en sociedade ao pouco de saír do prelo, nun día na que tamén Uxía presentou o novo traballo discográfico colectivo que dirixe CoraSons (Kalandraka) e nunha feira onde Caxade tamén presentou o seu novo disco. Galiza Ano Cero, a nova televisión, tamén tivo o seu espazo nun Culturgal cheo de éxito.

O programa Espazo Cinema trouxo o fenómeno das webseries, ao tempo que a plataforma Agasallos.eu, a guía de regalos en galego en liña queu promove a CTNL, deuse a coñecer entre os espectadores. Kepa Junquera, co concerto-presentación do seu disco Galiza, cunha morea de colaboracións con músicos galegos, pechou a festa no Auditorio do Pazo da Cultura.

Xa o domingo, o Culturgal entregou o Premio do Público que recaeu no Salón do Libro e achegou a Díaz Castro, autor homenaxeado o vindeiro ano no Día das Letras Galegas, cunha mesa redonda na que participaron tres dos principais coñecedores da súa obra e a súa biografía, Alfonso Blanco, Armando Requeixo e Óscar Sánchez, e coa coordinación da xornalista e colaboradora de Praza, Montse Dopico. Á tarde presentouse tamén o documental, O instante eterno arredor do autor galego.

O Premio do Público do Culturgal recaeu no Salón do Libro

Como nas tres xornadas da feira, as novidades da cultura chegaron tamén á feira, con propostas como os novos libros Historia de Galicia de Anselmo López Carreira, o Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Cráneo, o Divina de la muerte de Jorge Emilio Bóveda, Apocalipse zombie de Manel Loureiro ou Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto.

Radio Cos, 2na Fronteira ou Sergio Tannus puxeron tamén a música coa presentación dos seus novos traballos xunto a Scherzando, Tanxedoras ou O cabaré da Muller paxaro. O programa infantil, como nos tres días, rematou coa presentación do novo disco de Pablo Díaz, Toc Toc, o primeiro xoguete do Xabarín Club ou Pedaciños de Ceo da Aula Folque. Ademais, un debate sobre crowdfunding ou sobre as novas fórmulas de supervivencia para a creación afondaron na situación actual do panorama cultural.

O público ateigou o Culturgal © Culturgal
O Culturgal volveu ser un éxito © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.