A guionista de 'As Bestas' Isabel Peña pasa a semana na Illa de Ons como titora de catro proxectos de cineastas emerxentes que participan na primeira residencia do festival FICBUEU
A guionista Isabel Peña (Zaragoza, 1983) está esta semana na Illa de Ons como titora da primeira residencia para cineastas do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que busca darlle pulo a novos proxectos audiovisuais de creadoras emerxentes. A responsable do guión de As Bestas, xunto a Rodrigo Sorogoyen, encargarase de traballar man a man coas dúas directoras coruñesas e os directores barcelonés e tinerfeño que participan na residencia desde este luns.
Esta residencia é a primeira para o FICBUEU, tamén é unha nova experiencia para vostede?
Tan intensa a verdade é que si. Teño titorizado algúns proxectos na ECAM (Escuela de cine y del audiovisual de Madrid) ou na ESCAC (Escola de Cinema i Audiovisuals de Catalunya), pero non era este nivel de convivencia. A verdade é que teño moita curiosidade.
122 proxectos audiovisuais competiron por participar nesta residencia, que se valora para decantarse por un ou outro?
Que teña moito nivel, pero que ao mesmo tempo se vexa que ten unha capacidade de mellora. Que sexa un proxecto interesante e con entidade, que se note que hai un escritor ou unha escritora detrás (neste caso tamén director ou directora) pero que teña ese oco no que explorar outras vías ou mellorar algunha das liñas da escritura. Houbo un proxecto en concreto que me gustou moito, pero estaba tan pechado e tan armado que non tiña marxe de transformación; non tiña sentido estar unha semana convivindo con ese proxecto porque a autora tiña ata material case rodado. Ten que haber unha potencia de voz autoral, pero unha marxe para continuar traballando.
"Ten que haber unha potencia de voz autoral, pero unha marxe para continuar traballando"
Os proxectos escollidos están nunha fase inicial, é máis difícil sacar adiante hoxe un proxecto audiovisual como cineasta novel coa competencia das plataformas?
Non o vexo máis difícil, por un lado pode que haxa máis competencia, pero por outro lado hai máis maneiras. Sempre é complicado, en todas as fases, pero non me parece que esta sexa unha época especialmente complicada.
Como guionista, ten que compartir o seu traballo co resto do equipo para chegar á rodaxe dunha película, como se ensina iso?
Non se ensina, é parte do proceso. Creo que antes de enfrontarnos a ese momento no que ensinas o teu guión ao equipo case todas fixemos xa pequenos traballos doutro tipo: desde unha curtametraxe na escola ata unhas prácticas nunha produtora. Digamos que é un exercicio que vai de menos a máis. Entón, cando chega ese momento, que produce moita vertixe, as e os guionistas xa temos algo de experiencia. Pero non se pode ensinar, sucede e tes que afrontalo.
"Margo convidounos á súa casa e fomos a poñerlle a peli antes de que se estreara. Foi unha experiencia moi moi especial"
No caso do guión de As Bestas, compartiuno con Margo Pool [a viúva de Martin Verfondern]?
Ela estivo sempre moi presente nas nosas cabezas e estaba moi informada dos pasos da película, pero non chegou a ler o guión. Convidounos á súa casa e fomos a poñerlle a peli antes de que se estreara. Foi unha experiencia, como podes imaxinar, moi moi especial e creo que é un día que non se me esquecerá nunca. Aínda non volvemos visitala, pero é algo que desde logo faremos.
Acabamos de vivir o éxito de O Corno, de Jaione Camborda, no Festival de San Sebastián, cre que este é un momento de especial atención para o cinema autoral e artístico?
Tiven a sorte de poder ver a película en San Sebastián e encantoume. Pero non, creo que o cinema de autor sempre tivo o seu espazo e chama moito a atención cando as películas son boas. E O Corno está moi ben. Non creo que haxa un boom de cine de autor porque entón hai un boom de todo, pois nunca tivemos máis remakes, Vengadores, etc. En todo caso, hai moito de todo e, grazas a quen sexa, o cinema de autor con mirada feminina está a ter agora un xusto oco.
Algo está cambiando, lentamente, pero vanse dando pasos para colocar a visión das mulleres sobre as historias no primeiro plano.
Totalmente. Nisto si considero que estamos nun momento concreto moi bo. Non quero ser pesimista, nin moito menos, pero agora o importante é que se consolide e non sexa unha fase de ida e volta.
"Somos moi conscientes da presión e asegúroche que empurra, pero a única maneira de saír sans mentalmente de todo isto é choiar"
Despois do rotundo éxito de As Bestas [coa que gañaron o premio César da Academia Francesa á mellor película estranxeira], tanto na crítica como nas salas de cinema, como se segue traballando?
Pois traballando, é que é a única maneira. Obviamente, non estamos todo o día pensando no ben que foi porque non somos así. De feito, non está nas nosas cabezas, para nada. Somos conscientes de que temos que aproveitar o momento e niso estamos, é a única maneira de continuar. Temos un traballo marabilloso e se queremos continuar gañándonos a vida así temos que seguir traballando duro.
Sempre teñen un novo proxecto medrando cando o anterior remata?
Si, porque cando unha película se estrea hai moitísimo tempo que remataches de escribila, incluso de rodala e montala. O tempo para nós é moi diferente ao das espectadoras, sempre temos na cabeza a seguinte peli cando se estrea a anterior. Se che dixera que non somos conscientes da presión estaría sendo inxenua. Somos moi conscientes da presión e asegúroche que empurra, pero a única maneira de saír sans mentalmente de todo isto é choiar.
E conseguir marcar os seus propios tempos.
Na medida do posible, si. Esta industria é moi estraña e case nunca tes ti esa capacidade, as fases vanse interconectando e hai moitísimos factores externos que deciden moito máis que ti mesma. Aínda que si que intentamos manter uns tempos coherentes porque sabemos que o noso traballo os precisa. Sen tempo non tes reflexión e sen reflexión é difícil ser esixentes.
Nun encontro previo á celebración dos Goya [As Bestas recibiu nove galardóns na última edición] sinalou a importancia de ter confianza nunha mesma cando se traballa con proxectos a longo prazo, como é o caso de As Bestas, que transcorreron sete anos desde a idea ata a película. Confianza necesaria tamén para afrontar a presión despois do éxito?
Si, nese sentido axúdame un montón que somos un equipo. Non estamos só Rodrigo e mais eu, senón toda a familia de Caballo Films, que é a produtora. Eu soa estaría debaixo dunha ponte [ri] porque non sempre é fácil manexar todo isto, pero como somos compañeiros imos apoiándonos uns nos outros. Pero tampouco quero poñerme tráxica, que non é este un traballo durísimo. O importante é manterse estable cando as cousas van ben e cando van mal, apoiándote na túa xente.
Cada vez vemos máis a implicación dos cineastas na produción, é fundamental isto agora?
Aínda tendo a familia de Caballo Films, hai moitos factores externos que inflúen. Nós estamos nunha situación moi boa porque podemos escoller en que proxectos nos embarcamos. Estamos sempre súper enriba de todo –á parte de porque non o podemos evitar, porque nos gusta demasiado– porque é a maneira de manter a identidade dos proxectos.
"Eramos conscientes de que había unha ferida e non queriamos incidir nela, por iso hai outros personaxes na película que tamén son galegos e son completamente positivos"
As Bestas xerou moitas críticas en Galicia pola imaxe que se transmite no filme. Coñéceas? Como as valora agora?
Sempre hai quen se vai sentir ofendido ou ofendida, non se poden ter todas as sensibilidades do mundo presentes mentres fas unha película. Hai un tema aí como de estigma ou clixé que entendo que poida ser irritante ou ofensivo e, nese sentido, deunos moita pena. Pero tamén houbo moitas críticas que eran completamente destrutivas, que non daban pé a nada, e non considero que a película sexa realmente tan ofensiva. Entre outras cousas, está baseada nun feito real. Precisamente por iso, porque eramos conscientes de que había unha ferida e non queriamos incidir nela, hai outros personaxes na película que tamén son galegos e son completamente positivos. Entendendo as críticas, e respectándoas, creo que unha porcentaxe desas voces ofendidas non viran o filme. Isto pasounos tamén con Antidisturbios. A min gústame seguir como se reciben as películas e máis no caso de As Bestas porque teño unha conexión especial con Galicia, e tamén houbo xente que escribiu cousas moi bonitas despois de ver a peli. Como o filme se fixo de boa fe, e logo houbo un abano tan amplo de reaccións, a valoración que me levo é un pouco amarga pero non de todo.
A película tamén serviu para colocar no debate público a reivindicación da veciñanza de Sabucedo sobre a instalación de parques eólicos na zona.
Esa parte fíxonos moi felices. A xente de Sabucedo portouse incrible connosco. Fomos durante varios anos antes da rodaxe para comezar a tecer eses labores de produción e axudáronnos un montón; que a película lles axudara a eles foi algo que nos deu moita satisfacción.
"As poucas veces que din aulas gustoume moito mirar aos ollos e escoitar a xente doutras xeracións"
En que proxectos está a traballar agora?
Estou traballando con Rodrigo [Sorogoyen] na nosa próxima película e tamén con Eduardo Villanueva –que foi o terceiro guionista de Antidisturbios– nunha serie. Ambos proxectos gústanme moito así que estou moi contenta.
Dividindo esforzos.
A min encantaríame estar só nunha cousa porque creo que é a maneira na que mellor traballo e na que estou máis cómoda, pero se só estou nunha estaría deixando pasar a oportunidade doutra e iso non nolo podemos permitir. Agora hai unha especie de bipolaridade na miña vida e a levo ben, pero teño compañeiros e compañeiras que son moito máis multitarefa ca min; eu sempre son a máis conservadora. É o que hai, se queres que saian as cousas tes que apostar a tope.
Cre que esta convivencia con cineastas que están comezando na residencia do FICBUEU vaille aportar cousas para o seu traballo?
Para empezar, estar con xente máis nova xa me aporta moito e encántame. As poucas veces que din aulas gustoume moito mirar aos ollos e escoitar a xente doutras xeracións. Só iso xa me aporta porque ver a través dos seus ollos como ven o cine e o audiovisual vaime axudar a entender mellor como están cambiando as cousas. Ao final, eu estou moi metida no meu mundo, vexo o cine que me interesa e fago as películas que me interesan, pero que lle interesa a alguén de vinte e cinco anos? Iso é súper nutritivo para min.