O crime do "holandés de Petín" sucedido no ano 2010 na aldea de Santoalla chega á ficción da man de Rodrígo Sorogoyen e conta con Luis Zahera e Diego Anido no reparto
O novo filme do cineasta Rodrigo Sorogoyen inspirado no crime de Petín de Valdeorras do ano 2010, As Bestas, chega ás salas de cinema do Estado este venres, despois de acadar máis de 300.000 espectadores en Francia. Cos galegos Luis Zahera e Diego Anido no elenco, a película puido verse por primeira vez en Cannes Première e pasou por festivais de cine como o de San Sebastián ou Tokyo, onde foi distinguido cos premios ao mellor filme, ao mellor director e ao mellor actor.
Denis Ménochet, Marina Foïs e Machi Salgado completan o elenco desta coprudición entre España e Francia a partir dun guión de Isabel Peña e Rodrigo Sorogoyen. A película baséase na historia real do homicidio de Martin Venfondern, "o holandés de Petín", cometido no ano 2010 e polo que foi condenado no ano 2018 un veciño da aldea de Santoalla.
'As Bestas preestréase no festival Cineuropa de Santiago con dous pases previos á chegada ás salas de cine o venres 11
As Bestas terá a súa preestrea este mércores, ás 20 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela no marco da celebración da 36 edición do festival Cineuropa. Ademais, o xoves día 10 haberá unha presentación e posterior coloquio sobre o filme na sesión das 19 horas dos Multicines Compostela. Alí estarán Luis Zahera e Diego Anido e a charla será retransmitida por streaming a 25 salas do Estado.
Aínda que esta cinta non foi rodada en Galicia, a aldea de Santoalla si que foi filmada, pois xa apareceu no cinema no ano 1989 co icónico filme Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, e esta historia foi tamén obxecto do documental que leva por título Santoalla, dos cineastas neoiorquinos Andrew Becker e Daniel Mehrer, no que contan co testemuño de Margo Pool, a viúva de Venfondern, que no momento no que se inicia a rodaxe, 2012, aínda estaba desparecido.
Antoine e Olga, unha parella francesa, viven desde hai moito tempo nunha pequena aldea galega. Practican unha agricultura ecorresponsable e restauran casas abandonadas para facilitar a repoboación. Todo debería ser idílico, pero a súa oposición a un proxecto de parque eólico dá lugar a un gran conflito cos seus veciños. A tensión medrará ata chegar a un punto de non retorno. Así resumen a película, que entra como unha das favoritas nas votacións para os premios Goya.
Producida por Arcadia Motion Pictures, Caballo Films e Cronos Entertainment en coproducción con Le Pacte, a cinta conta coa participación de RTVE, Movistar+, Canal+ e Cine+, o apoio de Eurimages, e o financiamento do ICAA. A Contracorriente Films é a súa distribuidora en España.