Jacinto é a inocencia. Pero tamén o horror. A manipulación. O medo. A violencia. O illamento. Un mundo que tende a desaparecer e que, ás veces, morre matando. Un rural moi afastado da idealización. Do idílico. Un choque non de culturas, senón quizais de tempos. E un tipo de cine bastante escaso en Galicia. Os premios Mestre Mateo veñen de escoller este filme de Javi Camino entre as longametraxes con máis candidaturas deste ano. Juanma Buiturón, Miro Magariños, Pilar Miguélez, Corina Rautenberg e Anxela Baltar protagonizan esta película xunto con Pedro Brandariz. A proxección do filme na Semana do Cinema Galego serve tamén, sen dúbida, de homenaxe a este último actor, repentina e prematuramente falecido. Falamos co director que, como sempre fixo Brandariz, reivindica a risa.
A película parece ter moitas influencias, moitas fontes de inspiración. É así?
Si, ten multitude de fontes de inspiración. A primeira foi o crime de Santoalla. Nós contamos máis ou menos a mesma historia, pero facendo unha adaptación libre porque os personaxes non teñen nada que ver. As personaxes das rapazas están inspiradas en Burzum (Varg Vikernes), un artista de black metal que cometeu un asasinato, foi vivir ao monte e fíxose youtuber… Tamén hai xogos aos que eu mesmo xogaba na infancia e varios referentes de películas, coma Noite de medo ou Dellamorte Delllamore. O personaxe de Jacinto é parecido a un dos personaxes desta última película.
Saen moitos temas: a pelexa polo monte comunal, o bullying, a obsesión polos likes nas redes sociais, a medo creado pola Igrexa…
Hai un monte de cousas, si. É tan difícil conseguir facer unha película que cando a fas queres meter todo por se non podes facer outra… Eu penso que o tema principal é a infancia, os medos irracionais da infancia e a superación dos mesmos. Jacinto é un neno nun corpo de adulto, un neno con medo ao descoñecido. Despois hai moitos temas secundarios: o impacto das redes sociais e o postureo, a despoboación da Galicia rural, o bullying como parte da infancia porque penso que todos o sufrimos nalgún momento; o medo causado pola relixión cando es pequeno, pola educación cristiá que recibimos… Tamén a música Black Metal que eu escoitaba… Todo vai sumando, polo que acaban saíndo moitos temas.
“É tan difícil conseguir facer unha película que cando a fas queres meter todo por se non podes facer outra…”
Que ton buscabas? Ten algo de comedia, de película de terror, de traxedia…
É sobre todo comedia negra. A min gústame moito o terror pero acabo tirando ao cómico. Sáeme medio comedia de terror e medio traxicomedia. Vexo Jacinto máis como unha película de risas que de sustos.
Os personaxes son arquetípicos: un neno inocente e manipulable, un pai autoritario e de mente pechada; unha nai máis intelixente e aberta aos cambios pero capaz de todo; un irmán maior aproveitado e vicioso…
Son personaxes arquetípicos, si, pero distorsionados, esperpénticos, levados ao extremo. Penso, nese sentido, que son moi recoñecibles en Galicia e en todos os lados. A película estivo nos festivais de Málaga, de Canarias, nos Estados Unidos… e á xente resultábanlles familiares, recoñecían ese universo. Ademais son todos malas persoas, que é algo que tamén me gusta, porque non hai persoas totalmente boas ou malas. Excepto Jacinto, que é a inocencia pura.
“Son personaxes arquetípicos, si, pero distorsionados, esperpénticos, levados ao extremo”
Jacinto é inocente pero se cadra se fai máis do que é. Decide vivir no seu mundo…
Pódese interpretar así, si. Jacinto é un rapaz que vive illado nunha aldea e afronta as situacións que se lle presentan da maneira que el ve mellor. E a partir de aí pasan cousas… Tampouco podemos contar demasiado…
Tiveches axudas para facer a película?
Si, unha axuda de talento para longametraxes de Agadic. E logo a produtora Vizuals, de Xabier Eirís. E participou a CRTVG. Foi unha aposta por parte de Xabier Eirís porque a axuda de Agadic non era moi grande, así que foi moi importante.
Onde está rodada?
Nas zonas de Taboada, Monterroso e Chantada. Porque eran perfectas para o que queriamos facer e porque a miña moza é de alí. A casa dos Becerra é a dos seus avós, polo que tamén aproveitamos o que tiñamos ao noso alcance.
Como foi a rodaxe?
Por un lado paseino en grande. Pasas uns días facendo as túas fantasías realidade… Pero por outro lado foi duro porque foi durante a pandemia. Tiñamos que gravar con mascarillas, con medo a contaxiarnos e ter que parar a rodaxe, con moita calor… Foi moito traballo, pero non tivemos problemas fóra do común.
E o traballo cos actores?
Pois moi guai. Son actores que xa coñecía, polo que tiñamos boa comunicación. A nai non é unha actriz profesional: é a miña propia nai. E hai máis actores non profesionais, coma as rapazas. Alexandra Pulido é Ánxela Baltar, a guitarrista de Bala. A súa amiga, Anna Nödveit, é Coriña Rautenberg. Ningunha das dúas actuara antes profesionalmente.
E como é traballar coa propia nai como actriz?
Para min moi natural porque sempre gravei con ela. Non teño nin que pasarlle o guión. Dígolle o que ten que dicir e xa está. É moi fácil. É unha crack.
“É o cine que a min me sae. Tampouco pensei que quería facelo porque non está a facelo ninguén”
Non é un tipo de película que se faga moito en Galicia, pero quizais tampouco pensaches moito niso.
É o cine que a min me sae. Tampouco pensei que quería facelo porque non está a facelo ninguén. Xa fixera antes curtas e unha película con menos orzamento, no 2008. É o que me gusta. Non penso en facer algo que non se estea facendo, aínda que si é certo que non hai en Galicia moita xente que faga o mesmo.
Falabas antes de tres festivais nos que estivo. Como está a ser a acollida?
Levamos un monte de festivais do xénero. No festival de Sitges, por exemplo, gañamos o premio do público, o Panorama, competindo con películas de moito máis orzamento. Tamén estivemos no Festival Fantástico de Málaga, onde houbo un coloquio e a xente conectou moito… No festival de Canarias, o Isla Calavera, gañamos o premio do xurado á mellor longametraxe, que tamén foi unha sorpresa. Levamos 13 premios en festivais de todo o mundo: en México, Panamá… A reacción nos festivais galegos tamén foi moi boa. No Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, gañamos o premio Planet Horror, do público, e no FKM, da Coruña, os premios a mellor película, mellor guión e mellor actor. E agora fomos nominados nos Mestre Mateo. Non esperabamos tanta nominación…