Dez historias a non perder na Semana do Cinema Galego

Cartel da Semana do Cinema Galego © SCG
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-scg-2022-0c2c35a.jpeg

Este martes 8 de marzo comeza na Coruña unha nova edición -a terceira- da Semana do Cinema Galego, unha iniciativa que busca amosar nunha semana o mellor do audiovisual galego realizado no último ano. Entre o martes 8 e o domingo 13 exhibiranse no Teatro Colón dez longametraxes, nunha iniciativa impulsada pola Academia Galega do Audiovisual que conta coa colaboración do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e que precede á gala dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 19 de marzo na cidade herculina.

Entre os dez filmes que se proxectarán están os catro finalistas na categoría de mellor longametraxe e os catro finalistas na categoría de mellor documental

De feito, entre os filmes que se proxectarán están as catro finalistas na categoría de mellor longametraxe: Cuñados, Jacinto, Malencolía e Tres e as catro finalistas na categoría de mellor documental: A poeta analfabeta, A virxe roxa, O gran camiño e Welcome to ma maison

Ademais, Dhogs, o filme dirixido por Andrés Goteira que se converteu no ano 2018 na produción máis premiada da historia dos Mestre Mateo, será a encargada de inaugurar a Semana. Finalmente, A galiña Turuleca, gañador do Premio Goya á Mellor Película de Animación nesta edición do pasado ano, pechará as proxeccións o vindeiro domingo.

Programación da Semana do Cinema Galego © SCG

Dhogs, o filme dirixido por Andrés Goteira que se converteu no ano 2018 na produción máis premiada da historia dos Mestre Mateo, será a encargada de inaugurar a Semana

As entradas son de balde, pero deben ser retiradas previamente, ben a través da plataforma web ataquilla.com, ben no despacho de billetes da Praza de Ourense, en horario de luns a vernes de 11.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. Para poder acceder á sala será imprescindible presentar o pasaporte COVID ou test de antíxenos.

Programación

  • Martes 8, 20.00: ‘Dhogs’, de Andrés Goteira
  • Mércores 9, 19.30: ‘Cuñados’, de Toño López.  22.00: ‘A virxe roxa’, de Marcos Nine
  • Xoves 10, 19.30: ‘O gran camiño’, de Alba Prol e Raúl García. 22.00: ‘Jacinto’, de Javi Camino
  • Venres 11, 20.00:  ‘A poeta analfabeta’, de Sonia Méndez. 22.00: ‘Welcome to ma maison’, de Andrés Goteira
  • Sábado 12, 20.00: ‘Malencolía’, de Alfonso Zarauza. 22.00: ‘Tres’, de Juanjo Giménez
  • Domingo 13, 11.30: ‘A galiña Turuleca’, de Eduardo Gondell e Víctor Monigote 

1- Dhogs

A película seleccionada para abrir a mostra é Dhogs, o filme máis galardoado da historia dos Premios Mestre Mateo pois hai catro anos se fixo con 13 galardóns, entre eles o de mellor longametraxe, guión, dirección de fotografia ou os catro premios de interpretación. O seu director, Andrés Goteira, estará no Teatro Colón acompañado dos intérpretes Antonio Durán Morris e María Costas, ademais das produtoras Laura Doval e Sara Horta.

O filme de Andrés Goteira, un thriller cun final sorprendente, busca ser "un reflexo da realidade máis escura"

O filme de Andrés Goteira, un thriller cun final sorprendente, busca ser "un reflexo da realidade máis escura". Logo dunha fugaz aventura cun executivo, unha muller verase inmersa nunha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. Dhogs "sinala os malos, nun mundo perverso de amos e escravos. Onde os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite". ENTREVISTA | Andrés Goteira: "Dhogs pregunta se imos quedar, como sociedade, aí sentados sen facer nada"

2- Cuñados

Cuñados é, esencialmente, a historia de tres cuñados necesitados de cartos que idean un plan para facerse ricos que, evidentemente, sae mal e os introduce nun problema moito maior

Cuñados foi o filme galego máis visto nos últimos meses nas salase, de feito, gravada en galego, estreouse en 120 pantallas de todo o estado. A comedia de Toño López protagonizada por Federico Pérez, Xosé A. Touriñán e Miguel de Lira foi un éxito comercial e tamén encabeza as candidaturas aos Mestre Mateo, con 16 finalistas.

Cuñados é, esencialmente, a historia de tres cuñados necesitados de cartos que idean un plan para facerse ricos que, evidentemente, sae mal e os introduce nun problema moito maior. Como nos dicía Federico Pérez nesta entrevista, "a xente que vai ver a peli atopa algo auténtico. A xente en Madrid dicíanos: 'estamos fartos de ver comedias españolas que non se sitúan en ningún sitio, que non contan nada, que non teñen esencia; e a vosa peli, en cambio, é todo o contrario". ENTREVISTA | Federico Pérez: "Coa pandemia a xente ten ganas de desafogar un pouco. Hai moitas ganas de rir e 'Cuñados' axuda a iso"

3- A virxe roxa

Nine tece, a partir de fragmentos de filmes da época e de entrevistas con expertos un relato posible da evolución da relación entre a nai e filla no seu contexto histórico nun documental de fascinante beleza

Marcos Nine presentou hai unhas semanas A virxe roxa, un documental que afonda na historia das ferrolás Aurora Rodríguez Carballeira e da súa filla Hildegart, á que criou como un proxecto persoal, como a muller do futuro, pero que acabou matando ao se rebelar. 

Nine tece, a partir de fragmentos de filmes da época, do uso da ilustración e de entrevistas con expertos un relato posible da evolución da relación entre a nai e filla no seu contexto histórico afondando no retrato psicolóxico de ambas, e sobre todo da primeira, nun documental de fascinante beleza. ENTREVISTA | Marcos Nine: “Aurora Rodríguez é unha muller a reivindicar, independentemente da brutalidade dos seus actos”.

4- O gran camiño

En O gran camiño dous cineastas deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo

O gran camiño é un documental narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo: o Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, ou o Camiño de Santiago.

5- Jacinto

Jacinto está protagonizada polo recentemente finado Pedro Brandariz, que de seguro recibirá unha merecida homenaxe na proxección do filme no Teatro Colón e tamén na gala dos Mestre Mateo

Jacinto, filme dirixido por Javi Camino,  é outra das longametraxes favoritas nos Mestre Mateo, sumando 11 finalistas, entre elas mellor película, mellor director e mellor protagonista masculino, neste caso o recentemente finado Pedro Brandariz, que de seguro recibirá unha merecida homenaxe na proxección do filme no Teatro Colón e tamén na gala dos Mestre Mateo

O filme, no que Brandariz interpreta a un neno de 9 anos nun corpo dun home de 40, está a acadar importantes recoñecementos internacionais, como os premios no Austin Film Festival ou no Festival de Cine Fantástico de Canarias Isla Calavera e foi estreada no Festival de Sitges. ENTREVISTA | Javi Camino: "Vexo 'Jacinto' máis como unha película de risas que de sustos"

6- A poeta analfabeta

O documental de Sonia Méndez retrata a Luz Fandiño. Unha muller fascinante: poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria

O documental de Sonia Méndez retrata a Luz Fandiño. Unha muller fascinante: poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que voltou pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. “Nunca pensei”, “nin nos meus mellores soños”, que sería tan “aceptada e agarimada”, o cal lle fixo pensar “que algo vai cambiar”, di nunha homenaxe ateigada de xuventude que lle fixeron en Santiago, como lemos nesta reportaxe.

O documental recolle algunhas fotografías, imaxes de entrevistas recentes con Fandiño, dun vídeo doutra entrevista que lle fixera Roberto Vidal Bolaño á súa volta a Galicia nos 80, da súa participación en diversas manifestacións ou dese recoñecemento que lle fixeran en Santiago.

Luz Fandiño © SCG

7- Welcome to ma maison

Welcome to ma maison é "un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real"

Welcome to ma maison é "un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real". Un día no festival de Sitges, Andrés Goteira, director de Dhogs, coñeceu o actor e investigador do cinema Igor Fernández. Propúxolle de inmediato facer algo xuntos no futuro. Algo salvaxe. Libre. Acaboulles saíndo un documental sobre o caos. Sobre estar perdido. Sobre as crises persoais que calquera podería ter. Así o explica nesta entrevista: "Son a pura definición de perdido, pero que me quiten o bailado"

Andrés Goteira e Igor Fernández © SCG

8- Malencolía

No filme, Sira e Pepe son unha parella que fartos da vida en precario e do frenesí da cidade de Berlin, deciden voltar a Galicia. Chegados a aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina

Malencolía é a última longametraxe de Alfonso Zarauza. No filme, Sira e Pepe son unha parella que fartos da vida en precario e do frenesí da cidade de Berlin, deciden voltar a Galicia tras moitos anos emigrados na Alemaña. Atopan por internet unha casiña na aldea abandonada de Lupián, provincia de Ourense, e deciden deixalo todo para iniciar unha nova vida alí. Chegados a aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina. 

Nesta entrevista, realizada para as presentacións da súa anterior longametraxe, Ons, Zarauza destacaba que “non me gustan as películas que se autoconclúen, senón as que me deixan rumiando na cabeza”.

Os protagonistas de 'Malencolía' © SCG

9- Tres

A película dirixida por Juanjo Giménez é unha das grandes sorpresas desta tempada, seleccionada para festivais tan importantes como Venecia, Toronto, Sitges ou a Seminci de Valladolid

C. (39) é deseñadora de son. Goza co seu traballo. Pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, mesturando. O estudo é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as averiadas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo. Aínda que ela non o sabe, C. esta comezando a desincronizarse. Coma se fose unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que as imaxes. A película dirixida por Juanjo Giménez é unha das grandes sorpresas desta tempada, seleccionada para festivais tan importantes como Venecia, Toronto, Sitges ou a Seminci de Valladolid.

Cartel de 'Tres' © SCG

E 10- ‘A galiña Turuleca’

O domingo pola mañá unha sesión para toda a familia pechará a terceira Semana do Cinema Galego

O domingo pola mañá unha sesión para toda a familia pechará a terceira Semana do Cinema Galego. No Teatro Colón proxectarase ‘A galiña Turuleca’, de Eduardo Gondell e Víctor Monigote, elixida mellor longametraxe de animación na edición 2021 dos Premios Goya, nunha nova mostra da calidade da animación galega.

Turuleca é unha galiña singular. O seu peculiar aspecto desata as burlas do resto do galiñeiro, ata que un día, Isabel, unha exprofesora de música, lévaa a vivir á súa granxa. Alí, feliz e en harmonía, a galiña descobre o seu gran talento oculto coa axuda de Isabel: Turuleca non só pode falar, senón que canta como xamais oíches cantar a unha galiña!

Fotograma de 'A galiña Turuleca' © SCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.