Hildegart Rodríguez Carballeira, cen anos despois

Díptico do congreso © Ateneo Ferrolán

O 9 de decembro de 1914 nacía en Madrid Hildegart Rodríguez Carballeira. A súa nai, Aurora, ferrolá, trasladárase pouco antes á capital do Estado para que Hildegart desenvolvese alí todos os plans que para ela tiña en mente. Nena prodixio (aos 18 anos licenciárase xa en Dereito e comezara os estudos de Medicina e Filosofia e Letras), líder esquerdista (militante do PSOE con moito predicamento entre a mocidade até a súa expulsión en 1932), activista do feminismo e da educación e a liberación sexual, foi asasinada pola súa nai con 19 anos de idade. O Ateneo Ferrolán conmemorará en decembro o centenario do seu nacemento cun Congreso e actos de homenaxe.

Os actos queren lembrar a súa figura dende distintos ámbitos: "ao tempo que tentar encadrar o seu pensamento no eido da sexualidade e da crítica de esquerdas á II República, o Congreso quere recuperar tamén a memoria das mulleres e dos colectivos femininos da súa xeración", destaca o Ateneo. O Congreso, ao que as investigadoras e investigadores poderán presentar as súas propostas até o 15 de setembro, vaise celebrar en Ferrol nos días 6 a 8 de decembro. Ao tempo, nos días da celebración do Congreso, vanse organizar dúas exposicións (unha biográfica e a outra bibliográfica) e realizaranse así mesmo actividades culturais relacionadas coa figura de Hildegart, para concluir cun acto de homenaxe á pensadora e activista social.

"Malia fixar o obxectivo nunha única persoa, o Congreso quere contribuír de xeito xeral á recuperación da historia do pensamento feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX"

Sobre a súa persoa téñense feito películas, novelas, obras de teatro e numerosos libros e traballos de investigación. Porén, en moitos deles tende a facerse máis fincapé no seu tráxico final, na relación coa súa nai ou no deseño vital que esta elaborara para a súa filla que na propia figura, obra e pensamento de Hildegart. "Como consecuencia", sinálase dende o Ateneo, "a súa traxectoria vital e o seu pensamento no eido da reforma sexual ou da crítica política, ficaron en parte ocultos". Cen anos despois do seu nacemento, engaden, "tentamos lembrar á Hildegart sexóloga, xornalista, activista política ou feminista, coa celebración dunha serie de actos de homenaxe e un congreso de investigación que poña en valor a súa figura histórica e o seu pensamento, todo o lonxe que sexa posible do sensacionalismo e da superficialidade". Conclúen que "malia fixar o obxectivo nunha única persoa, o Congreso quere contribuir de xeito xeral á recuperación da historia do pensamento feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX".

 

Moito máis que o 'proxecto' doutra persoa

Como destaca a historiadora Rosa Cal no texto publicado no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, Hildegart "foi a obra real das ideas preconcibidas da súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira". Pero foi moito máis ca iso. En só 19 anos de vida, ademais de acadar unha brillante formación, desenvolveu unha intensa actividade política, na esquerda e no feminismo, e iniciou a publicación dun importante pensamento teórico, nomeadamente no campo da educación e a liberdade sexual.

Defendeu o divorcio, a anticoncepción e a liberación feminina de toda clase de tabús e prohibicións sexuais e consideraba que este conflito superaba en importancia a todas as revolucións que coñecera a humanidade

Aos 22 meses xa lía e con tres anos tocaba o piano a catro mans con ela e fixo o seu primeiro escrito: unha carta para o paiHildegart nunca coñeceu a seu pai, que foi simplemente unha figura biolóxica escollida pola súa nai para poder quedar embarazada. Con 14 anos rematou os seus estudos secundarios, dominando francés, inglés, alemán, portugués e italiano. Como destaca Rosa Cal, "a actividade era febril, non paraba e se non puido gozar da infancia tamén ía camiño de perder a xuventude. A programación implacable da nai impedía calquera tempo de dolce far niente ou de divertirse cos rapaces ou rapazas da súa idade. O seu era ler e ler, preparar mitins, escribir artigos e libros".

Con 15 anos Aurora afilia a Hildegart á UGT e ao PSOE, e pouco despois a aínda adolescente comeza a publicar con frecuencia artigos en El Socialista, Heraldo de Madrid e La Libertad. Comezou a amosarse moi crítica co propio Partido Socialista: "o problema estaba en que sempre lle parecían poucos os cambios, pedía máis e máis, que se cumprisen as promesas electorais e que non virasen os responsables nin se deixasen levar polo socialenchufismo", destaca Rosa Cal. En 1932 foi expulsada do PSOE e afiliouse ao Partido Federal Republicano.

Pero a súa actividade máis destacada desenvolveuna no ámbito do feminismo e da educación e liberdade sexual. En 1932 créase a Liga Española pola Reforma Sexual, presidida polo doutor Gregorio Marañón, e Hildegart é escollida secretaria. A Liga pola pola Reforma Sexual pedía "iguais privilexios e obrigas para homes e mulleres en canto á súa vida sexual", a "liberación das relacións maritais da dominación da igrexa" ou "a comprensión científica das variacións na constitución sexual (intersexualidade) e unha correspondente actitude racional, por exemplo, cara a homes e mulleres homosexuais".

En 1932 créase a Liga Española pola Reforma Sexual, presidida polo doutor Gregorio Marañón, e Hildegart é escollida secretaria

Hildegart defendeu o divorcio, a anticoncepción e a liberación feminina de toda clase de tabús e prohibicións sexuais e consideraba que este conflito superaba en importancia a todas as revolucións que coñecera a humanidade. Publicou múltiplos textos, entre eles a monografía La rebeldía sexual de la juventud, que vendeu 8.000 exemplares só en Madrid na semana da súa publicación. De igual xeito, en ¿Se equivocó Marx? realizaba unha lectura feminista e máis próxima ao anarquismo da obra do alemán, e moi crítica co seu partido. Mantivo unha extensa correspondencia con personalidades europeas da época, entre eles con H. G. Wells, ou Havelock Ellis, de quen era tradutora.

O deterioro da relación entre Hildegart e Aurora era profundo, principalmente polo avance da paranoia da nai, cada vez máis incapaz de controlar a vida da súa filla. Hildegart intentou varias veces separarse dela, ao que a nai respostaba con ameazas de suicidio. Cando viu que a súa filla se apartaba do seu proxecto e dela, decidiu destruíla. Cando Hildegart durmía, disparoulle tres tiros na cabeza e un no corazón.

Díptico do congreso © Ateneo Ferrolán
Hildegart Rodríguez Carballeira © deferrolparaelmundo.blogspot.com
Manual de Educación Sexual, editado por Hildegart con 17 anos © Álbum de Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.