Chelo Loureiro obtén o galardón por Valentina, o seu filme sobre unha nena con síndrome de Down
A XXXVI edición dos premios Goya de cine supuxo na noite deste sábado unha nova confirmación do potencial da animación galega e deixou un total de cinco galardóns ás oito candidaturas en todo tipo de categorías que podían ser consideradas galegas.
O Goya á mellor longametraxe de animación foi para Valentina, a película dirixida por Chelo Loureiro cunha nena con síndrome de Down como protagonista e en galego na súa versión orixinal. Praza.gal recollía hai unhas semanas o desexo da súa autora de lanzar unha mensaxe de empatía e de respecto cara a todas as persoas: 'Valentina', unha película de animación "para empatizar con todas as persoas".
Tamén o Goya á mellor curtametraxe de animación foi en parte galego, ao premiar The Monkey, obra de Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti.
Tamén obtiveron premios Chechu Salgado como actor de reparto e Zeltia Montes pola música de 'El buen patrón'
Na interpretación, Chechu Salgado (Sober, 1991) obtivo o premio a mellor actor de reparto pola súa participación en Las leyes de la frontera.
E Zeltia Montes recibiu o Goya na categoría de mellor música orixinal por El buen patrón, a película de Fernando León de Aranoa que resultou a gran vencedora da noite, con seis galardóns, entre eles o de mellor película, director e guión orixinal.
Tamén en parte foi un Goya galego o obtido na categoría de mellor son por Tres, de produción galega con Frida Films.
Non tiveron tanta sorte as outras candidaturas finalistas galegas, con Luis Tosar e Javier Gutierrez no apartado de actor protagonista polas súas actuacións en Maixabel e La hija, respecticamente, e Celso Bugallo no de actor de reparto en El buen patrón.