Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963) foi un dos grandes triunfadores da gala dos Goya. Con Arrugas obtivo os premios nas categorías de mellor longametraxe de animación e na de mellor guión adaptado, converténdose na primeira película animada que consegue este recoñecemento. Os premios como director e guionista do filme (adaptado a novela gráfica homónima de Paco Roca) súmanse aos Goya que Angel de la Cruz obtivo en 2001 por O bosque animado e en 1994 por Tirano Banderas. De la Cruz obtivo numerosos recoñecementos, igualmente, con O soño dunha noite de San Xoán (2005) ou Os mortos van á présa (2006).
Arrugas é un proxecto arriscado, a adaptación do álbum de Paco Roca centrado na demencia senil e o alzheimer e a vida nunha residencia de anciáns. Precisamente hai uns días un grupo de traballadores dun xeriátrico compostelán, na Volta do Castro, enviáronlle a Alberto Núñez Feijoo unha entrada para ir ver o filme ao cinema e así coñecese como transcorre a vida nun centro destas características, "xa que non se digna a visitar os seus propios centro de traballo", explicaban.
Arrugas o terceiro filme dirixido por ti que acada un Goya. As sensacións son as mesmas que a primeira vez?
Non, non é a mesma sensación. Cando nos deron o Goya por O bosque animado non o esperabamos, non nos coñecía ninguén. Pero de todos os xeitos, este premio ao mellor guión adaptado devolveume esas sensacións da primeira vez, porque non contabamos con el. Foi moi emocionante
"Faltaba que a Academia española lle dese ese recoñecemento a películas deste tipo"
O filme rompe moldes, tanto por ese recoñecemento como por usar a animación para abordar unha cuestión social, mesmo incómoda... Estase rompendo o tabú de que a animación é só para nenos ou só para a comedia?
Cada vez máis. Tradicionalmente a animación sempre se pensaba para nenos, e máis centrada na comedia e na aventura; os adultos que ían ver animación era porque ían acompañando uns nenos. Pero isto empezou a cambiar con Toy Story e xa foi definitivo con Shrek, que debeu ser a película que máis adultos sós sen nenos foron ver. De feito eu creo que a vin nunha sesión ás doce da noite, a sala estaba chea e eramos todos adultos. Pero era comedia, faltaba dar o salto a tratar temas máis serios. A animación non é un xénero, é un formato. Isto comezou a cambiar con filmes como Persépolis, Un vals con Bashir ou Chico e Rita, que vai aos Óscar, ou filmes franceses coma O Ilusionista. E nós aspirabamos a encher ese oco. E faltaba quizais que a Academia española lle dese ese recoñecemento a películas deste tipo e non as encasillase na categoría de animcación. Creo que agora o camiño está aberto e non sería raro que unha película de animación fose nominada na categoría de mellor película, como xa pasou varias veces nos Óscar.
Axudará o Goya á difusión do filme?
Si, a película estrouse hai unha semanas, cun inicio algo frouxo, repuntou na segunda semana e estábase mantendo bastante ben. Penso que o Goya pode servir de empurrón, non só para a distribución española, senón tamén internacionalmente. Hai pouco, a través do mercado do Festival de Berlín, iniciamos a comercialización mundial da película e isto é un grande impulso.
Comeza a recoñecerse en todo o mundo a Galicia como un sitio no que somos expertos en animación
O premio certifica o bo momento da animación galega?
Comeza a recoñecerse a Galicia, non só en España, senón en todo o mundo, como un sitio no que somos expertos en animación. E é importante manter esa sona. Constato, cando vou a Madrid, que a xente pode non recoñecer que unha película é dun ou doutro director, dunha produtora ou doutra, de Filmax ou Dygra, pero eles si que a asocian con Galicia, co bo facer da animación galega.
Tes novos proxectos? Volverás adaptar unha novela gráfica?
Teño entre mans algúns proxectos, unha adaptación, aínda que non de novela gráfica, de momento. Pero non o desboto.