Birdboy foi un dos protagonistas da gala de entrega dos Goya. Acadou o premio á mellor curta de animación, demostrando -xunto con Arrugas- que a animación galega segue gozando de moi boa saúde. Alberto Vázquez amósase modesto co seu Goya: “é unha ferramenta de promoción do teu traballo, do que fixeches. Supón pechar un ciclo e que a xente a poida ver na web, e está moi ben de cara aos seguintes proxectos". Entre eses proxectos está o dunha longametraxe de animación, aínda en fase de financiamento, e o dunha nova curta, ademais do seu traballo como ilustrador.
Repite que o premio supón o peche dun ciclo, dun proceso de sete anos que se inicia en 2005 coa publicación do álbum Psiconautas: "Pedro Rivero leuno, gustoulle e pensou que era fácil adaptalo. A nosa idea era facer unha longa, pero nese momento non se puido. En vez de facer probas de animación, preferimos facer a curta, porque así tes unha historia pechada e podes vendela, de cara a conseguir financiamento para a longa".
Un salto ao baleiro
A curta percorreu ducias de festivais en todo o mundo, entre eles o prestixioso certame de animación de Annecy, e mesmo foi preseseleccionado para os Óscar. Non tivo uns inicios doados, pois para o seu financiamento (75 mil euros), Pedro Rivero e Alberto Vázquez tiveron que achegar unha parte do capital. Foi como saltar ao baleiro, sen saber se o proxecto ía ser minimamente rendible ou se ía ser ben recibido: "é complicado, son malos tempos, sobre todo para un proxecto de animación non comercial e non destinado ao público infantil. Por iso puxemos nós os cartos, pero mereceu a pena. O proxecto péchase ben co Goya, cunha medalla", di Alberto Vázquez.
Sobre o futuro de Birdboy e a posibilidade de que a curta se convirta nalgún momento en longametraxe, Vázquez é cauto: "temos o guión e temos a fase de preprodución propia, pero non puido ser, por causas externas. Eu sigo con outros proxectos; se sae para adiante, perfecto".