'Valentina' é unha aventura de animación musical cunha nena con síndrome de Down como protagonista. Dirixida por Chelo Loureiro, lanza unha mensaxe de empatía e de respecto cara a todas as persoas, pois todos temos limitacións
″As cancións da infancia son inesquecibles″. Por iso Chelo Loureiro soubo desde o principio que quería contar a historia de Valentina a través das cancións. Valentina é unha película que fala da inclusión a través dunha nena con síndrome de Down, pero que tamén promove a inclusión desde a súa propia creación. Nesta aventura de animación musical que chega agora ás salas de cinema na súa versión orixinal en galego e tamén nunha versión en castelán, a directora e produtora quixo rachar cos prexuízos da discapacidade e falarlle directamente aos cativos (e, a través deles, aos adultos).
″Coas cancións transmitimos unha mensaxe para empatizar con todas as persoas. Todas somos diferentes e todos merecemos o mesmo respecto–salienta Chelo Loureiro–. Temos que poñer o foco nas capacidades e non nas discapacidades, porque todos temos moitas limitacións. Os que podemos, tratamos de ocultalas, pero elas e eles non poden disimulalo, son de verdade, son auténticos″. Valentina pode verse en galego no cinema Numax de Santiago de Compostela, nos cines Duplex de Ferrol, nos Códex de Lugo e no Galicine Ponte Vella de Ourense.
"Os nenos que participan na película dixéronme que a mellor parte da experiencia foi o que aprenderon con Lucía e Pepa, as dúas nenas con síndrome de Down"
″Estou convencida de que, por moito que as persoas falen de inclusión e diversidade, non está no cerne da xente e non é certo que o vexan ben. Os pais teñen medo de que metan nenos con algún tipo de discapacidade nas aulas dos seus fillos porque temen que baixe o nivel da aula, como se o máis importante fose a aprendizaxe académica. Creo que a escola ten que espertar a curiosidade dos nenos, porque hoxe temos moitos recursos para aprender máis coñecementos; sen embargo, a empatía é o que habería que aprender desde ben pequenos, nas aulas e nos fogares″, explica a directora.
Dúas nenas con síndrome de Down póñenlle voz á protagonista en galego e en castelán. Lucía Seren tiña 11 anos cando gravou a versión orixinal en galego e Josephine Lockhart tiña 12 cando fixo a dobraxe ao castelán. ″O mellor da película para min foi que, cando rematou o proceso, os nenos que participan na película, que son moitos, me dixeron que a mellor parte da experiencia para eles fora o que aprenderan con Lucía e Pepa, as dúas nenas con síndrome de Down. Aprenderon pola necesidade de integralas nas súas vidas e descubriron o que lles aportan. Só por iso xa mereceu a pena todo o esforzo″, conta Chelo Loureiro.
"Os nenos non teñen ningún problema, trátanse todos como iguais"
Tres mulleres comprometidas co música galega están presentes na película, como describe a directora, ″desde María Manuela que leva toda a vida subida aos escenarios cantando a todos os nosos poetas en galego, e que foi tantas veces, ademais, non contratada precisamente por cantar en galego; a Uxía e Pilocha″. As tres prestaron as súas voces para que os personaxes falen e canten. Como tamén o fixo o ferrolán Andrés Suárez. A banda sonora orixinal de Valentina é de Nani García e unha das cancións de Emilio Aragón.
″É tan necesario que a xente se forme. Os nenos non teñen ningún problema, trátanse todos como iguais. É cando somos maiores que cambiamos a mirada, non sei se por descoñecemento ou por falta de empatía″, explica a directora.
Na historia, a avoa de Valentina é a que lle repite que todo é posible para ela, que ten que perseguir os seus soños. E esa relación neta e avoa centra outra das temáticas do filme: a despedida. ″Creo que estamos creando unha sociedade na que afastamos a terceira idade, incluso se lles trata exactamente igual que a estes nenos. Os infantilizamos, e penso que o facemos tamén por descoñecemento″, debulla.
″O que non queriamos era crear un drama, a nena ten que ter a súa aventura como calquera outra"
″O que non queriamos era crear un drama, a nena ten que ter a súa aventura como calquera outra. Que a súa condición aféctalle nalgunhas cousas, si, pero a aventura a vive″, conta Chelo Loureiro. Esa aventura ten na súa orixe a ″desaparición″ da avoa. Os pais dinlle a Valentina que saíu de viaxe, e ela non pode entender como puido marchar sen ela, polo que decide ir buscala.
Valentina está pensada para nenos e nenas desde os tres anos, por iso ten unha duración de 65 minutos. Está previsto que, despois do seu percorrido polas salas de cine, se emita na TVG e chegue tamén ás plataformas dixitais.