Morre o cómico Pedro Brandariz aos 44 anos de idade

Pedro Brandariz CC-BY-SA Bibliotecas Coruña

O actor cómico Pedro Brandariz (Oleiros, 1978) faleceu este martes mentres estaba a realizar un monólogo nun colexio de Teo. Aínda que se atopaba enfermo dende hai tempo a súa indisposición foi tan repentina que o alumnado pensou nun principio que o seu esvaecementos formaba parte da actuación. Malia que os servizos de emerxencia acudiron rapidamente ao lugar, non puideron salvar a súa vida.

Brandariz faleceu mentres estaba a realizar un monólogo nun colexio de Teo

Brandariz definíase como cómico, actor, clown, monologuista, contacontos ou cabareteiro. Fixera, pois, da risa e do espectáculo a súa profesión, como escribira hai tempo como encabezamento do seu currículo: "Caín nisto da comedia por ser, dende cativo, o graciosiño do grupo, o guapo non, o simpático, o pavero… E como dende sempre tiven que utilizar as miñas dotes cómicas para o día a día, decidín adicarme ó humor e á comedia de maneira profesional. E cando te das conta levas case 20 anos de actor cómico, tanto nos teatros como nas pantallas máis grandes e pequenas".

"Caín nisto da comedia por ser, dende cativo, o graciosiño do grupo. E como dende sempre tiven que utilizar as miñas dotes cómicas para o día a día, decidín adicarme ó humor de maneira profesional", escribiu na súa biografía

Brandariz seguiu a facer comedia ata o día derradeiro, e aínda este luns fixera tres representacións de "Os Poderes de Rosalía" no Pindo e Carnota, unha sesión de contacontos que levaba a cabo en centros de ensino e outros espazos. E ademais da actuación de Teo, tiña prevista outra na Coruña pola tarde.

Foron moitos os xéneros e producións que desenvolveu ao longo das últimas décadas. Dos monólogos cómicos ao teatro, pasando polos sketchs en televisión ata chegar ás webseries (das que foi un dos pioneiros en Galicia) ou ao cinema. 

Brandariz era finalista nos Premios Mestre Mateo que se entregarán en marzo na categoría de mellor interpretación masculina protagonista por Jacinto

De feito, Brandariz era finalista nos Premios Mestre Mateo que se entregarán en marzo na categoría de mellor interpretación masculina protagonista por Jacinto, filme de Javi Camino que suma 11 nominacións. Jacinto, no que Brandariz interpreta a un neno de 9 anos nun corpo dun home de 40, está a acadar importantes recoñecementos internacionais, como os premios no Austin Film Festival ou no Festival de Cine Fantástico de Canarias Isla Calavera e foi estreada no Festival de Sitges.

Foi tamén ben coñecido nos últimos anos polas súas intervencións en programas de TVG, como Luar ou Malo Será.  Así mesmo, participou en varias decenas de obras de teatro e espectáculos de clown e aínda o pasado verán participou no Festiclown Vilagarcía ofrecendo xunto a Fran Rei unha escolma dos seus vinte anos de traballo no clown.

Cómpre destacar as súas actuacións en varias webseries, un xénero que contribuíu a popularizar a partir do ano 2016. Aí están producións como Peter Brandon, Galicia Crime, Antolepsia ou Dinosaurio. Aínda o pasado ano Mataría, produción de Pedro Brandariz e Javier Seoane gañou no Carballo Interplay os galardóns de Mellor serie en galego e o premio do público

Dende que se coñeceu a nova do seu falecemento foron moitas as mostras de condolencia publicadas nas redes sociais por amizades, entidades culturais e por persoas que seguían os seus espectáculos. Así, a Academia Galega do Audiovisual escribiu na súa conta de Twitter que "recibimos con estupor a noticia do repentino falecemento do noso asociado Pedro Brandariz, un comediante, como lle gustaba definirse, especialmente querido. Unímonos ao fondo pesar de todo o sector pola súa perda. Descansa en paz, compañeiro".

Tamén o programa Luar da TVG escribiu en Twitter que "Nunca pensamos chegar a vivir un día tan triste. Hoxe marchou Pedro Brandariz e non temos palabras para describir o baleiro que deixa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.