'Mataría' e 'La Reina del pueblo', triunfadores na oitava edición do Carballo Interplay

Pedro Brandariz e Javier Seoane, premiados por 'Mataría' © Carballo Interplay


La Reina del pueblo, unha revisión post-millennial do costumismo castizo, e Mataría, unha produción independente galega ideada polo humorista Pedro Brandariz e polo realizador e actor Javier Seoane, Javi SeGa, foron as grandes triunfadoras na entrega de premios ás mellores series web da 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. 

O xurado outorgou o premio de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 400 euros, a Mataría, que conseguiu tamén o galardón do público, dotado con outros 400 euros. A produción de Atresmedia La reina del pueblo, pola súa banda, foi premiada como Mellor serie estatal, galardón dotado con 800 euros, e mellor guión, para Raúl Navarro. 

Raúl Navarro, guionista de 'La Reina del pueblo' © Carballo Interplay

O premio para Mellor serie internacional foi para a comedia épica desde o interior dun vídeoxogo, Mortal Glitch, producida por 2btube, e o de Mellor dirección, para Beatriz Abad por Riders, producida por Playz. 

O xurado mozo, pola súa banda, decidiu outorgar o seu premio a Psicóticas Inseguras, unha comedia xeneracional chilena feminista e subversiva. Ademais, o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, foi para Pringadas, de Belén Puime, por "responder á necesidade de contidos en galego enfocados á xeración Z, por afondar e conectar coa súa realiade e pola liberdade dunha protesta que foxe dos estereotipos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.