O festival de contidos dixitais Carballo Interplay decidiu este ano integrar na súa programación un encontro dos ‘Masters de Internet’ en galego. Entre eles estará Isaac González, un dos creadores de Podgalego e, polo tanto, unha das persoas que máis saben de podcast feitos en Galicia. González compartirá faladoiro o 9 de setembro con Olaxonmario e Nee Barros, creadores de Youtube, con Samuel L. París (MBA mal), con Carme D. Prol (Café Derby 21), con Malva (Tik Tok), con Jon Amil (@AmilGZ) e Mira1 cousinha (@_mira1 cousinha_), de Twitter e con Agos Reigosa, de Twitch. Falamos con Isaac González.
Podgalego empezou hai 15 anos pero vós xa faciades podcast antes. Como comezou todo?
Empezamos Uxío Broullón (ictioscopio), Pedro Silva de blogaliza e eu. Eu estaba en CUAC FM facendo radio universitaria. Tiña un programa de música electrónica, tecnoloxía… Ademais, estudiei Informática, o cal axudou porque naquel momento a parte tecnolóxica era complicada. Estábase pasando do CD ao MP3 e despois viñeron os podcast, primeiro da man de Apple e despois xa con software libre. Ao empezar a facer podcast pasamos de ter audiencia só na Coruña a poder tela a nivel mundial… Podo dicir que foi un éxito porque empezaron a chegar correos, promocións… Fixemos un concurso para crear unha sintonía para o programa e os catro grupos que se presentaron eran de fóra da Coruña...
“Podía haber, ao principio, uns oito ou dez podcast en galego, pero moi pouca xente os coñecía”
Hai unha relación entre radios independentes e podcast…
Un podcast non deixa de ser un audio que sobes a internet. Si que se foron metendo, paulatinamente, as radios libres, despois a CRTVG… Primeiro eran só algúns programas, despois xa algo máis xeneralizado…
Podgalego xorde nun momento en que vos parecía que se poderían facer máis podcast en galego dos que había…
O problema basicamente era chegar ás cousas que se estaban facendo. Podía haber, ao principio, uns oito ou dez podcast en galego, pero moi pouca xente os coñecía. Podgalego créase, entón, para divulgar o que hai. Uxío era máis de axudar a xente a facer podcast, eu máis de divulgar o que había. Cos obxectivos de ambos creamos Podgalego.
Podgalego tivo varias etapas. Cales foron os principais cambios que foi introducindo? Foi engadindo novidades e despois parece que decidiu, en certa medida, diminuír as ambicións…
“A principal novidade foi a creación de comunidade”
Ao principio eramos máis xente -estaba Pedro e había colaboradores- e despois quedamos dous, Uxío e eu. Tivemos unha primeira etapa moi activa na que fomos metendo noticias, titoriais, recursos… A segunda etapa non foi tan activa. Podgalego estivo caído bastante tempo por motivos técnicos. A terceira etapa xa veu máis como unha lista de podcast. A cuarta comezou a raíz do Carballo Interplay. Organizaron unha xuntanza de creadores de podcast e iso foi o que fixo prender a faísca. Comezamos a crear comunidade, fixemos unha canle de telegram… Tamén mudamos e ampliamos o web, que en esencia é unha versión mellorada. Pero a principal novidade foi a creación de comunidade.
E como foron cambiando os propios podcast?
Poderiamos dicir que ao principio había diferenzas importantes entre dous tipos de podcast. Uns viñan das radios e outros estaban feitos na casa. Notábase a diferenza no aspecto tecnolóxico. Pero agora os equipos caseiros son moito mellores e as radios tampouco son tan protagonistas, entón xa non hai esa diferenza. O formato do podcast vén da radio pero a diferenza é que pode escoitarse a calquera hora e que non está marcado polas grellas da radio. Cada vez máis, a xente foi experimentando na súa casa…
“O formato do podcast vén da radio pero a diferenza é que pode escoitarse a calquera hora e que non está marcado polas grellas da radio”
E o vídeocast? GZVídeos pode ser un exemplo…
O podcast empezou con audio e despois tamén empezou a facerse con vídeo. Pero despois chegou Youtube e o formato de vídeocast podería dicirse que foi morrendo.
En Podgalego hai un apartado sobre podcast en portugués… Tamén queredes crear comunidade cos creadores de podcast de Portugal ou Brasil, por exemplo?
Hai moita xente de Galicia que fai podcast en castelán. Hai unha asociación de podcast en español coa que hai certa relación. Nós pensamos que por que non abrirnos tamén á comunidade de podcast en portugués. Empezamos a ter relación por Twitter, a escoitar podcast en portugués e a poñer algunha ligazón no noso web. Pero tampouco é máis.
E o festival de podcast?
Hai un festival con premios pero nese caso nós tamén só divulgamos. Non estamos na organización nin nada.
Agora.gal é un portal de noticias sobre cultura, tecnoloxía… que tedes integrado no voso web.
En realidade compartimos espazo pero Podgalego e Agora.gal son dous proxectos independentes. Agora.gal é un metamedio, un agregador de noticias de distintos medios.
“Compartimos espazo pero Podgalego e Agora.gal son dous proxectos independentes”
Si tedes no web recursos para crear podcasts, escoitalos, atopar música e sons libres…
Si, porque sobre todo ao principio había moita xente que preguntaba sobre como facer podcast… Por iso temos unha parte de recursos que serve, sobre todo, para xente que se está iniciando.
Dos podcast que se están a facer agora queres subliñar algún?
Pois case prefería non facelo porque son moitos e podería ser inxusto. Cada persoa ten os seus favoritos. O que si recomendamos é usar as categorías para buscar.
Como dirías que foi evolucionando a propia comunidade de creadores?
“Está a producirse unha converxencia de formatos e plataformas: fanse directos desde Twitch que se gravan e despois se soben a Youtube e logo o audio como podcast”
A nosa comunidade ten un ano así que tampouco podería dar datos moi exactos. Ao principio os podcast eran máis como un programa de radio, logo xente que falaba dun tema concreto… Tamén bastantes de entrevistas. Penso que agora son máis de nicho, é dicir, máis especializados: de vídeoxogos, de viaxes, de gastronomía… De moitas cousas. Tamén está a producirse unha converxencia de formatos e plataformas: fanse directos desde Twitch que se gravan e despois se soben a Youtube e logo o audio como podcast. Así que coa mesma gravación faise un produto para tres plataformas.
E os medios de comunicación? Falabamos antes da CRTVG. Houbo converxencia aí tamén?
En Galicia a verdade é que nin houbo nin hai. Si por parte de Si Radio Galicia ou da CRTVG, que os foi introducindo. O que non está pasando e que sería desexable é que os medios de comunicación ollasen os podcast como canteira.
A presenza do galego en internet, en xeral, é grande comparada coa súa presenza ou máis ben forza social. Como pode reforzala o podcast?
A verdade é que agora, na era do vídeo, o podcast quedou un pouco como en segundo plano. Como a radio, que quedou en segundo plano pero segue estando aí. Co podcast é moi fácil facer contidos falados e esa é a súa vantaxe. E o bo é que a xente pode comunicar e crear facilmente. Que a xente poida crear contidos falados en galego -os escritos xa teñen outra tradición- é algo importante. E iso facilítao moito o podcast.
Falando desa era do vídeo, cal é a relación entre o podcast e a xente nova?
A miña percepción é que se produce como unha mestura. Por un lado a xente nova pode preferir formatos como o do Tik Tok. Pero por outro lado hai xente de todas as idades facendo podcast. Tamén houbo un boom coa pandemia. Podería dicir que o formato é de xente algo maior pero tamén hai xente moi nova.
E a relación entre o podcast e a música? Parece especialmente axeitado.
“Eu diría que é un formato non maioritario”
Pois a min sempre me gustou a radio musical pero en realidade non hai moito podcast de música. Si había xente que poñía música e contaba a historia do disco, do grupo… Pero iso perdeuse moito. A estrela é o magazine: xente que fala de cousas lixeiras. E despois hai moitos podcast especializados: de ciencia, cine, cociña, ecoloxía, sociedade… De música nós temos 26.
Non sei se tedes datos moi concretos pero, que impacto teñen os podcast?
Non hai unha métrica tan precisa como, por exemplo, a do Youtube. Pero eu diría que é un formato non maioritario, que as cifras de ouvintes non son moi altas. Nós temos mil e poucas visitas ao mes no noso web.
Que pensas de Retrocorenta, de Praza e VINTE? (Por varrer para a casa).
Pois agradécese escoitar podcast ben elaborados coma Retrocorenta.
E hai algún desequilibrio en canto a creación? Refírome a de xénero, por exemplo, ou temáticas que falten ou se exploren pouco…
Penso que non. Hai moitas mulleres creadoras. Na miña opinión faltaban podcast de calidade de política. Pero agora está Carretando, que o fai xente de Ciencias Políticas. O podcast foise diversificando.
“Para min o ideal sería sobrevivir moitos anos como catálogo dos podcast que hai”
E cal che gustaría que fose o futuro de Podgalego?
Eu penso que menos é máis. Para min o ideal sería sobrevivir moitos anos como catálogo dos podcast que hai. Manter a comunidade, os recursos… é un traballo máis custoso que ogallá tamén se manteña, pero para min a prioridade é divulgar.