"Agora.gal aspira a ser a porta de entrada á Internet en galego"

Portada de Agora.gal © Agora.gal

Este domingo 11 de abril, ás 11 da mañá. nace un novo medio en galego (Agora.gal). Ou máis ben un medio de medios. Agora.gal bota a andar co obxectivo declarado de "distribuír contidos en galego mediante a agregación voluntaria de creadores" e aspira a ser unha "porta de entrada á Internet en galego", o espazo no que unha persoa pode iniciar a súa navegación diaria, consultando nunha ollada as últimas actualización dun gran número de medios e fontes.

"Esta iniciativa, que non deixa de ser unha ágora, un espazo de partilla e encontro, pode contribuir na construción e no reforzo da comunidade dixital galega" 

"Pensamos que se conseguimos ordenar, xuntar, clasificar e distribuír bo contido que xa se está facendo por aquí crearemos valor para os lectores, que agora poden atopar esas pingas que máis lles interesan, e tamén para os xeradores de contidos, que poderán alcanzar maior visibilidade", explicaban hai unhas semanas no seu blog, engadindo que "esta iniciativa, que non deixa de ser unha ágora, un espazo de partilla e encontro, pode contribuir na construción e no reforzo da comunidade dixital galega".

Captura de pantalla da portada de Agora.gal © Agora.gal

A web selecciona contidos publicados por webs de información especializada e outros espazos, ademais do acceso ás peneiras do contido en galego en Youtube, Twitch ou a Podgalego

Agora.gal selecciona e organiza contidos publicados por webs de información especializada, blogs e outros espazos, ademais de incorporar o acceso ás peneiras do contido en galego en Youtube, Twitch ou ao Podgalego que recompila os podcast realizados na nosa lingua e do que xa falamos nesta ducia. A páxina inclúe, así mesmo, a información estatística sobre a Covid-19 realizada por Daniel González Peña (@lipido), a información do tempo de David Domínguez ou as últimas novidades do deporte galego a través de Marcador Galego.

Isaac González (creador tamén de Podgalego) e co que falamos ao fío doutros proxectos, é un dos impulsores de Agora.gal. Explica que este obxectivo de organizar a Internet galega pode semellar "moi ambicioso" nun momento en que existen decenas de milleiros de webs e contidos de todo tipo en múltiples plataformas, pero que supón un paso adiante necesario. Internet é "un caos marabilloso", pero se carecemos de ferramentas que nos guíen podémonos perder neste "mar de información" e non atopar aqueles contidos que estamos buscando.

Internet é "un caos marabilloso", pero se carecemos de ferramentas que nos guíen podémonos perder neste "mar de información" e non atopar aqueles contidos que estamos buscando

En certa maneira, os obxectivos da páxina lembran un pouco a aqueles portais que nos anos 90 funcionan como directorios de webs, portas de entrada á rede e puntos de encontro para unha comunidade (como o primeiro Yahoo!, Terra, Sapo.pt ou, en Galicia, Vieiros.com, ao que lle dedicamos esta ducia). Neses anos era posible abranguer nunha soa páxina case todas as webs que estaban a producir contidos na rede e estes portais eran útiles para orientarse nun espazo novo e descoñecido. Hoxe o escenario é o contrario: coñecemos o espazo, pero perdémonos na súa inmensidade de producións, polo que de novo son necesarios estes mapas.

Captura de pantalla da portada de Agora.gal © Agora.gal

“É paradoxal que cantas máis formas temos agora de chegar a un sitio, ás veces semella que nos custa máis acceder aos contidos que buscamos"

“É paradoxal que cantas máis formas temos agora de chegar a un sitio, ás veces semella que nos custa máis acceder aos contidos que buscamos", explica. "Sempre poño o exemplo do meu curmán, que é galegofalante e encántanlle os videoxogos, pero non está no que poderiamos chamar a 'burbulla' dos medios en galego. Como chega, por exemplo, á revista Morcego, que está publicando cousas que lle interesarían moito? Non chega”, di.

No caso do galego, engaden dende Agora.gal, engádese o feito de que se non configuramos o navegador na noso idioma, os buscadores non amosan as páxinas de contidos realizados nesta lingua. "Grandes creadores de contidos non poden ser atopados mediante a busca simple, polo que non teñen unha ponte de conexión co público", sinalan.

A páxina non é un agregador automático, senón que nace cunha selección de medios e fontes aos que se lles preguntou se desexaban formar parte desta compilación e que se irá ampliando. Ademais, a web está aberta á incorporación de máis webs, para o que abre un formulario de envío

Agora.gal nace sen ánimo de lucro, pero co obxectivo de ser autosustentable, polo que buscará financiarse con publicidade. Por suposto, a páxina non queda co contido publicado por outros, senón que simplemente redirixe a el. "Cando alguén clica nunha ligazón partillada en agora.gal, o noso portal rediríxeo ao lugar onde o texto foi publicado orixinalmente, xerando tráfico para as propias webs. Respectamos moitísimo aos creadores de contidos e o que queremos é precisamente darlles un pequeno impulso", destacan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.