As mellores webseries galegas do ano danse cita no Carballo Interplay

Webseries Interplay © CIP

O festival Carballo Interplay foi dende a súa primeira edición, hai sete anos, un espazo para a promoción e o impulso das webseries galegas, un formato que nese ano 2013 daba os seus primeiros pasos. En Carballo non só se proxectan (e se premian) as mellores producións de cada ano, senón que dende hai un tempo entrégase un galardón a proxectos de series, presentados no marco do festival, e que grazas a este impulso poden devir unha realidade. "O labor que está a facer o Carballo Interplay é moi importante e tamén moi arriscado. É un festival no que se valoran sobre todo as historias e non tanto as persoas que están detrás delas", destacaba nesta entrevista Ángela Andrada, creadora da serie Hai vida en Bran?

Por primeira vez na historia do festival o público pode ver e votar a través da rede as series finalistas da Sección Oficial, entre elas as galegas Destapando Casares, Os 20 de XX, Capitán Breomán, Save e amigos, Mataría Microserie, Adegas da memoria e S.E.X.

Na edición deste ano as webseries volven ter un lugar protagonista, xunto con outros contidos dixitais. A competición divídese en tres categorías: Internacional (con 14 series), Estatal (con 10 producións) e Versión Orixinal en Galego (con 7 finalistas). Este xoves proxectáronse en Youtube, Facebook e Twitch as finalistas galegas e o venres e sábado, as españolas e internacionais. Por primeira vez na historia do festival, poden verse e votarse a través da rede as series finalistas da Sección Oficial, de xeito que todos os e as espectadoras poderán elixir dende as súas casas as obras gañadoras do Premio do Público.

Velaquí as finalistas galegas

  • @Destapando_Casares: Unha nova conta de Instagram promete revelar todos os segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares, creando un clima de desconfianza no que todos se preguntan… quen é o da conta?
  • Os 20 do XX. Esta serie de vídeos explicativos animados, publicados nos últimos meses en Vinte, serviron para botarlle unha ollada á sociedade galega de hai 100 anos, aos anos 20 do pasado século.
  • Capitán Breomán: Cando o excéntrico músico e ex-superheroe Matthew Leslie vai ó tacho, ten que retornar á súa identidade segreda de Capitán Breomán para salvar a cidade de Nova Brigantia e a sí mesmo.
  • Save e amigos: No ano 2013, Save fíxose viral grazas á perda da súa chaqueta de leopardo. Sete anos despois, volve a YouTube para intentar retomar a súa fracasada carreira.
  • Mataría Microserie: “Mataría” son microcapítulos nos que Pedro Brandariz expresa a raiba que lle dan certas persoas “repunantiñas”, como a xente que aproveita demasiado os iogures, a xente que non colle o teléfono…
  • S.E.X.: Sara, Edu e Xela son S.E.X. e nesta canle falan sobre sexualidade, corpos, desexos, relacións íntimas… Falamos con elas hai uns meses e destacaron que o obxectivo da serie é introducir a perspectiva feminista na educación sexual, así como a prevención ante condutas de risco ou a promoción do respecto cara á diferenza.
  • Adegas da memoria: Un proxecto audiovisual e etnoarqueolóxico centrado na comunidade e paisaxe da parroquia de Vilachá, corazón da Ribeira Sacra. Nesta información falamos da campaña arqueolóxica que se leva a cabo na zona

Ademais, no festival estreáronse as dúas series gañadoras do premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega co que o Carballo Interplay quere incentivar a creación de contidos en galego, axudando a producir os tres primeiros episodios do proxecto gañador. O mércores foi a quenda da comedia millennial e un chisco surrealista “Xan”, de Lucía Estévez, que serviu para inaugurar o festival.

Ademais, estreáronse Xan e Amnesia 3.0, gañadoras o pasado ano do premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega

Así mesmo, este xoves pola noite estreouse a serie futurista Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, creada por Irene Pin, Iria Igrexas e Natalia Porca. Trátase dunha "macroprodución con micropresuposto" ao máis puro estilo Black Mirror que demostra que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aquí. O evento constituíu un fito dentro da ficción dixital galega, pois ofreceu a posibilidade de que o espectador ou espectadora se achegue á historia por un ou outro itinerario que el ou ela mesma poderá escoller. Unha aposta interactiva sen precedentes que nace "dunha teima por atreverse a romper os límites impostos", destaca o equipo responsable.

Finalmente, un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixe ao longo do festival a webserie gañadora do premio a proxectos en versión orixinal galega desta edición, que previsiblemente se estreará na vindeira edición do certame.

Houbo catro finalistas: Cacola (un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Hidalgo), Lévede (unha webserie sensual con receitas de panadaría galega ideada pola produtora de audiovisual rural Siradella Films), Óleo (un proxecto de ficción que retrata a soidade, o baleiro interno, a rabia e a culpa que sofren as persoas que teñen que deixar a súa vida para coidar dos demais dirixida por Daniel Sanmartín) e Cebo&Allo (unha ficción cómica de Román Castaño Frieiro).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.