As "dúas españas" caben en Muros e Noia no filme 'La tregua'

O actor Federico Pérez no filme 'La tregua' © Plano a Plano

Federico Pérez e Alejandro Jato interpretan en 'La tregua' a un de Muros que loitou coa República e un de Noia do bando nacional que se atopan nun gulag soviético na Segunda Guerra Mundial

O filme La tregua, xa en cines, dirixido por Miguel Ángel Vivas, baséase na historia dos presos españois que sobreviviron nun gulag da estepa rusa durante a Segunda Guerra Mudial. Protagonizado por Miguel Herrán e Arón Piper, no reparto están os galegos Federico Pérez Rey e Alejandro Jato, ademais de Javier Pereira, Fernando Valdivieso, José Pastor, Manel Llunell, Sergey Ufimtsev, Dina Tasbulatova, Diego Montejo, Sara Robisco, Altinay Nogerbeck, Farabi Akkozov, Daniel Hovarth, Christian Stamm, Manuel Cordero e Peter Nikolas.

"A película conta a historia dun grupo de presos republicanos e outro da División Azul de Franco que coinciden na Unión Soviética, en Kazakhstán, no ano 1941. Dentro dese campo de traballo, no gulag, teñen que intentar deixar un pouco ao lado as súas diferenzas ideolóxicas e aprender a convivir baixo a tutela da dureza, da violencia e do traballo que hai nese lugar", conta o actor Federico Pérez, que interpreta a un mariñeiro de Muros que loitou coa República na Guerra Civil española. 

La tregua, que se presentou no Festival de Cine de San Sebastián, onde Federico Pérez puido vela na pantalla grande por primeira vez, conta en primeiro plano as historias dos líderes deses dous grupos enfrontados, mais o resto dos personaxes non pasan para nada desapercibidos. É aínda onde o filme aproveita para marcar perfil. 

"Dixemos que se queriamos facer algo realista, naturalista, contar a verdade... Se se atopan un de Noia e un de Muros, por moito que un deles sexa un pouco facha, van falar en galego"

"Hermida é de Muros, é un mariño que loitou coa República na Guerra Civil e despois en contra de Hitler na Segunda Guerra Mundial. No gulag atópase co personaxe que interpreta Alejandro Jato, que fai dun de Noia que estaba na División Azul. Aproveitamos que o guión nos brindaba ese regalo para aportar o noso gran de area galego e, digamos, localista, no sentido de que realmente entre Muros e Noia hai tamén unha rivalidade, aínda que sexa unha cuestión máis 'folclórica' e case un xogo, como pasa con Cangas e Moaña ou coa Coruña e Vigo. Realmente é unha pincelada, pero está aí para quen queira entendelo", explica Federico Pérez.

Un dos guionistas de película, Fran Carballal, é vigués, polo que tamén remou a favor de mostrar da maneira máis fiel como sería ese encontro entre un de Muros e outro de Noia no medio de Kazakhstán. "É unha película na que se fala ruso, kazako, alemán, español, catalán e, por suposto, galego. No guión orixinal viña todo en castelán, con algunha expresión solta en galego. Pero dixemos que se queriamos facer algo realista, naturalista, contar a verdade... Se se atopan un de Noia e un de Muros, por moito que un deles sexa un pouco facha, van falar en galego. E acabamos falando en galego na peli", celebra o actor.

Miguel Herrán e Arón Piper, protagonistas de 'La tregua' © Plano a Plano

"Realmente creo que o máis vai chegar da peli é que, a pesar de que hai dous protagonistas moi potentes, que son moi bos actores ambos e que xa teñen unha gran dimensión aínda que son moi novos, hai un elenco moi ben repartido no que cada un pode tamén contar a súa historia", salienta Federico Pérez.

La tregua emprega como base a historia dos españois que caeron presos nestes centros de internamento, onde se sabe que houbo presos galegos, mais ficciona os personaxes concretos que aparecen. Rodouse integramente en Euskadi, na provincia de Bizkaia. No concello de Dima construíron o decorado que recrea un campo de traballo soviético nunha extensión de máis de 4.000 metros cadrados

"Desfrutamos moito a rodaxe, pero metémonos na pel dos personaxes porque aínda que estabamos en Euskadi e non en Kazakhstán pasamos moito frío", lembra o intérprete, que en novembro comezará os ensaios da montaxe da obra de Neira Vilas Memorias dun neno labrego no Centro Dramático Galego.

'La tregua' xa está nas salas de cinema © Plano a Plano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.