Sentamos con Federico Pérez e Iolanda Muíños para, entre polbo e ribeiro, conversar sobre +Cuñados, o filme co que volven ás pantallas tras o éxito e gargalladas da primeira parte
Na primavera de 2021, en plena pandemia, chegou ás salas de cinema Cuñados. A película, dirixida por Toño López e con guión de Araceli Gonda, estaba protagonizada por algúns dos rostros máis populares do noso audiovisual.
Federico Pérez, María Vázquez, Xosé Antonio Touriñán, Iolanda Muíños, Miguel de Lira ou Eva Fernández presentábannos unha comedia que chegaba coa intención de facernos rir, nin máis nin menos. E o certo é que o conseguiu con amplitude. Levou milleiros de persoas a unhas salas de cinema que daquela só podían ofrecer o 30% das súas localidades polas restricións da COVID.
Aquela historia, un enredo familiar moi ourensán, co viño do Ribeiro polo medio e uns aspirantes a autores de plans malvados que non deixaban de ser un pouco trapalleiros está de volta. Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal que conduce David Lombao, sentamos con Iolanda Muíños e Federico Pérez, parte do elenco de +Cuñados, que chega ás salas de cinema este 19 de abril.
Ana G. Liste tivo a oportunidade de conversar con Federico Pérez e Iolanda Muíños ao fío dunha nova entrega da historia que agora está dirixida por Luis Avilés e na que o guión volve estar ao cargo de Araceli Gonda. Os personaxes da familia protagonista regresan con novos enredos e, onde antes o pano de fondo era unha apaixonada eliminatoria de baloncesto entre o COB e o Breogán, agora atopamos nada máis e nada menos que o Entroido ourensán.
O actor e a actriz comparten connosco a experiencia da rodaxe e falan da importancia de termos comedias coma esta no noso audiovisual, da calidade dos equipos no sector, de como ven fóra as nosas series e películas e do que nos atrevemos e non a facer
No transcurso da conversa, o actor e a actriz comparten connosco a experiencia da rodaxe. Pero tamén falan da importancia de termos comedias coma esta no noso audiovisual, da calidade dos equipos no sector, de como ven fóra as nosas series e películas e do que nos atrevemos e non a facer. Todo, na plácida compaña dun pouco polbo do Carballiño e viño da D.O Ribeiro.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.