O pasado venres 9 chegou ás salas Cuñados, estreada en 120 cines de toda España. En só semana e media o filme galego converteuse xa na revelación desta tempada, sendo cada día dende a súa estrea o filme máis visto en Galicia e un dos dez máis vistos en todo o Estado. Na súa primeira semana achegáronse a vela unhas 20.000 persoas, unha cifra máis que notable tendo en conta as restricións de horarios e que as salas están ao 30% da súa capacidade.
Nas súas dúas primeiras semanas, o filme converteuse na película revelación do ano, o máis visto en Galicia e un dos dez máis vistos en todo o Estado
O seu éxito (é a mellor estrea do cinema español deste no que levamos de ano) fixo que na súa segunda semana de proxección, o número de salas medrase ata as as 135, en boa medida grazas a un boca-orella que está a funcionar de forma espectacular, sorprendendo a críticos (que concederon un aplauso unánime), distribuidores e ao propio equipo do filme. A comedia do ano, producida por Portocabo e protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muiños e María Vázquez, está dirixida por Toño López e conta con guión de Araceli Gonda.
Cuñados é, esencialmente, a historia de tres cuñados necesitados de cartos que idean un plan para facerse ricos que, evidentemente, sae mal e os introduce nun problema moito maior. Falamos con Federico Pérez, que nos fala sobre as claves do éxito do filme, os segredos do humor galego e da necesidade de rir precisamente neste ano de pandemia.
Sorprendeuvos o éxito que está a colleitar a película? En que momento soubestes que aquí podía estar unha das grandes revelacións deste ano?
"Coa pandemia a xente ten ganas de desafogar un pouco, de airearse e penso que é unha peli que axuda un pouco a iso. Había e hai moitas ganas de rir, de ver a luz un pouco"
Un sempre traballa para que as cousas que fai gusten o máis posible e, sobre todo, para quedar contento co que fixo. Pero dende logo, aínda que traballes para iso, nunca esperas que unha peli vai dar un pelotazo como está dando Cuñados. Nos primeiros pases, en Ourense ou en Madrid, xa vimos que a peli gustaba, tamén tivo moi boas críticas e agora está tendo moito éxito nas salas. Nunha peli feita en pandemia, en catro semanas e con todos os protocolos de seguridade, pois ao final sacar o que sacamos penso que é bonito.
Será que a xente ten necesidade de rir e que Cuñados chegou no momento indicado?
Supoño que é un condicionante máis, pero si, coa pandemia a xente ten ganas de desafogar un pouco, de airearse e penso que é unha peli que axuda un pouco a iso. Había e hai moitas ganas de rir, de ver a luz un pouco. E esta é unha película bastante luminosa, coa luz de Ourense e coa nosa forma de ser galega, que penso que é a esencia da peli e a clave do seu éxito.
Íache preguntar precisamente polas claves do éxito da película e as propias claves do humor galego...
"A xente que vai ver a peli atopa algo auténtico. A xente en Madrid dicíanos: 'estamos fartos de ver comedias españolas que non se sitúan en ningún sitio, que non contan nada, que non teñen esencia; e a vosa peli, en cambio, é todo o contrario"
Eu non sabería definir o que é o humor galego, non o souberon definir nin as persoas que o estudaron. Penso que o humor galego ten que ver sobre todo coa nosa forma de comunicarnos: como falamos, como respondemos, como lle damos mil voltas a unha cousa. Máis que o humor é o xeito, como dicimos nós, o xeito de dicir as cousas.
Penso que ao final o humor é unha cousa moi persoal, porque o que che fai graza a ti a min non e ao revés. A min gústame moito o humor dos Monty Python, pero hai máis tipos de humor inglés, o mesmo que en Galicia hai moitos tipos de humor e algúns gústanme moito e outros non me gustan nada. E por exemplo eu, que son galego ata a médula, Chiquito de la Calzada faime graza. É moi persoal
O humor galego gusta fóra? Enténdese?
Creo que o noso humor gusta moito fóra, pero penso que a clave é que a xente que vai ver a peli atopa que o que facemos alí é algo auténtico. A xente en Madrid dicíanos: estamos fartos de ver comedias españolas que non se sitúan en ningún sitio, que son moi light, moi pouco concretas, que non contan nada, que non teñen esencia; e a vosa peli, en cambio, é todo o contrario, ten moita esencia.
Esta é, dende logo, unha película moi galega, cun humor moi noso...
"Ao final imos ao cine para vernos a nós mesmos. E ves a peli e ris porque pensas 'menos mal que non estou nesa situación, porque podía estar perfectamente'"
É algo moi noso, pero que se entende moi ben fóra, porque ao final é unha historia moi universal: xente buscando a vida, todo cun certo grao de patetismo, porque son tres antiheroes, tipos que rozan un pouco o ridículo. Pero a quen non lle pasou iso na vida, que tentando amañar unha situación se mete nun problema aínda máis grande? Ao final imos ao cine para vernos a nós mesmos, como dicía Lorca que vas ao teatro para ver a túa vida. E ves a peli e ris porque pensas 'menos mal que non estou nesa situación, porque podía estar perfectamente'.
Non é unha comedia cun fondo social, aínda que queriamos darlle un toque como as comedias dos irmáns Coen. Pero si ten moito de Galicia, que é algo importante, porque estamos fartos de ver produtos que nos poñen así desa maneira, entre tópicos. En cambio nós queriamos facer algo noso, contar como é a xente en Galicia cando se mete en problemas. Algo así.
Comedias hai moitas e esta, partindo dun argumento moi sinxelo, dun enredo que seguramente xa vimos noutras historias, consegue enganchar á xente. Daquela, cal é o segredo do éxito desta película? O guión? A vosa interpretación? Todo á vez?
"Estamos fartos de ver produtos que nos poñen así desa maneira, entre tópicos. En cambio nós queriamos facer algo noso, contar como é a xente en Galicia cando se mete en problemas"
Si, é unha suma de cousas. Se todos tivésemos a tecla exacta para facer cousas que funcionen facer cine sería moi doado. Pero depende de moitos elementos. E en ocasións hai unha peli que está moi ben feita pero polo que sexa non funciona e ás veces non é pola peli en si, senón polo momento no que se estrea ou pola distribución ou a promoción que ten. Esta era unha peli que ía saír unicamente en Galicia, cunhas poucas copias, e con algúns pases en Madrid, Barcelona e Euskadi. E en cambio saímos con 120 copias en toda España. E aínda que o normal é que na segunda semana baixes, nós aínda aumentamos 15 cines máis, porque está funcionando o boca-orella.
A película gravouse en galego e está a exhibirse en galego nos cines de Galicia. Íache preguntar se o éxito de Cuñados é a demostración (unha máis) de que a lingua galego non é un obstáculo senón todo o contrario, pero se cadra a pregunta comeza xa a sobrar, non si?
"Xa me soa absurdo dicir 'en galego pódese facer...'. Por suposto, lévase podendo toda a vida e poderase sempre. Pódese facer cine, pódense ditar sentenzas e pódense gravar tiktoks. É un debate que creo que hai que ir deixando atrás, porque se nos enrocamos nel non imos avanzar"
Si, está feita en galego e é exhibida en galego en toda Galicia, que é o mínimo, e dobrada no resto de España, pero con algúns pases en versión orixinal. Os idiomas están para ser falados e escoitados e xa vai sendo hora de que normalicemos as linguas que hai no Estado Español. A todos nos gusta ver series danesas en Netflix en danés e con subtítulos e así queremos que se exhiba en todo o mundo o que facemos en Galicia e en galego.
É un debate que creo que hai que ir deixando atrás, porque se nos enrocamos nel non imos avanzar. Ata xa me soa absurdo dicir 'en galego pódese facer...'. Por suposto, lévase podendo toda a vida e poderase sempre. Pódese facer cine, pódense ditar sentenzas e pódense gravar tiktoks. Pero claro, levamos moitos séculos cunha lousa moi grande enriba e todo o que poidamos ir facendo para normalizar a situación, benvido sexa.
O éxito do filme é tamén un éxito dos e das profesionais do cine galego, que está deixando mostra no seu elevado nivel, con produtos de moita calidade, con éxitos en todo o Estado e mesmo fóra. Hai canteira?
"Aquí hai moi bo nivel interpretativo, moi bo nivel técnico. Despois, cando andas por aí, a xente faicho saber: 'que ben os galegos, que ben se traballa con vós'. Igual o que nos falta é acabar de crelo nós mesmos"
Si, claro, hai canteira de profesionais e lévaa habendo moitos anos. Agora estámolo vendo claro coa globalización do audiovisual e as novas plataformas de distribución, grazas ás que os produtos galegos están triunfando en todo o mundo. Pero aquí tivemos a sorte de ter unha plataforma como é a TVG porque grazas a ela formouse moita xente. Non deberíamos quedar aí, senón que debemos seguir avanzando cos tempos.
Aquí hai moi bo nivel interpretativo, moi bo nivel técnico, guionistas, directores, directoras... E, despois, cando andas por aí, a xente faicho saber: 'que ben os galegos, que ben se traballa con vós'. Igual o que nos falta é acabar de crelo nós mesmos. E o que tampouco podemos estar é pendentes de se nos recoñecen fóra ou non.