No outono de 2019 María Yáñez, directora de VINTE, anticipábanos que estabamos ás portas dunha película-acontecemento. O que arde, de Oliver Laxe, estaba a piques de chegar ás salas e xa se prevía un éxito que non se ía medir só en entradas vendidas ou en número de pases. Iso tamén sucedeu e, de feito, pouco despois xa era o filme en galego máis visto en salas comerciais en toda a historia, superando a histórica Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. Pero o impacto do filme tamén se mediu en tanto que a estrea e o éxito foron un acontecemento, un fito histórico para o cinema galego e tamén un feito colectivo relevante no país.
Algo máis de tres anos e unha pandemia despois está a piques de chegar ás salas, a moitas salas, outra película con bastantes posibilidades de poñerlle por tras iso de acontecemento. Matria, de Álvaro Gago, comezou sendo unha curtametraxe. Hai media década achegounos á personaxe de Ramona, unha traballadora da conserva na ría Arousa, a través dun día da súa vida que reflectía moitas loitas, moitos traballos, moitos conflitos… E tamén reflectía unha intención: desmitificar a idea de que Galicia é un matriarcado, como contaba Álvaro Gago en Praza.gal despois de que a curta fose premiada en Sundance.
En vésperas da estrea de 'Matria' xuntamos á súa protagonista, María Vázquez e mais a Francis Iglesias, a muller na orixe da historia do filme, nunha conversa cómplice que transloce unha esperanza: que haxa mulleres que, ao vela, "peten co pé no chan e digan ata aquí, eu tamén estou vivindo iso e non aguanto máis"
Neste 2023, Matria é unha longametraxe que xa pasou pola Berlinale e que vén de triunfar no Festival de Málaga. A súa protagonista é a actriz María Vázquez, pero tamén vemos nela a Francisca Iglesias, a muller que interpretou a Ramona na curta e que tamén ten tras de si unha profunda historia persoal. Nin a curta nin a longa son a súa biografía, pero a súa biografía si conflúe coa curta e coa longa.
No novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, a xornalista Ana G. Liste conseguiu xuntar a María Vázquez e a Francisca Iglesias para que nos falen do filme, pero tamén de moito máis. Matria chega ás salas de cinema este 24 de marzo, pero o pasado día 16 preestreouse en Vilanova de Arousa coa presenza do seu equipo. Alí foi onde puidemos estar con María Vázquez e Francis Iglesias.
A estrea de 'Matria' é a maior dun filme galego, con ata 60 salas en todo o Estado
No Fálase escoitamos a conversa con ambas e entre ambas. Unha conversa cómplice, que vai alén da coincidencia nun proxecto laboral e que enmarca unha película que pon o foco "alí onde, en moitas ocasións, non queremos ollar ou onde é moi difícil facelo, porque doe", destaca Ana G. Liste: "O machismo que impregna a realidade das mulleres no día a día, traballes onde traballes e vivas onde vivas".
Neste sentido, Francis Iglesias expresa unha esperanza en vésperas da estrea comercial do filme. Agarda que, tras veren a película ou saber dela, haxa mulleres que "peten co pé no chan e digan ata aquí, eu tamén estou vivindo iso e non aguanto máis". "Aínda que haxa unha ou dúas" que o fagan, "xa paga a pena", engade María Vázquez. "Porque estes casos -reflexiona Iglesias- moita xente non os sabe, vívense nas casas".
A conversa serve como pórtico ao espallamento dunha película que chega aos cinemas cunha dimensión inédita. Trátase da maior estrea dun filme de produción galega, con ata 60 salas en todo o Estado nas que, ademais, será proxectada en todo caso a versión orixinal en galego -subtitulada ao castelán, segundo os casos-
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.