Matria, a ópera prima de Álvaro Gago protagonizada por María Vázquez, levou unha ovación na súa estrea, o pasado venres 17, nunha sala con máis de 800 espectadores
Matria e Sica tiveron nos últimos días a súa estrea mundial no Festival de Cine de Berlín, onde compiten nas seccións Panorama e Generation. Ambas as dúas longametraxes, rodadas en galego, foron recibidas con aplausos nas salas berlinesas nas que se proxectaron, dando inicio a un percorrido que nos vindeiros meses as levará a outros certames e tamén ao circuíto comercial
Matria, a ópera prima de Álvaro Gago protagonizada por María Vázquez, levou unha ovación na súa estrea, o pasado venres 17, nunha sala con máis de 800 espectadores. Na premier, o director e a actriz protagonista estiveron arroupados polos produtores Dani Froiz (Matriuska), Mireia Graell (Ringo Media), María Zamora (Elástica Fims) e Stefan Schmitz (Avalon PC), xunto con parte do equipo do filme, como Ricardo Saraiva (montador) ou Melania Freire (directora de arte).
"É fantástico poder estar aquí tan arroupado polo equipo, nunha Berlinale con tanta presenza galega, e poder compartir por fin a película co público", destacou Álvaro Gago na presentación
"É fantástico poder estar aquí tan arroupado polo equipo, nunha Berlinale con tanta presenza galega, e poder compartir por fin a película co público", destacou Álvaro Gago na presentación. María Vázquez salientou a "enorme emoción e felicidade" de darlle vida a Ramona, a personaxe protagonista. Os dous lembraron na presentación a Francisca Iglesias Bouzón, a muller que inspirou a personaxe de Ramona, que xa fora a actriz protagonista na curta homónima coa que Álvaro Gago gañou o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance de 2018.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, Matria está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Avalon encargarase da distribución en España, con estrea en cinemas o 24 de marzo, e New Europe Film Sales ocúpase das vendas internacionais. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
Dous días máis tarde, este domingo 19, chegou a estrea de Sica, coprodución galego-catalá dirixida por Carla Subirana e rodada na Costa da Morte. O filme proxectouse no Urania Cinema de Berlín, onde o filme foi recibido "cun grande aplauso"
Dous días máis tarde, este domingo 19, chegou a estrea de Sica, coprodución galego-catalá dirixida por Carla Subirana e rodada na Costa da Morte. O filme proxectouse no Urania Cinema de Berlín, onde o filme foi recibido "cun grande aplauso". No pase estiveron presentes a directora barcelonesa e os actores da Costa da Morte Thais García, Marco Antonio Florido e María Villaverde, xunto coa actriz catalá Núria Prims.
"Foi unha longa viaxe desde que en 2016 se plantou a semente deste filme. Sinto que estiven subindo unha montaña moi alta durante moito tempo e por fin chegamos ao cume", declarou Subirana no coloquio despois da proxección, acompañada polos actores principais do filme.
Sica está presente na Berlinale e no European Film Market de Berlín e a súa estrea en cinemas será o vindeiro 19 de maio
Primeira longametraxe de ficción de Carla Subirana, Sica é un coming-of-age que conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio. É unha produción de Alba Sotorra, Miramemira, Zuzú Cinema, Amorambre Films e o Filmmaker Fund. Conta ademais co apoio do ICEC - Generalitat de Catalunya, AGADIC - Xunta de Galicia, ICAA - Ministerio de cultura, TVE, Televisión de Galicia, TV3 e o Creative Europe Media Program.
Sica está presente na Berlinale e no European Film Market de Berlín da man da axencia de vendas internacionais Latido Films, e a súa estrea en cinemas será o vindeiro 19 de maio, distribuída por A Contracorriente Films.
En palabras da directora: “A Naturaleza é outra protagonista en Sica. É un berro de auxilio ante a crise climática"
En palabras da directora: “A Naturaleza é outra protagonista en Sica. O vento, o mar, as ondas… manifestan o seu propio estado de ánimo, co temperamento único que ten o océano nesta costa. As personaxes amósanse pequenas fronte á súa inmensidade, e temerosas ante a chegada do furacán Ofelia, que ao mesmo tempo é o único capaz de devolver a harmonía á vida de Sica". "Como di Suso o Cazatormentas, Ofelia é a nai de todas as tormentas, pero só nos está avisando: despois dela virán máis, e distintas ás de antes. Sica é un berro de auxilio ante a crise climática”, engadiu Subirana.