Matria, curtametraxe dirixida por Álvaro Gago, foi premiada este sábado na Seminci de Valladolid. A peza proxectouse como parte de La noche del corto español dentro da sección Punto de Encuentro do festival, que recoñece o traballo de directores debutantes ou que asinan a súa segunda película. Alí, Matria obtivo o galardón Renault á mellor curta española.
Producida por Sombriza Films e protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón, a curtametraxe rodouse o pasado mes de marzo nas localidades de Cambados, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa e Aralde durante un total de seis días. Matria narra un día na vida de Ramona, unha muller que vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e a súa neta.
A curtametraxe, como destacou Gago no momento de recoller o seu premio, é "unha traxedia continua grabada con lume na cotidianidade e na rutina" e pretende "desmitificar a idea de que Galicia é un matriarcado". "Era a miña responsabilidade facer esta película. Era o meu deber darlle voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan. Mulleres, todas elas, sensibles, e que ante as dificultades do seu entorno vital, teñen a necesidade de protexerse. Son, polo tanto, dende un punto de vista cinematográfico, personaxes moi interesantes. Personaxes complexos, con moitos matices, incómodos na relación co entorno e de difícil acceso emocional", explica o director.
A curta está dedicada "a Francis, Eulogia, Pilar, Diana, Marta, Sara, Begoña, Janet, Carmen, Sita, Manola, Paula, Lucía, Sonia, Soraya, Sandra, Verónica, Consuelo, Irene, Carmen, Mari", e a "todas as matriarcas da terra dun tal Breogán".
Nas vindeiras semanas, Matria viaxará ata o festival de ALCINE (Festival Internacional de cine de Alcalá de Henares) e o Festival Internacional de Curtametraxes de Aguilar del Campoo. En Galicia proxectarase os días 14 e 18 de novembro na sala Numax de Santiago de Compostela dentro do marco do Festival Cineuropa.