Na Berlinale compiten dúas longametraxes, Matria e Sica, rodadas en galego e que ademais presentan un innegable protagonismo feminino nas historias de contan
O cine galego vai ser protagonista no Festival de Berlín, que comeza este xoves. No certame compiten dúas longametraxes, Matria e Sica, rodadas en galego e que ademais presentan un innegable protagonismo feminino nas historias de contan. Matria, de Álvaro Gago, competirá na sección Panorama e terá a súa estrea mundial o 17 de febreiro en Berlín. Mentres, Sica, da directora Carla Subirana, foi seleccionada para a sección Generation do festival.
Galicia incrementa así a proxección internacional que xa acadara en anos anteriores na Berlinale da man de realizadores como Lois Patiño, que no ano 2020 estreou internacionalmente Lúa Vermella no propio Festival de Cine de Berlín, dentro da sección Forum, ou de Diana Toucedo e o seu Trinta Lumes, entre outros realizadores e realizadoras. Porén, nunca ata agora houbera dous filmes rodados en galegos na mesma edición do Festival de Cine de Berlín.
A estrea mundial de Matria terá lugar este venres ás 20.30 horas en Berlín. Chegará ás salas comerciais o 24 de marzo
Este mesmo venres ás 20.30 horas no Haus der Berliner Festspiele, na segunda xornana do festival, poderemos comezar a ver Matria e a observar a súa repercusión nesta selectiva cita. O filme parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.
Matria parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional
Matria terá outros sete pases en Berlín ata o 25 de febreiro, que precederán á súa estrea en salas comerciais, que chegará o 24 de marzo, momento no que se poderá ver en cines de toda Galicia. Trátase dun drama social protagonizado por María Vázquez e que conta tamén no seu reparto con Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, Matria está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
Sica tamén terá a súa estrea mundial en Berlín, este domingo 19. Chegará ás salas comerciais o 19 de maio
Pola súa banda, Sica poderá verse en Berlín a partir do domingo 19, no que tamén constitúe a súa estrea mundial, e contará con outros cinco pases no festival. Posteriormente, o filme chegará ás salas comerciais o vindeiro 19 de maio.
A película conta conta a procura que leva a cabo unha rapaza de 14 anos (Sica), obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio. Sica investiga as circunstancias do accidente e adéntrase nunha dolorosa viaxe de descubrimento.
Sica, da catalá Carla Subirana, foi rodada integramente na Costa da Morte e está protagonizada por actores e actrices non profesionais, procedentes das localidades da contorna, que na película falan en galego
Sica foi rodada integramente na Costa da Morte e está protagonizada por actores e actrices non profesionais, procedentes das localidades da contorna, que na película falan en galego. A protagonista, de feito, é unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños, Thais García Blanco, que está acompañada por outras veciñas e veciños da zona, como Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Ademais, no elenco aparecen intérpretes profesionais, como Lois Soaxe e a Núria Prims.
Trátase da terceira longametraxe da catalá Carla Subirana, que coñeceu a Costa da Morte en 2016 nunha viaxe para facer o Camiño dos Faros. O máis destacado da presenza galega na Berlinale poderá lerse en VINTE, que está a cubrir o festival sobre o terreo.