Fálase | A sanidade pública reborda no Obradoiro e un fito histórico para o cinema galego

Remate da manifestación de SOS Sanidade Pública na compostelá Praza do Obradoiro, o pasado 12 de febreiro CC-BY-NC-SA Foto: PSdeG | Imaxe Fálase: © Isabel Vila

É habitual que quen convoca unha manifestación a valore a posteriori como un éxito. O que xa non é tan habitual é que o goberno ao que se dirixen as reivindicacións admita que o foi. O pasado 12 de febreiro xuntáronse varios miles de persoas en Santiago, 25.000 segundo a Policía, 50.000 segundo a organización, respondendo á convocatoria de SOS Sanidade Pública

A plataforma e os colectivos que a compoñen, dende asociacións en defensa da sanidade pública a sindicatos e partidos políticos, coinciden en sinalar que a mobilización foi histórica. As imaxes da compostelá Praza do Obradoiro ateigada pasan a engrosar ese álbum das mobilizacións cidadás que van máis alá, que teñen un impacto máis fondo do habitual. E o 12 de febreiro de 2023 pasa, dalgún xeito, a rimar con outras datas sinaladas como aquel 1 de decembro de 2002, con miles de persoas indignadas pola xestión da catástrofe do Prestige, ou o 21 de xaneiro de 2010, cando unha multitude reclamou manter a protección do galego no ensino…

Facemos balance da concorrida manifestación de SOS Sanidade Pública falando co seu voceiro, Manuel Martín, e escoitando as impresións de BNG e PSdeG, presentes na marcha, e mais do Goberno galego do PP

As organizacións convocantes consideraron un éxito a mobilización. O Goberno galego e o PP non o dixeron con estas palabras, claro, pero dalgún xeito, tamén o admitiron. Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, analizamos o impacto da manifestación escoitando moitas voces, as de SOS Sanidade, as das forzas políticas da oposición e tamén da Xunta e do PP. Dunhas e doutras concluímos que esta non foi unha manifestación máis.

Ana G. Liste, xornalista de Praza.gal que cubriu a mobilización, falou tras a protesta co doutor Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade. Subliña que para o colectivo a manifestación foi un éxito e pon o foco en que foi un clamor, moi especialmente en defensa da Atención Primaria. Di non ter dúbidas de que conseguiron o punto de inflexión buscado e non esquiva a que é unha das acusacións centrais da Xunta e dos populares nos últimos días, que a do 12 de febreiro foi unha manifestación política. Por suposto que o é, asegura.

Manuel Martín valora para Praza.gal a manifestación de SOS Sanidade Pública do pasado 12 de febreiro. Na imaxe, intervindo na Praza do Obradoiro ao remate da marcha

No Fálase tamén escoitamos como Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG) coinciden en observar a manifestación como un éxito e lamentan que a Xunta non escoite as alternativas da actual oposición para mellorar o Sergas. Igualmente, temos as voces de Julio García Comesaña, conselleiro e Sanidade, e de Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, que defenden a xestión sanitaria da Xunta e culpan das eivas, fundamentalmente da carencia de persoal médico, ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.

Música electrónica e cinema galego que fai historia

Tras o treito dedicado a repasar todo o que deu de si, no Fálase abrimos o espazo de VINTE. Con María Yáñez, a súa directora, descubrimos  novos contidos como a ollada queer á cultura de club en Portugal da man de dous DJ's, Dakoi e Saint Caboclo, establecidos en Caldas da Rainha e Lisboa aos que coñecemos a través dunha reportaxe de Daniel Portela

Secuencia da longametraxe 'Matria', dirixida por Álvaro Gago e seleccionada para a sección Panorama da Berlinale

Sen saír do mundo da música electrónica  tamén nos achegamos ao traballo artístico de Cora Novoa. A artista ourensá, recoñecida DJ e produtora de música, comparte con VINTE os seus primeiros pasos creando música con sintetizadores e como observa a acollida da música electrónica no noso país. Da música imos á fotografía para coñecermos máis do proxecto Ancoradas, de Lucía Otero, quen ao fío do seu proxecto de fin de estudos retratando as súas avoas acabou compoñendo un fotolibro con moitas máis imaxes de mulleres anciás de contornas rurais.

Neste Fálase 39 o espazo de VINTE conclúe cun avance. VINTE vai estar na Berlinale para seguir de cerca as estreas mundiais de Sica, de Carla Subirana e Matria, de Álvaro Gago. Ambas fitas foron seleccionadas para o festival nas seccións e Generation e Panorama, o que supón todo un fito histórico para o cinema galego e en galego.

Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.