BNG e PSdeG piden atender as súas propostas para o Sergas tras a "histórica" protesta de SOS Sanidade e o PP culpa a Sánchez

Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG), portando unha faixa da manifestación de SOS Sanidade xunto a representantes sindicais e doutras forzas políticas como EU e Ciudadanos, este 12 de febreiro en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

En días previos á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para este pasado 12 de febreiro o seu voceiro, Manuel Martín, dixo desexar que a protesta lograse un impacto semellante á histórica mobilización da Plataforma Nunca Máis do 1 de decembro de 2002. Tratábase, sinalou, de marcar "un antes e un despois" na política sanitaria galega.

A manifestación do domingo foi masiva. Moito más concorrida que as convocadas anteriormente pola mesma plataforma e tamén cunha repercusión maior. Así o acredita non só ó eco mediático obtido, senón tamén os intentos do Goberno galego e o do PP por amortecer o seu impacto mesmo antes da súa celebración por unha dobre vía: anuncios de melloras no Sergas e ataques á SOS Sanidade. Ambas, combinadas cunha crítica xeral consistente en afirmar que a protesta para reclamar cambios na política sanitaria é "política" ou está "politizada".

Manifestación pola sanidade pública, este pasado 12 de febreiro en Compostela CC-BY-SA Praza.gal

Coas imaxes da compostelá Praza do Obradoiro ateigada de manifestantes aínda ecoando, este luns as dúas forzas da actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, instaron a Xunta a tomar nota das reclamacións dos manifestantes e de cadansúas propostas para o Sergas. Mentres, o PP galego optou por manter a tese de días pasados e culpar o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, da carencia de persoal médico.

Pontón subliña que o BNG ultima un plan de Atención Primaria que contempla dedicar a este servizo ata o 25% do orzamento sanitario, "o recomendado pola OMS"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén ve como "histórica" a manifestación do pasado domingo. "A cidadanía saíu masivamente á rúa coa forza da razón e do corazón, porque a saúde é o máis importante e co máis importante non se xoga", afirma. Neste contexto e cun PP "instalado nas soberbia e nas mentiras sobre a sanidade", di, o Bloque ultima o seu plan "para que a Atención Primaria volva ser o corazón do sistema sanitario.

O proxecto da formación soberanista para a Atención Primaria do Sergas, di, pasa por un financiamento que "acade as cifras recomendadas pola OMS" de destinar á Primaria "o 25% do orzamento sanitario", xa que "Galiza non chega nin á metade". Unha mellora das condicións laborais do persoal, recuperar as xerencias de Atención Primaria ou incrementar nos centros de saúde servizos como psicoloxía clínica, odontoloxía ou fisioterapia, bosquexa, son algunhas das propostas do BNG fronte a un Goberno do PP que "non está á altura de Galiza".

Puy e outros membros do grupo do PP, este 13 de febreiro no Museo do Entroido de Xinzo CC-BY-SA PPdeG

O PSdeG lembra iniciativas "rexeitadas polo PP" como fixar por lei un máximo de 48 horas de espera en Primaria

Tamén o PSdeG ve "histórica" a dimensión da manifestación do domingo e o seu voceiro parlamentario, Luis Álvarez, lamenta que entre as reaccións do PP estea "emprazar os grupos da oposición a facer propostas para mellorar o sistema", cando "levamos anos facéndoas" pero "son rexeitadas polo Grupo Popular". Neste sentido, di, o PSdeG leva tempo concretando iniciativas como "garantir por lei un tempo límite de 48 horas para ser atendido en Atención Primaria", "convocar todas as prazas" para persoal destes servizos "ter unha unidade de saúde mental en cada área sanitaria" ou unha mellora xeral das condcións laborais.

Os populares manteñen a súa campaña en redes sociais para culpar a Pedro Sánchez da carencia de persoal médico e reclaman a BNG e PSdeG que tras "capitalizar" e "manipular" a manifestación, se "envorquen en convencer" o Goberno de España

Pola banda do PP, tras unha fin de semana na que os seus principais cargos desenvolveron unha campaña en redes sociais ligando á xestión da Xunta as diferentes capacidades asistenciais do Sergas e culpando a Pedro Sánchez dos problemas de persoal do sistema sanitario, este luns reiteraron os argumentos. A xuízo do seu voceiro no Parlamento, Pedro Puy, tras "capitalizar a manifestación", BNG e PSdeG deberan "envorcar as súas forzas en convencer ao Goberno de Pedro Sánchez para que adopte as decisións imprescindibles para cubrir as prazas vacantes que existen de persoal sanitario". 

Nacionalistas e socialistas, acusaron os populares durante unha visita ao Museo do Entroido en Xinzo, "manipulan" a manifestación pero "apenas achegan solución ningunha" aos problemas sanitarios de Galicia, di Puy. Mentres, nas redes sociais, as contas oficiais do PP de Galicia continuaron coa súa campaña culpando o presidente do Goberno de España baixo o lema #SánchezTieneLaCura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.