Como nos movemos. Como imos dun sitio a outro. A traballar, ao cole, á compra, por lecer… É unha das grandes cuestións que ocupan periodicamente o debate público. Xa sexa para prometer ou reclamar obras, para denunciar prazos que non se cumpren. Ou, máis recentemente, para reflexionar sobre a necesidade de que estes desprazamentos non impliquen queimar petróleo e outros contaminantes.
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, aproveitamos os datos que trae consigo a Estratexia Galega de Mobilidade, un documento que a Xunta vén de sacar a exposición pública, para tentar saber máis como nos movemos en Galicia. Así descubrimos, por exemplo, que máis da metade dos nosos desprazamentos habituais son de menos de vinte quilómetros. Facémolo coa axuda de Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza que debullou estas cifras nos últimos días.
Sanidade na rúa
No Fálase coñecemos os datos que trazan a radiografía da mobilidade en Galicia e os motivos que levan a plataforma SOS Sanidade Pública a volver manifestarse este 12 de febreiro
Despois dese primeiro tramo do programa, centrado na mobilidade, no Fálase recibimos outra xornalista de Praza.gal, Ana G. Liste, para centrarnos nas mobilizacións sanitarias que este 12 de febreiro van confluír na manifestación unitaria convocada en Santiago por SOS Sanidade Pública.
Quedou atrás o peor da COVID, foi volvendo a normalidade a diferentes ámbitos e no sistema sanitario público, no noso caso no Servizo Galego de Saúde, pesan as consecuencias da pandemia, pero tamén dos recortes executados polos gobernos durante a crise da pasada década. Percíbense, sobre todo, pola falta de persoal e a saturación de diversos servizos, sobre todo da Atención Primaria.
A protesta do 12 de febreiro é a primeira destas características que se desenvolve con Alfonso Rueda como presidente da Xunta, que non escapa do clima preelectoral e que ten diversas arestas. No Fálase escoitamos o doutor Manuel Martín, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, quen chama á mobilización social e evoca o espírito do Nunca Máis para lograr uns cambios que así e todo, coida, non chegarían se non é cun cambio de Goberno na Xunta.
Como en anteriores mobilizacións, a Xunta responde a esta convocatoria do 12 de febreiro sinalando o que considera os aspectos máis positivos da súa xestión sanitaria, anunciando novas medidas como a recuperación do plan de incentivos para médicas e médicos que titorizan futuros profesionais ou tamén culpando o actual Goberno de España de falta de persoal médico por non convocar máis prazas MIR, máis prazas de formación.
Pero en vésperas da manifestación deste 12 de febreiro, a Xunta en xeral e a Consellería de Sanidade en particular puxeron tamén o foco con intensidade en cargar contra SOS Sanidade Pública. Entre as diversas acusacións, destacan as que presentan a plataforma como un colectivo ás "ordes" de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ou composto esencialmente por directivos do antigo Goberno do PSdeG co Bloque (2005-2009). A Pontón e ao secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, escoitámolos tamén neste episodio animando a secundar a mobilización.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.