Matria, que competirá na sección Panorama, parte da personaxe principal da curtametraxe homónima de Álvaro Gago
Dúas longametraxes galegas, Matria e Sica, teñen xa confirmada a súa participación na Berlinale, o festival de cine de Berlín. O cine galego confirma o seu bo momento coa inclusión de dous filmes -aos que se podería sumar algún máis- nunha das citas máis prestixiosas e selectas do ano, que se celebra do 16 ao 26 de febreiro. As dúas películas, ademais, están rodadas en galego e nelas o protagonismo das mulleres é indiscutible. Seguen así o ronsel aberto nos últimos anos por títulos como Lúa Vermella, de Lois Patiño.
Matria, de Álvareo Gago, competirá na sección Panorama e terá a súa estrea mundial o 17 de febreiro en Berlín. O filme parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.
Álvaro Gago apunta que "era importante levar esta historia á pantalla porque precisamos que persoas coma Ramona dean un paso á fronte" pois "é a través de historias coma a dela que temos que mirarnos ao espello e repensar a nosa realidade máis inmediata"
Trátase dun drama social protagonizado por María Vázquez e que chegará ás salas comerciais o vindeiro 23 de marzo. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.
Gago destaca que a película se inspira na vida de Francisca Iglesias, "unha heroína anónima que coidou o meu avó durante os derradeiros anos da súa vida e coa que manteño unha íntima amizade, unha muller cunha vida complicada á que nunca se lle permitiou mostrarse tal como é". "Na casa do meu avó non atopou o fogar perfecto, pero si un lugar onde xa non sentía a necesidade de protexerse", engade o director, que comenta que "foi a súa historia persoal, pola que sinto unha admiración sincera, a que me levou a empezar a escribir".
Matria, protagonizada por María Vázquez, chegará ás salas comerciais o vindeiro 23 de marzo
O realizador apunta que "era importante levar esta historia á pantalla porque precisamos que persoas coma Ramona dean un paso á fronte" pois "é a través de historias coma a dela que temos que mirarnos ao espello e repensar a nosa realidade máis inmediata". "En ‘Matria’ conviven o peso da realidade e a influencia do mito, o carácter dunha rexión e a universalidade da súa natureza, a historia persoal dunha muller e a historia de todo un territorio", conclúe. "Quedan moitas historias de mulleres por contar no cine", dicía nesta entrevista.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, Matria está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
Sica foi rodada integramente na Costa da Morte e está protagonizada por actores e actrices non profesionais, procedentes das localidades da contorna, que na película falan en galego
Mentres, Sica, da directora Carla Subirana, foi seleccionada para a sección Generation do festival. A longametraxe foi rodada integramente na Costa da Morte e está protagonizada por actores e actrices non profesionais, procedentes das localidades da contorna, que na película falan en galego. A protagonista, de feito, é unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños, Thais García Blanco, que está acompañada por outras veciñas e veciños da zona, como Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Ademais, no elenco aparecen intérpretes profesionais, como Lois Soaxe e a Núria Prims.
Sica conta conta a procura que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio
O filme conta conta a procura que leva a cabo unha rapaza de 14 anos (Sica), obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio. Mentres percorre os cantís coñece a Suso, o Cazatormentas, un rapaz algo raro com ela que agarda pola chegada de Ofelia, a nai de todas as tormentas. Sica investiga as circunstancias do accidente e adéntrase nunha dolorosa viaxe de descubrimento. Aos seus ollos, a vila mariñeira na que medrou, marcada pola brutalidade do seu océano e polo crecente desequilibrio da Natureza, non volverá ser a mesma.
Trátase da terceira longametraxe da catalá Carla Subirana, que sitúa a figura da muller no centro do seu cine
Trátase da terceira longametraxe da catalá Carla Subirana, que coñeceu a Costa da Morte en 2016 nunha viaxe para facer o Camiño dos Faros. Alí quedou "absolutamente fascinada polas súas paisaxes e polas historias de vida deste pobo mariñeiro marcado pola brutalidade do seu océano". A figura da muller é central no seu traballo como cineasta. Por iso, Subirana ten participado en múltiples mesas redondas centradas en cinema e xénero, e é socia fundadora da asociación Dones Visuals, que traballa para lograr a paridade na industria cinematográfica.