“O mito do matriarcado galego é totalmente falso”

Mariscadora no Burgo CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

“Se na vida social e relacional domina a muller, nas decisións económicas, agrícolas e familiares a submisión do varón á súa esposa e/ou nai política é absoluta.” Foi Carmelo Lisón Tolosana quen escribiu isto, en 1979, na súa Antropología cultural de Galicia (Akal). Referíase ás zonas de manda matrilineal, -nas que é a filla a mellorada na herdanza, e non o fillo-. Unhas páxinas máis adiante matizaba a súa afirmación mais, sendo a súa obra unha das achegas fundamentais á etnografía galega, contribuíu a alimentar unha idea xa daquela vella: o do “matriarcado galego”.  

Ata hai relativamente pouco tempo abundaron as descricións de Galicia como unha sorte de reserva matriarcal do Estado español

Ata hai relativamente pouco tempo abundaron as descricións de Galicia como unha sorte de reserva matriarcal do Estado español. Na cultura popular son numerosos os relatos en forma de conto, chiste... sobre que é a muller quen “manda” na casa. Escritores como Camilo José Cela ou Emilia Pardo Bazán defenderon concepcións neste sentido, moi criticadas, por outra banda, por outras autoras como María Xosé Queizán. A Xeración Nós, na súa definición do feito diferencial galego, apelou a un status “independente” da muller en Galicia como unha supervivencia das estruturas da época castrexa, e caracterizouno en base a unha serie de estereotipos: traballadoras, fortes, sacrificadas... en boa medida socialmente asimilados. 

Escritores como Camilo José Cela ou Emilia Pardo Bazán defenderon concepcións neste sentido, moi criticadas, por outra banda, por outras autoras como María Xosé Queizán

O propio Lisón Tolosana rexeita a tese do matriarcado galego. “O dominio da muller varía segundo comarcas. É máximo na zona de manda matrilineal, que é máis ben pequena e non ten a historicidade da outra, a patrilineal. Neste sentido non é unha excepción antropolóxica, pois dáse tamén coa pubilla en partes da Cataluña. E en ningún caso se trata de matriarcalidade, que é un mito”, asegura. Hoxe son moi poucos, de feito, os antropólogos que manteñen hipóteses como as que, desde presupostos evolucionistas, popularizaron clásicos da disciplina no século XIX como Bachofen ou Morgan, segundo as cales a humanidade partiría dun estadio primitivo de promiscuidade sexual, para despois adoptar un sistema matriarcal e, máis tarde, un patriarcal, até chegar á familia monógama.  

Non é o mesmo, ademais, matrilinealidade que matriarcalidade. Lémbrao o antropólogo e profesor da Universidade de Santiago Marcial Gondar. “O mito do matriarcado galego é, para min, totalmente falso. Si existen culturas matrilineais, é dicir, aquelas nas que a herdanza se transmite por línea feminina. Pero iso é unha cousa, e outra cousa é quen ten o poder. Xa Malinowski, no seu estudo nas illas Trobriand, se decatou de que que era o irmán da nai ou tío materno, e non a nai, quen tiña a autoridade, nunha sociedade matrilineal. É máis: o do matriarcado é un mito creado para desprestixiar as mulleres, como se elas perdesen o poder en favor dos homes pola súa menor valía”, asegura. 

"O do matriarcado é un mito creado para desprestixiar as mulleres, como se elas perdesen o poder en favor dos homes pola súa menor valía”, asegura Marcial Gondar

Parte dos debates arredor do suposto matriarcado galego están recollidos no libro Antropoloxía das mulleres galegas. As outras olladas (Sotelo Blanco), coordinado por Sharon R. Roseman e Enrique Alonso Población. Este volume reúne achegas á materia realizadas por antropólogas e antropólogos estranxeiros. É significativa ao respecto, por exemplo, a introdución ao artigo de Cecilie Hoj Anvik. “Nas clases de antropoloxía do Mediterráneo da miña universidade en Noruega”, -conta-, “dicíase que Galicia era en ocasións descrita como un recuncho matriarcal de España, a diferenza do resto do Estado e doutros países mediterráneos”. 

 

As zonas costeiras, centro da análise

Nas zonas costeiras galegas, eran as mulleres as que garantían a continuidade da casa como institución, debido á ausencia dos homes a causa da emigración e do seu traballo no mar, con altas probabilidades de non regresar nunca

Foron, principalmente, as áreas de costa, o núcleo de boa parte das especulacións sobre o matriarcado. A realidade galega chocaba coas descricións das culturas mediterráneas -evidentemente, a nosa sociedade é atlántica, mais era incluída entre as mediterráneas para estudos que a consideraban unha parte máis de España- elaboradas segundo o paradigma da honra e da vergoña, que tivera un forte impacto na antropoloxía anglosaxoa nos anos 60 e 70. Segundo este modelo, agardábase que os homes, responsables da protección da honra das súas familias en sociedades androcéntricas e desigualitarias, controlasen a sexualidade dunhas mulleres que desenvolvían a súa actividade nas súas casas, afastadas do ámbito público.

Nas zonas costeiras galegas, eran as mulleres as que garantían a continuidade da casa como institución, debido á ausencia dos homes a causa da emigración e do seu traballo no mar, con altas probabilidades de non regresar nunca. Este é o contexto no que se sitúa a manda matrilineal, a tendencia á uxorilocalidade -cando a parella casa, vai vivir cos parentes da muller-, ou o rol dominante das mulleres na xestión da economía doméstica e das explotacións agrogandeiras. Boa parte da súa actividade realizábana, así, na esfera pública, e a súa reputación era medida no ámbito público da aldea en tanto que traballadoras, tal como describiu Cecilie Anvik. Por outra banda, as relativamente elevadas taxas de fillos concibidos fóra do matrimonio deron lugar a clixés sobre unha suposta “liberdade sexual” das galegas que contrariaban o agardado nunha sociedade marcada, ademais, pola ideoloxía franquista sobre as relacións de xénero, fortemente patriarcal.

"Queremos romper esta falsa idea, cuxa utilidade habitual é a de rebater as reivindicacións das mulleres, atribuíndolles certas áreas de poder que realmente non teñen"

A cuestión era se, con estes datos, se podía falar con propiedade dunha cultura matriarcal, ou de polo menos unha sociedade menos desigualitaria. Son interesantes, a este respecto, as conclusións tiradas polas técnicas de Igualdade do concello de Camariñas Luzia Fernández e Laura Montero nun informe do 2003 dispoñible en internet: “Existe un mito moi estendido sobre a existencia dun suposto matriarcado na Galicia costeira, entendido como sistema social no que as mulleres xogan un papel preponderante, no que exercen o poder social, e que sería produto da permanencia deste trazo de orixe supostamente celta. Queremos romper esta falsa idea, cuxa utilidade habitual é a de rebater as reivindicacións das mulleres, atribuíndolles certas áreas de poder que realmente non teñen. O único que ten detrás este mito é a súa utilización para xustificar a orde existente de sobreexplotación, que non poder, das mulleres”, sinalan.

“Non hai evidencia da presenza dun matriarcado en Galicia, se entendemos por un matriarcado a dominación das mulleres sobre os homes”, indica Sharon R. Roseman. Mais si puido haber, matiza, unhas relacións de xénero menos desigualitarias en certas zonas debido á presenza de factores como “a manda matrilineal, o forte papel da muller en moitas das casas que dependían dos sectores agro-gandeiros, pesqueiros, e marisqueiros. O feito de que as mulleres levasen a cabo numerosas tarefas principais na economía produtiva doméstica, co gran coñecemento e destreza que requiren, facía que o traballo feminino fose imprescindible”, sostén. Aínda que estes roles femininos “tiveron máis importancia en contextos de forte emigración masculina. Porén a emigración tanto dos homes como das mulleres, que en moitos casos ocorría ao mesmo tempo, era sinal da precariedade económica en Galicia”, lembra.

Mulleres labregas na zona de Outes CC-BY-SA xornalcerto
Mariscadoras no Burgo CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.