María Vázquez gaña a Biznaga de prata á mellor interpretación feminina por 'Matria' no Festival de Málaga. A actriz interpreta a Ramona, unha personaxe baseada na historia real de Francisca Iglesias Bouzón que o director Álvaro Gago contou na curtametraxe homónima e que recupera para a ficción nesta película que se presentou na sección Panorama da Berlinale e que chegará ás salas de cine o día 24.
Fálase
O Tribunal Penal Internacional ordena a detención de Vladimir Putin por crimes de guerra. Acusa o presidente ruso da "deportación ilegal" de menores de "áreas ocupadas na Ucraína á Federación Rusa". A mesma orde inclúe á responsable dos dereitos da infancia asociada á presidencia rusa, Maria Alekseyevna Lvova-Belova. [© Imaxe de arquivo divulgada polo Kremlin]
O accidente dun camión na N-6 no treito cortado da A-6 dificulta aínda máis a comunicación coa Meseta. Coa autovía cortada desde xuño pola caída do viaduto, a primeira hora deste venres un camión quedou colgando na N-6 e reduciu a circulación nela a un só carril para a entrada en Galicia, mentres a circulación cara á Meseta foi desviada a través dunha estrada aínda máis antiga que atravesa a poboación leonesa do Castro. Na imaxe de Google, a estrada pola que foi desviado o tráfico cara á Meseta e, na parte superior, a A-6 da que quedou colgando o camión.
Os presidentes de Galicia e Asturias reclaman a Madrid e Bruxelas maior financiamento da dispersión poboacional e o impulso do Corredor Atlántico ferroviario. Alfonso Rueda e Adrián Barbón reúnense en Taramundi e emiten unha declaración institucional na que apostan por colaborar en cuestións de interese común. Pola contra, manteñen a discrepancia a respecto da denominación da Ría de Ribadeo, que Asturias quere chamar tamén Ría do Eo.
A xustiza expide unha orde de detención nacional e internacional para o salesiano condenado a 32 anos e medio de cárcere por abusar de seis menores no Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo. A Audiencia Provincial de Pontevedra solicita a súa detención e ingreso en prisión tras constatar no informe da Garda Civil de Cambados que "fuxiu coa única intención de subtraerse á acción da xustiza e evitar o cumprimento das penas privativas de liberdade ás que foi condenado". Segundo C.V., sacerdote e profesor de relixión, non se presentou voluntario no centro penitenciario o 23 de febreiro e non foi localizado pola Garda Civil.
O tribunal requiriu á Comunidade Colexio María Auxiliadora Salesianos, que prestou o día 30 de abril de 2020 unha fianza de 12.000 euros para garantir a liberdade provisional do sacerdote, que, na súa condición de entidade fiadora, presente no prazo de dez días ao condenado ante a xustiza.
O CIS mantén o PSOE como primeira forza en estimación de voto en eleccións xerais co 32,7% dos sufraxios, 4,7 puntos por diante do PP. Na terceira posición sitúa en empate técnico a VOX e Unidas Podemos, con arredor do 10% nun inquérito no que o BNG obtén o 0,7% dos votos sobre o total estatal, dúas décimas máis que en 2019.
Adif adxudica a obra para soterrar peóns e vehículos en lugar do tren a Marín ao seu paso pola praza dos Praceres, en Pontevedra. O BOE publica a adxudicación, por 7,6 millóns de euros e ano e medio de duración.
O Consello de Ministros aproba a reforma das pensións, que de 2027 a 2043 implicará calcular a xubilación a cos últimos 25 anos cotizados ou cos 27 máis favorables dos últimos 29, modelo que será o único dende 2047. A reforma, pactada entre os socios do Goberno do PSOE e UP coa Comisión Europea e cos sindicatos CC.OO. e UGT, é aprobada vía Real Decreto e emprende agora camiño ao Congreso para ser convalidada. Na imaxe, o ministro da Seguridade Social, José Luis Escrivá, e a ministra voceira, Isabel Rodríguez, tras o Consello extraordinario que aprobou a reforma [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
Os murais de Lugrís situados nun baixo da Rúa Olmos da Coruña están "en mal estado de conservación, mais son recuperables", sinala o Concello, que lle reclama aos propietarios do inmoble que "actúen de xeito inmediato" para asegurar a súa protección debido á "deterioración que sofren e as condicións nas que se atopan". Técnicos municipais vivistaron hai un mes o baixo e elaboraron un informe.
O Banco Central Europeo decide aumentar os tipos de xuro en 50 puntos básicos, como esperaban os mercados, a pesar da convulsión provocada nos últimos días polo colapso de Credit Suisse e a caída do Silicon Valley Bank. O prezo do diñeiro sitúase no 3,5%. Con todo, a diferenza de anteriores intervencións, o BCE non anuncia novas subas de forma inmediata.