Serán as persoas e non os trens os finalmente soterrados cun custe de 9 millóns de euros e un prazo de execución de ano e medio
Hai agora 20 anos, o 10 de xullo de 2002, un tren atravesou por primeira vez o núcleo urbano dos Praceres, na parroquia pontevedresa de Lourizán pero lindeiro xa co porto de Marín, a onde se viña de construír unha nova liña ferroviaria. As protestas veciñais non conseguiron parar a obra, pero a xustiza acabou sentenciando a ilegalidade dos pasos a nivel que se habilitaron na zona.
Dúas décadas despois, a resposta que Adif vai dar a esa ilegalidade non será soterrar ou desmantelar a liña ferroviaria senón soterrar os pasos a nivel, para o que vén de licitar este luns no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha obra por 9 millóns de euros e 18 meses de prazo de execución.
O tren ao porto de Marín, de competencia estatal pero impulsado politicamente pola Xunta de Manuel Fraga hai máis de dúas décadas ao tempo que a Autoridade Portuaria ampliaba os seus peiraos con recheos ilegais, supuxo un novo impacto sobre a veciñanza do núcleo dos Praceres. A xente que alí vive xa tiña que convivir coa autovía que comunica Marín con Pontevedra, que sobrevoa a zona, ou coa factoría de Ence -esta última, como revelou Praza en febreiro, opúxose a que un 6% do terreo público que ocupa fose usado pola Xunta para ampliar a depuradora de Pontevedra e habilitar un parque público para a veciñanza-. Pero o tren xa era demasiado e, co apoio do goberno local de Pontevedra, tentaron reverter a situación nas rúas e nos xulgados,
Sucesivas sentenzas confirmaron a ilegalidade dos pasos a nivel -peonís ou rodados- que obrigan á veciñanza a cruzar as vías para ir á praia, á igrexa, a un colexio ou a varios campos deportivos que hai entre a liña férrea e o mar. Pero en contra da reclamación veciñal de que fosen as vías do tren as soterradas, o Tribunal Supremo acabou validando a solución proposta pola Administración de que as vías sigan no seu lugar e quen se desvíe baixo terra sexan as persoas.
O núcleo dos Praceres está rodeado polos recheos sobre a ría de Ence e o porto de Marín e atravesado por unha autovía e as vías do tren
O proxecto que agora acometerá Adif prevé inhabilitar un dos tres pasos a nivel existentes na zona, o que permite a circulación peonil polo centro da praza situada fronte á igrexa dos Praceres, mentres que os dous pasos para coches situados nos dous extremos dese espazo serán soterrados, habilitando neles beirarrúas para os peóns.
A actuación tamén prevé unha reurbanización xeral da contorna e a instalación de pantallas ao longo do trazado das vías entre os dous novos pasos inferiores para impedir que ninguén as cruce. E para reducir o impacto visual da liña ferroviaria plantarase unha “barreira vexetal”.
A licitación que agora vén de sacar a concurso Adif permitirá que as construtoras interesadas presenten as súas ofertas ata o 15 de setembro, e non comezarán a ser valoradas ata un mes máis tarde, polo que a adxudicación e formalización do contrato poderían demorarse ata finais deste ano ou comezos do próximo e o remate das obras, se non se ofertan rebaixas de prazos, chegaría dentro de dous anos. Sería daquela en 2024, 22 anos despois de ver pasar o primeiro tren, cando a veciñanza dos Praceres terá á fin puntos de cruce seguros como mal menor á irrupción do tren nas súas vidas.