En xullo de 1988 os daquela presidentes da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias, Fernando González Laxe e Pedro de Silva, celebraron en Taramundi o primeiro cumio galaico-astur ou astur-galaico. Daquela xuntanza saíron reivindicacións comúns de ambos mandatarios socialistas, como a construción dunha autovía transcantábrica ou a mellora das conexións ferroviarias.
Dous anos despois, en 1990 outra volta en Taramundi, De Silva foi o anfitrión do segundo cumio, no que pola banda galega xa estaba Manuel Fraga, acabado de elixir presidente. Fraga e os seus gobernos compartirían outros tres destes encontros cos seus homólogos asturianos: en 1992 en Ribadeo con Juan Luis Rodríguez-Vigil (PSOE), en 1996 en Oviedo con Sergio Marqués (PP) e en 1999 con Vicente Álvarez Areces (PSOE).
O formato de cumio astur-galaico, presentado como tal, continuaría en 2006 en Santiago, con Areces outra volta da banda asturiana e xa con Emilio Pérez Touriño á fronte do Goberno galego. Ambos compartirían outros dous destes cumios en 2007 na capital asturiana e en 2008, de volta na galega. Polo medio, ademais, ambos presidentes víranse noutras ocasións como nunha xuntanza en 2006 tamén en Taramundi, onde participaran conxuntamente nos actos do Día da Muller Rural, que servira para avaliar o avance das propostas conxuntas e das infraestruturas que afectaban tanto a Galicia como a Asturias, caso da autovía A-8, na altura en obras.
Rueda e Barbón anuncian un encontro bilateral en Taramundi o 17 de marzo para "abordar o reto demográfico" e aseguran "recoller o testemuño" das reunións de Laxe e Fraga cos seus homólogos asturianos, sen mencións ás mantidas por Emilio Pérez Touriño con Vicente Álvarez Areces
Todos estes encontros entre Touriño e Areces veñen de ser obviados polos actuais gobernos de Galicia e Asturias para anunciaren que van celebrar, o día 17 deste mes de marzo, "un encontro bilateral para abordar o reto demográfico", outra volta con Taramundi como escenario. Alí, indican, sentarán "as bases da colaboración na loita contra o despoboamento rural, un asunto crucial" para ambos gobernos.
Alfonso Rueda e Adrián Barbón (PSOE), din en senllos comunicados idénticos [o galego e o asturiano], "recollen o testemuño das reunións" de Laxe e De Silva en 1988, de Fraga e De Silva en 1990 e de Fraga e Areces en 1999. O texto refírese ás "reunións bilaterais en Taramundi", pero obvia a de Touriño e Areces en 2006. Tamén se refire, máis en xeral, á "cooperación entre as dúas autonomías sobre políticas de interese común ao longo dos anos", pero ignora o resto de cumios formalmente celebrados.
Durante os anos de Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta, o ex-presidente foi recibido en 2018 polo daquela titular da presidencia do Principado, Javier Fernández, e en 2020 por Barbón, que o pasado outubro acudiu a Santiago para reunirse con Rueda. Con Feijóo, non obstante, os cumios bilaterais entre ambos gobernos presentados como tales estiveron interrompidos. Ademais, os actuais presidentes de Galicia e Asturias e os seus antecesores mantiveron diálogos con público en actos de organización privada por parte do xornal La Voz de Galicia.