En varias ocasións, o Goberno do Principado de Asturias litigou para que o topónimo oficial da ría de Ribadeo pasase a ser "ría do Eo", xa fose mediante a súa substitución ou, cando menos, mediante a equiparación de ambas formas, evitando así a necesaria referencia á vila mariñá na súa denominación. O último intento xurdiu a raíz dunha iniciativa do PP nesa autonomía e foi asumida polo Executivo asturiano, ao que o Instituto Xeográfico Nacional (IGN, polas súas siglas en castelán) vén de dar a razón.
O gabinete do socialista Adrián Barbón vén de facer público que o IGN "recoñeceu o topónimo ría del Eo como nome alternativo e co mesmo nivel de oficialidade e uso que o de ría de Ribadeo". O Goberno do Principado indica, a través dun comunicado, que o pasado xoves a entidade estatal comunicou a resolución tanto ás autoridades asturianas como á Xunta e aos concellos aos que atinxe a decisión: Ribadeo, Castropol e Vegadeo ( A Veiga).
Sempre segundo o comunicado do Principado, o IGN indica que a decisión "suporá a inclusión de ambos topónimos en todas as bases de datos xeográficas producidas polas Administracións públicas integradas no Sistema Cartográfico Nacional e, en todo caso, nas da Administración Xeral do Estado". Ademais, agrega, será "recomendada" que os rótulos indicativos da ría inclúan ambas denominacións, aínda que a decisión última será "da Administración produtora da cartografía", polo que a efectos prácticos a ría seguirá sendo de Ribadeo en Galicia e do Eo, en Asturias.
"Debe manterse a forma patrimonial Ría de Ribadeo, testemuño dunha historia que nada ten que ver con pugnas modernas sobre primacías ou identidades localistas", sinalou o informe do Consello da Cultura Galega remitido ao proceso a instancias da Xunta
O Principado defende que a denominación da ría como "do Eo" xa "aparece rexistrado en documentos oficiais dende 1871". Ademais, agrega, o propio IGN e outros documentos oficiais tamén o empregaron durante o século XX.
Esta posición e a decisión final do IGN confronta coa defendida dende Galicia dende a Xunta, a Deputación de Lugo, o Concello de Ribadeo, a Subdelegación do propio Goberno de España e mais a Real Academia Galega e o Consello da Cultura (CCG). No informe remitido ao procedemento a instancias do Goberno galego, o CCG subliñaba que a documentación e cartografía histórica avalan a denominación "ría de Ribadeo" e resaltaba que este tipo de topónimos das rías se forman co nome da localidade máis importante das súas ribeiras e non coa denominación dalgún curso fluvial tanto en Galicia como en Portugal (caso da ría de Aveiro) e en todas as rías asturianas e cántabras.
"Debe manterse a forma patrimonial Ría de Ribadeo, testemuño dunha historia que nada ten que ver con pugnas modernas sobre primacías ou identidades localistas", concluía o traballo do Consello da Cultura. A entidade galega resaltaba, ademais, que "os programas de protección do patrimonio toponímico traballan a favor de manter as denominacións tradicionais, non para acomodalas ás preferencias e debates da sociedade actual".
O Concello de Ribadeo recorrerá a resolucón
Neste contexto, o Concello de Ribadeo xa avanza a súa intención de recorrer a resolución. O alcalde ribadense, Fernando Suárez (BNG), amósase sorprendido por que o IGN "non analizase as nosas alegacións", nas que "amosamos irrefutables argumentos na defensa do topónimo da ría de Ribadeo como único oficial posible". Esas achegas, sinala, "acreditan, entre outros aspectos, o uso histórico" da forma "ría de Ribadeo". Neste sentido, Suárez agarda que Concello, Xunta e Deputación sigan "da man" para "manter o criterio científico, histórico e xurídico avalado por todas as institucións a nivel galego e estatal, que de xeito contundente e con argumentos absolutamente obxectivos defenderon a oficialidade do nome da ría de Ribadeo"