O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, o Concello de Ribadeo e o Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo impulsan o proxecto europeo Life Fluvial para a "mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica". A iniciativa, cun orzamento de máis de tres millóns de euros financiados nun 75% pola UE, permitirá nos vindeiros catro anos levar a cabo distintas actuacións no Concello de Ribadeo destinadas a protexer o espazo da ribeira da ría, mercando terras e eliminando as especies invasoras, entre elas os eucaliptos.
"Este proxecto non pretende cambiar a política forestal, pero si que pretende dar unha idea de por onde debe ir o crecemento sostible"
"Este proxecto vai ser un exemplo vivo do que é posible, do que se pode facer e do que se debe facer. Están de actualidade todas as desgrazas que pasan por deixar nos últimos decenios unha política forestal un tanto equivocada", destaca Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo. "Este proxecto non pretende cambiar a política forestal, pero si que pretende dar unha idea de por onde debe ir o crecemento sostible, e poñer en valor o que os nosos devanceiros deixaron ben e nós moitas veces non estamos tratando tan ben", di.
Ribadeo comezou hai xa uns anos o proceso de substitución do eucalipto por outras especies na beira da ría, nunha extensión de dous quilómetros entre A Vilavella e As Aceas, onde foi recuperada a vexetación dre ribeira. A esta actuación seguiron outras nos anos seguintes, consistentes na plantación de carballos, bidueiros, loureiros ou acivros, avanzando no obxectivo de unir A Pontenova con Ribadeo, a través do antigo percorrido do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz. "Levamos tres fases con diferentes axudas, unha da Xunta e a maioría con fondos propios, pero agora este proxecto vainos dar a oportunidade de prolongalo un pouco máis, para deixalo ás portas da antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz", destaca Suárez.
"Sería moi boa cousa que puidéramos ver o entorno da ría substituído con vexetación autóctona en lugar dos eucaliptos. Sería unha boa imaxe para Galiza, para Asturias e para o mundo"
O rexedor afirma que espera ver algún día toda a ribeira da ría de Ribadeo libre de especies invasoras, tanto no galego coma no asturiano: "Téñoo falado co meu colega de Castropol. Sería moi boa cousa que puidéramos ver o entorno da ría substituído con vexetación autóctona en lugar dos eucaliptos. Sería unha boa imaxe para Galiza, para Asturias e para o mundo". Sería tamén unha mostra "de que as cousas as empezamos a facer dunha maneira moito máis sostible e moito máis sensata”, engade.
Acto de presentación
Ao acto de presentación celebrado este martes en Ribadeo foron convocadas máis de 40 persoas pertencentes aos organismos, entidades, proxectos e asociacións que prestaron un apoio incondicional á candidatura deste proxecto Forman parte do proxecto Life Fluvial o Ibader da USC, o Indurot da Universidade de Oviedo, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, a asociación InterEo, a asociación de desenvolvemento rural Mariñas- Betanzos, o Concello de Ribadeo, Emalcsa (Empresa Municipal de Aguas da Coruña, S.A) e Tragsa.
Fóra de Ribadeo, o proxecto inclúe oito accións de conservación en tramos altos, medios e baixos de distintas cuncas fluviais de nove espazos Natura 2000 de Galicia, Asturias e Portugal, para proceder ao control de especies invasoras, así como á eliminación de ameneiros mortos e á restauración de cuberta vexetal natural. Tamén se prevé a difusión e sensibilización dos valores naturais, beneficios socioeconómicos e servizos ecosistémicos prestados polos corredores fluviais, ademais da formación e capacitación técnica dos axentes implicados na xestión e conservación dos corredores fluviais.