Dende hai anos o Principado de Asturias mantén unha batalla legal por rebautizar a Ría de Ribadeo como "Ría do Eo" ou para, cando menos, equiparar as dúas denominacións. Dirixiu solicitudes antes o Consello Superior Xeográfico, que desestimou as súas pretensións, reafirmando Ría de Ribadeo como o único topónimo correcto e outras institucións. E esta primavera elevou unha proposta ao Instituto Xeográfico Nacional, dependente do Ministerio de Transportes, que a tramitou para o seu estudo, previo á adopción dunha decisión ao respecto.
Expertos subliñan que os topónimos das rías se constrúen co nome da localidade máis importante das súas ribeiras e non coa denominación do curso fluvial que as forma
As demandas asturianas foron tamén rexeitadas polas administracións galegas, dende á Deputación de Lugo ao propio Concello de Ribadeo, que hai unhas semanas dirixiuse ao Instituto Xeográfico Nacional, á Consellería de Cultura, á Real Academia Galega e á Subdelegación do Goberno en Lugo en defensa da denominación actual. O Concello lembra que, ademais do uso histórico deste topónimo en concreto, todas as rías en Galicia e en Asturias levan o nome da poboación histórica máis importante e non do río que as forma. "Non é ría do Verdugo senón ría de Vigo, non é ría do Landro senón ría de Viveiro", subliñaba o alcalde Fernando Suárez.
Agora o Consello da Cultura Galega vén de facer público un informe que insta a manter o topónimo Ría de Ribadeo. O documento, que foi requirido pola Xunta de Galicia, subliña que a documentación e cartografía histórica avalan a denominación actual e concorda en que este tipo de topónimos das rías fórmase co nome da localidade máis importante das súas ribeiras e non coa denominación dalgún curso fluvial. Isto é así en Galicia, pero tamén en Portugal (Ría de Aveiro) e en todas as rías asturianas e cántabras: Ría de Navia (non del Navia), Ría de Avilés, Ría de Villaviciosa, Ría de San Vicente, Ría de Cubas, Ría de Tinamayor...
A documentación e cartografía histórica avalan a denominación actual, destaca o informe
O documento sinala igualmente que Ribadeo "non só deu nome á ría", nunha situación na que esta actuaba como un elemento vertebrador e non como unha fronteira, pois existiu unha xurisdicción denominada Terras de Ribadeo que abranguía áreas hoxe situadas en Galicia e áreas hoxe asturianas. E, de igual xeito, a diocese de Oviedo contaba dende a Idade Media cun arcediago de Ribadeo que comprendía parroquias do occidente asturiano.
O CCG, que xa no pasado elaborou informes semellantes sobre este mesmo asunto, ratifícase na súa posición e lembra que outras institucións "galegas e non galegas" tamén se pronunciaron no mesmo sentido, incluído o propio Instituto Xeográfico Nacional.
"Debe manterse a forma patrimonial Ría de Ribadeo, testemuño dunha historia que nada ten que ver con pugnas modernas sobre primacías ou identidades localistas", subliña o CCG
Así mesmo, o informe lembra que a toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial e que, polo tanto, todos os organismos están obrigados á súa protección, pois "todas as perdas toponímicas borran un anaco desa historia; todas as manipulacións impiden ler de forma correcta as pegadas deixadas". "Os programas de protección do patrimonio toponímico traballan a favor de manter as denominacións tradicionais, non para acomodalas ás preferencias e debates da sociedade actual", remata o informe, que conclúe que "debe manterse a forma patrimonial Ría de Ribadeo, testemuño dunha historia que nada ten que ver con pugnas modernas sobre primacías ou identidades localistas".