A inaugurada estación Castelao de Santiago espera a coordinación co bus e o tren de proximidade

Inauguración do edificio de viaxeiros da estación de Santiago, este 25 de xuño © Delegación do Goberno de España en Galicia

En xuño de 2016 o daquela alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asinaba con quen era ministra de Fomento, Ana Pastor, o convenio presentado como construción da estación intermodal da cidade. Isto é para remodelar a estación ferroviaria e trasladar ao seu carón a de autobuses, competencia dunha Xunta representada no evento por quen eran conselleiras de Infraestruturas e Medio Ambiente, Ethel Vázquez e Beatriz Mato.

O novo edificio de viaxeiros da terminal ferroviaria compostelá entra en servizo mentres a coordinación de horarios de tren e bus segue pendente

Case unha década despois, este 25 de xuño de 2025, Goberno de España e Concello de Santiago inauguraron o corpo principal do remodelado complexo, o novo edificio de viaxeiros da estación xa oficialmente denominada Santiago de Compostela - Daniel Castelao. Construído sobre a antiga estación do tren, coa súa infraestrutura adaptada á alta velocidade nos últimos anos, completa unha operación á que en 2021 se sumou a nova estación de autobuses da capital galega.

Vista xeral do novo edificio de viaxeiros da estación de Santiago © Luis Díaz / estudioHerreros

Na inauguración da terminal de buses o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu que estaren as dúas estacións pasasen a estar fisicamente xuntas non significaba, en sentido estrito, unha maior intermodalidade. A "coordinación racional de horarios entre autobuses e trens" estaba aínda no campo dos "desafíos", viñera dicir Feijóo. Catro anos despois segue sucedendo esencialmente o mesmo, toda vez que non existe unha oferta coordinada entre os horarios e servizos de Renfe e os das compañías de autobuses concesionadas pola Xunta.

A alcaldesa reivindica o remate da infraestrutura co novo aparcadoiro, de 900 prazas, e nunha "xornada histórica" aposta por "completala" co "impulso ao servizo de tren de proximidade"

O novo edificio foi deseñado  polo estudio de arquitectura de Juan Herreros e Jens Richter ten algo máis de 5.000 metros cadrados de superficie construída -destaca o ministerio de Transportes-. Está distribuído en cinco niveis e encáixase na rúa do Hórreo cunha nova praza que dá paso ao vestíbulo da estación. Aínda está pendente, non obstante, un novo edificio destinado a aparcadoiro de coches, que -sinala o Ministerio- "aumentará a capacidade de estacionamento do recinto en máis de 900 prazas".

A construción do novo aparcadoiro foi, precisamente, unha das reivindicacións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en compaña do secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas. Nunha "xornada histórica" para a cidade, Sanmartín puxo tamén o foco na necesidade de "completar esta infraestrutura cun impulso ao servizo de tren de proximidade".

Autoridades na inauguración do novo edificio de viaxeiros da estación de Santiago © Delegación do Goberno de españa en Galicia

Sanmartín subliña tamén que a apertura do edificio de viaxeiros da nova estación serve "de maneira moi importante, para cohesionar barrios de Santiago, unindo Pontepedriña co Ensanche". Neste sentido, o equipo deseñador do complexo tamén incide en que a súa obra permite "poñer en relación dous ámbitos urbanos historicamente desconectados polo forte desnivel e o propio trazado das vías" do tren.

Por parte da Xunta, mentres, o conselleiro da Presidencia -con competencias en materia de mobilidade- reprochou este mércores ao Goberno de España o que considera unha "deslealdade institucional" por fixar a data da inauguración sen "ter en conta" ao Executivo galego. Dende o Parlamento de Galicia, nas proximidades da estación, Diego Calvo afirmou que ata o pasado sábado non tivo constancia do convite para "un día e hora no que saben perfectamente que o Goberno galego está contestando ás preguntas dos grupos da oposición". É usual, non obstante, que os membros do Consello da Xunta alteren ou adíen algunhas destas preguntas por motivos de axenda.

Interior do novo edificio © Luis Díaz / estudioHerreros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.