O BNG promove un parque no lugar da estación dos 70 que a Xunta quere manter en Lugo a petición do PP

Infografía da proposta de transformar o actual espazo da estación autobuses de Lugo nun parque, promovida polo BNG CC-BY-NC-SA BNG Lugo

A mediados da década de 1970  o que noutrora eran paradas de autobuses interurbanos dispersas por diversos puntos da cidade de Lugo confluíron nun único punto, a nova estación, construída nos terreos do campo da feira que o Concello cedeu ao daquela Ministerio de Obras Públicas mediante un acordo ratificado en 1974. Múltiplas xeracións lucenses pasaron polas instalacións, que pasou a ser competencia da Xunta cando a autonomía botou andar, sen que a súa fisionomía e prestacións variasen en exceso a respecto das inauguradas hai cincuenta anos.

A Xunta chegou a presentar un plan para demoler a vella estación lucense e converter o lugar nunha "nova praza pública con zonas de paseo", pero recuou tras reclamalo o PP da cidade en vésperas electorais

A xa histórica terminal de autobuses de Lugo deixará de ser tal cando entre en servizo a nova estación, anexa á reformada do tren no marco do novo complexo intermodal que xa está en obras. O seu destino é coñecido hai anos e por ese motivo en 2019 a daquela conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou un proxecto para demolela e, no seu lugar "habilitar unha nova praza pública con zonas de paseo, mobiliario urbano, parque infantil, zonas verdes e unha parada de autobús" que "servise como intercambiador e dende o que habilitar un bus lanzadeira á estación intermodal".

Recreación do parque que o BNG de Lugo propón nos terreos da actual estación de autobuses CC-BY-NC-SA BNG Lugo

Ese foi oficialmente o plan do Goberno galego ata que, en vésperas das eleccións municipais de 2023, o PP local asegurou que arrincara da Consellería o compromiso de manter o edificio actual "con servizos de autobuses interurbanos" e "como intercambiador de transporte", en liña do reclamado por unha asociación de empresarios do casco histórico. Os últimos plans, segundo avanzou o xornal El Progreso, reafírmanse no mantemento do vetusto edificio cunha finalidade aínda por definir.

O Bloque concreta un plan para o que, sinalan, é "unha proposta consensuada" na cidade fronte aos "tumbos" da Xunta. A creación deste "pulmón verde" levaría anexo un novo aparcadoiro soterrado e unha parada de transporte interurbano no canto "dun almacén de autobuses, que é o que defende o PP"

Con esta incerteza sobre o futuro da antiga estación, actitude que a Xunta tamén mantén para a xa pechada estación de Vigo e mais para a da Coruña -onde tamén están en marcha os traballos da nova intermodal-, o BNG de Lugo vén de presentar a súa proposta para converter ese emblemático espazo, ao carón da Muralla "no parque central de Lugo, unha nova praza verde integrada no casco histórico". Fronte ao que o responsable local da formación soberanista, Antón Bao, ve como "tumbos" da Xunta, o Bloque presenta o que, coidan, é a concreción "dunha propostas consensuada socialmente e tamén na corporación municipal, transformalo nun gran espazo público e útil para a veciñanza, agrega Rubén Arroxo, tenente da Alcadía na cidade.

Na presentación das infografías do que sería un "pulmón verde" ao pé do recinto amurallado Arroxo abondou tamén que a proposta do BNG inclúe un aparcadoiro soterrado que "mesmo se podería estudar unir co actual aparcadoiro da praza da Constitución", ao carón da estación. A operación serviría deste xeito, coida, para "suprimir definitivamente os problemas de estacionamento no centro". No lugar, asemade, habería unha "parada para as liñas de transporte interurbano que o desexen", pero sen un "almacén de buses" á beira da Muralla que, cren, "é o que está a defender agora o PP".

Rubén Arroxo, Antón Bao e outros cargos do BNG de Lugo, presentando a proposta da formación para os terreos da estación de autobuses, este 17 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG Lugo

Sinalan Arroxo e Bao que crear este parque tamén contribuiría ao "control de temperaturas nos espazos públicos" e "seguir a colaborar para paliar os efectos do cambio climático". Converter o lugar da antiga estación nunha gran zona verde cunha zona de parada de buses tamén vén sendo visto con bos ollos por parte do PSdeG, que comparte goberno local de coalición co BNG lucense. 

Non en van, no anterior mandato a ex-alcaldesa Lara Méndez formulara un proxecto que camiñaba nesa liña. Neste sentido, a alcaldesa lucense, Paula Alvarellos, vén sinalando nos últimos días a necesidade de que a Xunta decida o destino do terreo en "diálogo" co goberno local e outros axentes da cidade no canto de limitarse ao PP local.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.