Na primavera de 2021 a Xunta abría en Santiago a nova estación de autobuses da cidade nun edificio contiguo á estación ferroviaria. O complexo foi presentado como estación intermodal malia non existir coordinación ningunha entre ambos medios de transporte, tal e como admitiron as autoridades na propia inauguración.
A de Santiago é a única das operacións para xuntar as terminais de bus e tren nas principais cidades galegas onde estaban afastadas na que a Xunta actuou con celeridade sobre o destino da antiga estación, en cuxo terreo constrúe a ampliación do complexo de San Caetano
Cando a nova estación comezou a funcionar á beira das brañas do Sar a Xunta xa tiña definido o destino da vella: albergar novos edificios de San Caetano, a sede central do Goberno galego, situada ao carón. Así, poucos meses despois principiaban as obras de demolición e actualmente avanza a bo ritmo a construción dos novos módulos do complexo administrativo.
A de Compostela é, ata o momento, a única das actuacións para xuntar as terminais de bus e tren nas principais cidades galegas onde estaban afastadas -todas agás Pontevedra e Ferrol- na que a Xunta actuou con celeridade sobre o destino das antigas estacións. Na banda contraria sitúase a de Vigo, pechada dende decembro de 2022, e tamén a de Lugo, que encara a recta final tras operar ás portas da Muralla dende comezos da década de 1970 sen apenas melloras nin adaptacións aos tempos. Mentres, en Ourense a demolición da vella terminal tamén foi áxil, pero non así a construción e apertura no lugar dunha das residencia para maiores doadas pola Fundación Amancio Ortega.

O caso vigués volveu á actualidade nos últimos días pola degradación da estación clausurada cando os servizos de autobuses pasaron a operar na tamén presentada como intermodal de Urzáiz, a coñecida popularmente como Vialia polo centro comercial que alberga. O edificio da avenida de Madrid, impulsado e inaugurado polo Goberno tripartito do socialista Fernando González Laxe en 1989, virou nestes dous anos en acubillo para persoas sen fogar mentres a deterioración da infraestrutura non cesa.
A antiga estación viguesa virou en acubillo para persoas sen fogar. A Xunta vén de decidir valala "para evitar entradas non autorizadas" catro anos despois de anunciar que a transformaría nun "centro interxeracional" e mentres o Concello defende recuperar o terreo e dedicalo a zonas verdes
No medio do enésimo conflito entre o Concello e a Xunta -o goberno local sostén que a propiedade do terreo debería reverter no consistorio, que o cedeu especificamente para usalo como estación de autobuses-, a principios de xaneiro Abel Caballero esixía ao Goberno galego actuar sobre a situación de "abandono" do edificio mentres dependa del. Este pasado xoves a Xunta anunciaba que "vai valar o recinto da antiga estación" para "previr accidentes e evitar entradas non autorizadas"
Este peche implica, de entrada, a expulsión das persoas sen fogar que se refuxian alí. Para o BNG local é "indecente que a única medida que adopte o Goberno de Rueda sexa pechar a estación sen atender antes as persoas en situación de exclusión social", cara ás que reprocha "insensibilidade" do Concello. Ao tempo, o Goberno galego di estar "analizando as posibilidades de uso da antiga estación", onde chegou a anunciar en 2020 un "centro interxeracional" con servizos como centro de día, escola infantil ou espazo sociocultural. O Concello sostén que o novo PXOM prevé no lugar unha ampla zona verde e espazos dedicados ao deporte.

Bandazos para a degradada estación lucense
No caso lucense a degradación por desuso da de seu degradada estación de autobuses aínda non comezou, porque segue aberta e funcionando. Así continuará ata que culminen os traballos en marcha da parte destinada aos autobuses no complexo intermodal que Adif e Xunta erguen nos terreos da actual estación ferroviaria. Atendendo ás previsións de ambas administracións, a apertura da nova estación chegará entre finais deste ano e comezos de 2026.
En Lugo a Xunta chegou a presentar un plan para demoler a estación e crear no lugar unha praza con diversos servizos. Antes das municipais comezou a recuar entre peticións do PP local e agora inclínase por manter o edificio con usos por definir e a parada dalgúns autobuses
Como en Vigo, tamén en Lugo a Xunta asegurou ter un plan para a vella estación de autobuses. Así, en 2019 a daquela conselleira de Infraestruturas asegurara que o plan era "demoler as instalacións da estación" e, no seu lugar, "habilitar unha nova praza pública con zonas de paseo, mobiliario urbano, parque infantil, zonas verdes e unha parada de autobús" que "servise como intercambiador e dende o que habilitar un bus lanzadeira á estación intermodal".
Pero en 2023, en vésperas das eleccións municipais, a candidata do PP na cidade asegurou que o partido na cidade era partidario de manter o vello edificio, en liña coa demanda dunha asociación de comerciantes. A Xunta asegurou asumir a petición de Elena Candia e "ratificou" que "o edificio actual continuará con servizos de autobuses interurbanos" e "como intercambiador de transporte". Este venres o xornal El Progreso avanza que a demolición do edificio foi xa desbotada e que a Xunta bosquexa un polo momento indefinido plan para mantelo con outros usos combinados cunha parada para algúns autobuses.

Estes precedentes de indefinición acompañan tamén como pano de fondo un reto semellante na cidade da Coruña, onde tamén pechará a vella estación de autobuses en canto culminen as obras da intermodal, o que como en Lugo está previsto para 2026. A alcaldesa da cidade, a socialista Inés Rey, é partidaria de aproveitar o privilexiado terreo para zonas verdes, pero a solución tamén dependerá, neste caso, dunha negociación coa Xunta do PP en vésperas electorais.