A Plataforma veciñal Tren Digno Ourense mantivo este mércores un encontro coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Nesta xuntanza, trasladáronlle a demanda de "rectificación" do actual proxecto por entender que "compromete seriamente o presente e futuro de Ourense", concretamente no referido á nova Estación de Autobuses, que depende do Goberno galego.
O Goberno galego manifestou a súa negativa a reconsiderar o actual proxecto
Porén, o Goberno galego manifestou a súa negativa a reconsiderar o actual proxecto. Tren Digno Ourense valora moi negativamente esta resposta, que cualifica como “prexudicial para os intereses presentes e futuros de Ourense e propia dun goberno pouco sensible incapaz de escoitar as lexítimas demandas da cidadanía ourensá". "A construción da actual estación de autobuses foi un erro, por iso hai que demolela 25 anos despois. Que non suceda o mesmo coa nova estación", reclaman.
Tren Digno Ourense pide a activación dun "Pacto de Cidade" no que Xunta, ADIF e Concello poidan acordar un novo proxecto
A plataforma reclama "unha Estación Intermodal Digna" que garanta "dun xeito real e efectivo a intermodalidade e se traslade á zona norte onde actualmente hai miles de metros cadrados baleiros sen utilidade. Este traslado da Intermodal á zona norte permitiría a apertura de novos viais que facilitarían a circulación de vehículos na contorna da nova estación e evitaría así mesmo a construción do "muro da vergoña", como o denominan.
Ademais, a plataforma Tren Digno Ourense pide a activación dun "Pacto de Cidade" no que Xunta, ADIF e Concello poidan acordar un novo proxecto de estación intermodal. "Non é unha cuestión partidista, é unha cuestión de cidade. A plataforma non vai contra ninguén; se alguén se sente atacado, ese é o seu problema", destacaba hai unhas semanas unha das súas voceiras.
Así mesmo, defenden a necesidade de que a permeabilidade ou conexión entre barrios se garanta unindo ambas beiras (A Ponte e O Vinteún) con solucións que descarten a presenza de escaleiras, ramplas ou viais con excesiva pendente como o que se propón actualmente. Apóianse nas solucións técnicas que vén defendendo dende hai anos o Colexio de Arquitectos de Ourense, como explicaba nesta entrevista o seu actual presidente, Rafael Castro: "unir dous barrios a través dunha pasarela que cando chega ao final tes que baixar ou subir trinta e tantas escaleiras ou usar un ascensor non parece unha solución".
A plataforma convocou unha nova manifestación para o vindeiro martes 18 de febreiro
Ademais, en relación ao tráfico de autobuses, Castro criticaba que "o que se fai agora é meter no tráfico urbano uns autobuses que circulaban unicamente polo extrarradio, e non se dá ningunha solución a este novo tráfico". "Estes autobuses, uns 260 ao día, van entrar pegados ao Centro de Saúde, co problema engadido de que xera inseguridade para os peóns. Acaba de presentarse o plan de mobilidade PNUS para Ourense, que é unha aposta destacada do Concello e que é moi importante, pero nel non se contempla en absoluto este asunto, a pesar de que o primeiro obxectivo do PMUS é acadar os 'falecidos cero' en atropelos, engadía.
A plataforma convocou unha nova manifestación para o vindeiro martes 18 de febreiro. A marcha, que dá continuidade ás realizadas na primeira e na última semana de xaneiro, partirá ás 20 horas dende a Casa de Chocolate, e terá como lema "Todo Ourense Unido por unha Intermodal Digna".