Presidente e alcalde comparten acto sen acusarse de odiar a Vigo ou de populismo
Este luns nin Feijóo odiou a Vigo nin Abel Caballero foi un populista. Os cualificativos que se veñen dedicando o presidente do Goberno galego e o alcalde da principal cidade de Galicia quedaron aparcados e os dous políticos optaron por eloxiarse mutuamente a “cooperación institucional” de Xunta e Concello para a execución da nova estación intermodal de Vigo.
O Concello está a reordenar os accesos viarios da nova intermodal, cun novo enlace coa AP-9, e a Xunta é a encargada de acometer a estación de autobuses
No novo complexo de transportes e comercial que se está a levantar sobre as vías soterradas da estación de tren de Urzaiz están a colaborar con diversas actuacións o Goberno central a través de Adif, a Xunta e o Concello. A administración estatal, a través dunha concesión, está a executar o centro comercial Vialia que cubrirá toda a zona, mentres que o Concello está a reordenar os accesos viarios, cun novo enlace coa AP-9, e a Xunta é a encargada de acometer a estación de autobuses que facilitará a intermodalidade do complexo. Ademais, as tres administracións intercambian entre elas recursos económicos, espazo ou autorizacións para acometer de xeito coordinado as súas respectivas actuacións.
Feijóo aproveitou o acto para proclamar de novo que "a Xunta é a administración que máis inviste en Vigo"
A obra da estación de autobuses foi a que visitou este luns Feijóo, cun acto con carteis proclamando "a Xunta no que aproveitou para reiterar a súa consigna, de momento sen rédito electoral, como el mesmo chegou a lamentar, de que a Xunta sexa “a administración pública que máis inviste en Vigo”. Porén, tras todo tipo de reproches cara aos supostos bloqueos reiterados do Concello a proxectos autonómicos, o presidente admitiu que a nova estación de autobuses é froito “dunha colaboración institucional complexa” e asegurou que "o afán de cooperación estará sempre presente na Xunta". Así o reiterou tamén a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen eloxiou a “colaboración leal entre administacións”.
Da beira local, o alcalde, que tamén acusa acotío á Xunta de intentar bloquear proxectos beneficiosos para Vigo e mesmo de atacalo persoalmente, asegurou desta volta que non lle importa recoñecer ao Goberno galego “cando algo se fai ben”, como no caso da estación de autobuses que atribuíu tamén á “cooperación total” entre administacións.