A Audiencia Nacional condena a Xunta por vetar técnicos nun contrato de 400.000 euros para supervisar a intermodal de Vigo

Feijóo e a daquela conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante unha visita ás obras da terminal de buses da intermodal de Vigo en decembro de 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego restrinxiu a enxeñeiros de camiños un posto de supervisión das obras que podían facer tamén xeólogos e seguiu adiante coa adxudicación do contrato tras advertir a Comisión da Competencia da ilegalidade

A Audiencia Nacional vén de facer pública unha sentenza, asinada o 3 de outubro, que anula os pregos de condicións fixados pola Consellería de Infraestruturas nun concurso público de 2019 para o control e vixilancia das obras da súa estación de autobuses integrada na intermodal de Vigo. O Goberno galego restrinxiu ilegalmente un dos postos do contrato a persoas coa titulación de Enxeñaría de Camiños malia que tamén podía ser desempeñado coa titulación de Xeoloxía. 

Malia que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) advertiu da ilegalidade, a consellería seguiu adiante e adxudicou o contrato, que acabou superando os 400.000 euros. Porén, a sentenza xa non terá efectos prácticos porque a estación de autobuses xa está rematada e en servizo desde decembro de 2022.

A daquela conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha visita en 2021 ás obras da terminal de buses da intermodal de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O concurso público convocado pola Consellería de Infraestruturas para o control e vixilancia da obra da terminal de buses integrada na intermodal de Vigo foi licitado en febreiro de 2019 por un máximo de 482.000 euros. Nos seus pregos de condicións a Xunta estableceu que as empresas candidatas debían contar cun "especialista en xeotecnia coa titulación de enxeñeiro de camiños", ante o que un colexio profesional de Xeoloxía presentou unha reclamación ante a Comisión da Competencia por consideralo unha restrición ilegal. Así o entendeu tamén Competencia, para quen existen "outros profesionais técnicos tamén con competencias neste ámbito, por exemplo os xeólogos".

A Xunta nin contestou o requirimento de Competencia e adxudicou o contrato por 365.000 e despois prorrogouno por outros 66.000 euros

En maio de 2019 Competencia enviou un requirimento á Xunta que esta non contestou e, ante o seu silencio, en xullo interpuxo un recurso xudicial. Pero a Consellería de Infraestruturas seguiu adiante co concurso e acabou formalizando o contrato en setembro por 365.000 euros cunha unión temporal de empresas (UTE) formada por Proyfe SL e Proyectos y Obras de Estructuras e Instalaciones SL. Despois o contrato aínda sería prorrogado en 2021 por outros 66.000 euros máis.

Visita de cargos da Xunta á terminal de buses da intermodal de Vigo pouco antes da súa posta en servizo a finais de 2022 CC-BY-SA Xunta de Galicia

No proceso xudicial a Xunta argumentou que no caso deste contrato as necesidades de coñecementos xeotécnicos "son moi específicas e están moi mediatizadas polas características da obra cuxo control e vixilancia se licita". Pero a Audiencia Nacional desbota a súa argumentación e salienta que o concurso estivo "orfo desta motivación". "En todo caso e de concorrer algunha razón imperiosa de interese xeral, debera evitarse asociar unha reserva de actividade a unha titulación ou a titulacións concretas", di a sentenza, que engade que "habería de vincularse á capacitación técnica e experiencia do profesional en cuestión". 

"Non quedou acreditado que existan razóns de interese xeral en que se xustifiquen as restricións ou limitacións de titulacións", conclúe a Audiencia Nacional

Así que a Audiencia Nacional conclúe que "non quedou acreditado que existan razóns de interese xeral en que se xustifiquen as restricións ou limitacións de titulacións esixidas para poder desempeñar as funcións de Especialista en Xeotecnia" no contrato de supervisión da intermodal. A sentenza anula polo tanto esa esixencia do prego de condicións do concurso e condena en costas á Xunta, pero non terá un efecto práctico sobre a obra porque esta xa está rematada.

Sede da Audiencia Nacional © CGPJ

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.