A nova infraestrutura permite salvar nuns trinta segundos o desnivel de preto de 50 metros que existe entre as rúas Serafín Avendaño e a praza de Vialia, sobrevoando o vial da autoestrada AP-9 e a estación de autobuses
Ás doce da mañá deste venres ducias de persoas agardaban na praza pública sobre o centro comercial Vialia de Vigo –onde se sitúan as estacións de tren e autobuses– para acceder por primeira vez ao ascensor panorámico HALO. Pero foron as veciñas e veciños que ateigaban a rúa Serafín Avendaño, pola parte baixa da estructura vertical, os que primeiro subiron no ascensor, acompañados de persoal da empresa construtora.
"Vai funcionar moi ben, subir andando sen o ascensor é criminal. Vainos axudar moito no día a día. Ademais, esteticamente encántame", comentou a Praza unha rapaza que se dispoñía a coller o ascensor, que só lamentou que non se visen as vistas da ría na baixada e na subida. A nova infraestrutura permite salvar nuns trinta segundos o desnivel de preto de 50 metros que existe entre as rúas Serafín Avendaño e a praza de Vialia, sobrevoando o vial da autoestrada AP-9 e a estación de autobuses.
O HALO conecta dúas áreas de Vigo nas que residen máis de 100.000 persoas
Este novo ascensor do programa municipal Vigo Vertical conecta dúas áreas da cidade nas que residen máis de 100.000 persoas. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que o ascensor comezaría a funcionar no mediodía do día seguinte, coincidindo cun acto electoral do PSdeG no que participou o ex-presidente do Goberno José Luís Rodríguez Zapatero, polo que non se achegou ata o HALO durante a mañá. Caballero destacou que o ascensor "pon fin ao traxecto actual que obriga a realizar unha volta de dous quilómetros para subir desde a zona de García Barbón, Rosalía de Castro e Arenal ata a parte alta da estación de Vialia".
A obra iniciouse o 9 de agosto de 2022 e tiña un orzamento de 12,6 millóns de euros nun prazo de execución de 12 meses. Finalmente requeriu dunha ampliación que incrementou o custe ata os 15,8 millóns de euros e a 16 meses o prazo. Está cofinanciada ao 50% polo Goberno central a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia dotado cos fondos europeos Next Generation da Unión Europea.
"Non quería perderme isto", dicía unha veciña da rúa Pizarro, que celebraba que o ascensor "vai axudar a toda a zona". "Comunícanos co mar, une os barrios e as dúas estacións do tren. Mellor imposible", destacou esta viguesa. Outro veciño de alí ao lado, da rúa Vía Norte, xa aproveitou para baixar no HALO ata a rúa García Barbón, onde tiña que facer xestións administrativas nun dos edificios públicos desa zona. "Todo o que sexa facilitar accesos está ben, ademais, a primeira impresión é boa", asegurou.
A pasarela do HALO "conta cun complexo sistema de iluminación composto por 220 luminarias e 8.800 puntos led"
"Para nós que somos maiores isto vainos ir moi ben, que andar de arriba para abaixo xa é difícil", resaltou unha veciña que acudiu cun grupo de amigas despois de ler sobre a posta en funcionamento no xornal. A funcionalidade é o que destacaban todas as persoas que se congregaron no HALO, moitas expresaron dúbidas sobre como será o mantemento dunha estrutura tan "aparentemente delicada" e houbo quen percibiu que na parte aberta do miradoiro o chan "esvaraba un pouco" pola auga da choiva que caiu nas últimas horas en Vigo.
Segundo informa o Concello de Vigo, a pasarela do HALO "conta cun complexo sistema de iluminación composto por 220 luminarias e 8.800 puntos led". O sistema permite xerar "unha iluminación artístico-escénica" que porán en funcionamento en datas sinaladas. Xa avanzan que soporta animacións dinámicas coa representación de obxectos que se programen, "como a bandeira de Vigo ou a cor do Celta", como advertiu Caballero.