As ferramentas dixitais permiten recrear cada vez con máis detalle e exactitude elementos patrimoniais desaparecidos, modificados ou que, simplemente, nunca tiveron unha existencia material, dende a prehistoria ata finais do século XX. Dende hai anos o C.I.A.G. (Centro Infográfico Avanzado de Galicia) emprega infografías, animacións, modelado 3D e outras ferramentas para traer ao presente e recuperar dixitalmente patrimonio arquitectónico histórico galego do que en ocasións non temos máis testemuña gráfica que un gravado, un boceto, unha vaga descrición escrita ou fotografías de baixa calidade no mellor dos casos.
Dende hai anos o C.I.A.G. realiza grazas ás últimas tecnoloxías coidados traballos de restitución 3D de elementos patrimoniais que xa non existen, un labor que contribúe á creación ao espertar de conciencia na cidadanía sobre o seu valor intrínseco
Aí temos, por exemplo, o traballo que veñen de publicar no que se observa o desaparecido Teatro Circo de Lugo, deseñado polo arquitecto Juan Álvarez de Mendoza e construído en 1896 en estilo Neo-Árabe, foi demolido en 1921. Ou o kiosco de estilo neo-mudéxar da Alameda de Ourense, que en 1936 foi incendiado e derruído polos fascistas tras o Golpe de estado. Ou a fortaleza de Altamira que existiu en Brión no século XV. Ou o Teatro Emilia Pardo Bazán, que funcionou na Coruña entre 1903 e 1914. Ou o proxecto de Antonio Palacios para a Praza de San Martiño de Ourense. E tantos outros traballos, que recuperan elementos patrimoniais de todas as épocas, algúns tan antigos coma a cidade galaica de Lanóbriga, en San Cibrao de Lás, da que o CIAG realizou unha coidada e detallada animación baixo a dirección artística e técnica do investigador e ilustrador arqueolóxico, Paco Boluda, especializado na idade de Ferro en Galicia.
O colectivo está formado por enxeñeiros industriais, infografistas, ilustradores, arqueólogos, informáticos, arquitectos e historiadores e xuntos traballan para crear unha gran base de datos de recursos dixitais en 2D e 3D, coa intención de poñela a disposición de historiadores, estudantes, empresas, institucións, colexios, universidades e investigadores, nun futuro próximo. O obxectivo último é contribuír á divulgación e á preservación cultural do patrimonio arquitectónico histórico de Galicia, creando conciencia na poboación sobre a riqueza dos elementos desaparecidos ou transformados, que algún día formaron parte da nosa paisaxe e das nosas cidades e vilas.
"Levamos máis de dez anos traballando en silencio, levantando edificios para universidades, museos e centros de interpretación ou para concellos e organismos públicos e privados. Hoxe superamos os 300 edificios recreados"
"Levamos máis de dez anos traballando en silencio, levantando edificios para universidades, museos e centros de interpretación ou para concellos e organismos públicos e privados. Hoxe superamos os 300 edificios recreados, e imos publicando un cada semana a través de Facebook, Twitter e Instagram", explica Carlos Paz, impulsor desta iniciativa. Paz destaca que os modelos 3D que crean "teñen unha precisión histórica brutal, pois están avalados polos departamentos de investigación histórica das universidades galegas, que achegan unha indispensable transferencia de coñecementos e asesoramento especializado".
"No século XX facíanse ilustracións e debuxos analóxicos. Pero as técnicas hiperrealistas provocan un shock na xente que leva a que conecten inmediatamente co que están vendo"
"Tentamos que a reconstrución sexa o máis realista posible, empregando o sotfware máis punteiro, aplicando materiais e texturas físicamente correctos e acordes coas empregadas no seu tempo. Sempre hai algún experto asignado a cada proxecto que revisa que todo esté historicamente correcto", engade. "Son traballos, ademais, que se poden modificar e que modificamos cando aparecen novos datos. Pasounos cun arco do triunfo neo-mudexar en Ourense, que fixemos a partir dun gravado e que modificamos cando apareceu unha fotografía, sete anos despois de iniciar a restitución 3D", explica.
Esta precisión histórica nas restitucións 3D, xeran un impacto que non só atrae a atención de todas as persoas, senón que permite imaxinar con máis facilidade o contexto no que se insería a construción hoxe desaparecida. "No século XX facíanse ilustracións e debuxos analóxicos. Pero as técnicas hiperrealistas provocan un shock na xente que leva a que conecten inmediatamente co que están vendo", destaca Carlos Paz.
"A xente alucina coas cousas que publicamos e anóxase coa desaparición de certos edificios. Sobre todo porque hai certos edificios que xeran unha reacción subxectiva de perda irreparable e que fai que a xente sinta súa desaparición con verdadeiro loito"
"Coas recreacións 3D do patrimonio desaparecido creamos memoria visual nova", subliña, explicando que "non é o mesmo a imaxe que se crea dun edificio a partir dunha ilustración ou a partir dunha fotografía de baixa calidade que a través dunha recreación 3D. "Creas conciencia patrimonial a traverso do impacto visual, é unha sacudida de para os sentidos, un impacto psicolóxico". E valora a importancia social, para a defensa do patrimonio, do impacto que provoca o traballo desenvolvido polo CIAG: "O único que fixemos foi reinterpretar a información que temos á nosa disposición. Pero ese patrimonio desaparecido, que leva séculos durmindo nos arquivos, estámolo recuperando, creando memoria visual nova, e a xente incorpórao ao seu imaxinario como un patrimonio propio". "A xente alucina coas cousas que publicamos e anóxase coa desaparición de certos edificios. Sobre todo porque hai certos edificios que xeran unha reacción subxectiva de perda irreparable e que fai que a xente sinta súa desaparición con verdadeiro loito", di.
As posibilidades destas tecnoloxías e do traballo desenvolvido polo CIAG son moitas
As posibilidades destas tecnoloxías e do traballo desenvolvido polo CIAG son moitas. Vale para facer documentais, videoxogos, animacións divulgativas, maquetas 3D, videotracking, videomapping, impresión 3D, paneis informativos, fotocomposición integrando foto real con modelos 3D, guías virtuais.... e tamén para avanzar na coñecida como "Realidade Mixta", unha ferramenta que xa é unha realidade e que será de uso común nos vindeiros anos, como destaca Carlos Paz: "a realidade mixta emprega unhas gafas, moi semellantes ás que usamos hoxe en día, algo máis grosas; con cristais semitransparentes permítenche introducir unha capa de datos entre os ollos e a realidade física circundante". "O futuro desta tecnoloxía está centrada no turismo cultural, turismo de alto retorno económico. É unha tecnoloxía que permitirá que se poida andar pola rúa vendo edificios históricos ou desaparecidos en tamaño real, a escala real, e na súa localización exacta", destaca.
"En Galicia hai 5.000 castros e non podes facer un centro de interpretación en cada un deles. Pero ti podes virtualizalo a partir dos datos históricos e arqueolóxicos, poderías entrar nunha casa galaica e interactuar con elementos que estean no seu interior. Todo iso está xa aí, e vai ir a máis aproveitando o desenvolvemento do 5G e do 6G e o aumento constante da potencia de procesamento dos dispositivos móviles", salienta.
"En Galicia hai 5.000 castros e non podes facer un centro de interpretación en cada un deles. Pero ti podes virtualizalo a partir dos datos históricos e arqueolóxicos, poderías entrar nunha casa galaica e interactuar con elementos que estean no seu interior"
Para o CIAG o problema é a falta de recursos e de apoio institucional, que levan anos reivindicando. "En Galicia hai tal cantidade de edificios e de estruturas históricas relevantes, que están fóra do noso alcance. Nós facemos unicamente unha media de 25 ou 30 edificios ao ano. Por iso agora queremos falar coa Xunta para que impulse o proxecto. Porque ao ritmo actual tardaríamos 100 anos en facer 2.500 edificios", di. "É algo totalmente punteiro. En ningún lugar de Europa se fai de xeito sistemático, como facemos nós", subliña. De momento, só contan coas colaboracións puntuais que realizan coas universidades e outras institucións e entidades, que lles realizan encargos, pero o impulso da administración autonómica semella imprescindible para desenvolver o proxecto na súa totalidade.
Algunhas das recreacións máis rechamantes son as que o CIAG realiza a partir de edificios que nunca pasaron de ser un proxecto sobre o papel, como algunhas das creacións de Antonio Palacios
Algunhas das recreacións máis rechamantes son as que o CIAG realiza a partir de edificios que nunca existiron, que nunca pasaron de ser un proxecto sobre o papel, como algunhas das creacións de Antonio Palacios. "Hai edificios completamente desaparecidos, outros que están en ruínas, despois están os edificios desvirtuados, que se lles fixeron reformas que os deixaron escarallados. E despois están os que só foron proxectos, os edificios de papel. Quedaron no papel, pero non deixan de ser patrimonio", destaca Carlos Paz.
Este mes de setembro, coincidindo co 75 aniversario do falecemento de Palacios, o Museo do Mar de Vigo acolle unha exposición dedicada ao arquitecto, que inclúe unha maqueta do Gran Vigo deseñado a comezos do século XX
Precisamente este mes de setembro, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento o Museo do Mar de Vigo acolle unha exposición dedicada a Palacios, que inclúe unha maqueta do Gran Vigo deseñado a comezos do século XX polo arquitecto. A maqueta, de máis de catro metros, foi realizada a partir do traballo de virtualización 3D de Carlos Paz e Anxo Miján, do CIAG e do debuxante arqueolóxico Paco Boluda, co asesoramento do Grupo de Investigación e Urbanismo da Facultade de Historia da USC e executado por alumnado de mecanización do IES Politécnico de Vigo.
Entre os próximos traballos do CIAG que poderemos ver a través da rede está a recreación da Torre de Dona Urraca en Caldas, do Castelo de Rocha Forte en Santiago, do Parque do Pasatempo de Betanzos, da antiga praza de Abastos de Compostela, de varias portas da Muralla de Lugo que se tiraron ou do antigo peirao de Betanzos. E moitos máis que chegarán.