Fin da tarde dun domingo de primavera. Sol. Na parte baixa da lucense praza do Campo unha cadeira libre nunha terraza hostaleira é un ben cobizado. Os últimos en chegar son varios grupos de mozos que veñen dunha verbena organizada polo Club Baloncesto Breogán para celebrar os éxitos da tempada. Ao lado, abondan as familias de sobremesa, con pais, nais e amizades xestionando con bo talante o tráfico de triciclos, patíns, pelotas e carreiras de pernas curtas pola rúa do Miño abaixo. "De pequeno, a min non me deixarían xogar por aí nin de broma", comenta nunha das terrazas un veciño de trinta e tantos. "É que por aí xa nin se pasaba", agrega a súa interlocutora.
A memoria é peza clave na carreira do 28M en Lugo, unha das batallas centrais nas municipais en Galicia, onde a maioría gobernante de PSdeG e BNG aspira a recuncar fronte a un PP que non toca o bastón de mando dende 1999
A memoria que alimenta esa escena agora cotiá dun domingo pola tarde calquera é peza clave na carreira do 28M en Lugo, unha das batallas centrais das municipais en Galicia na que a maioría gobernante de PSdeG e BNG aspira a recuncar no concello fronte a un PP que gañou o bastón de mando por última vez en 1995, que non o toca dende 1999 e para o que gobernar sería un triunfo que iría ben alén da Muralla lucense. Nestes tempo a alcaldía estivo sempre en mans do PSdeG, primeiro con Xosé López Orozco, en solitario ou coligado co Bloque, e dende 2015 con Lara Méndez.
Pasaron xa vinte e catro anos e en ningún punto do espectro político atopamos alguén que rebata que a cidade experimentou unha profunda transformación. Dende a extensión das peonalizacións iniciadas a finais dos 90 polo último alcalde popular, Joaquín García Díez -entre duras pugnas co seu propio partido-, alargadas por PSdeG e BNG a diversos barrios e a piques de acadar o 100% do recinto amurallado mediante as obras actualmente en marcha á modernización dos accesos ou á creación de infraestruturas municipais en barrios obreiros.
Pasaron 24 anos e en ningún punto do espectro político se nega a mudanza da cidade. No entanto, na esquerda local hai quen teme que unha parte da poboación xa vexa o mudado como parte da paisaxe. Por iso o equipo da alcaldesa e candidata do PSdeG pon o foco na "segunda gran transformación"
Dende a recuperación de áreas da zona histórica convertidas durante décadas en redutos da delincuencia de baixa intensidade á pavimentación de rúas da periferia cos mesmos materiais que o centro. Dende a remuda dos vetustos autobuses urbanos que vagaban por Lugo tras viviren mil vidas noutras cidades ata o levantamento dun complexo deportivo, cultural e de lecer onde noutrora estaba o esquelete abandonado do que fora o maior matadoiro de Europa.
Pero xa pasaron vinte e catro anos e no seo da esquerda local hai quen teme que esa memoria xa non valla porque haxa unha porcentaxe demasiado elevada da poboación que vexa todo o mudado como parte da paisaxe que sempre estivo aí. O que nos anos 80 ou 90 eran obras, eventos ou mudanzas que sucedían noutros lugares, pero en ningún caso en Lugo.
Por iso no equipo da alcaldesa e candidata socialista á reelección poñen o foco na "segunda gran transformación". A que, din, lidera a propia Lara Méndez e que permite á cidade, afirma o PSdeG local, adiantarse a metas que todas as urbes terán que asumir para, por exemplo, pular contra o cambio climático "en detrimento, evidentemente, do vehículo privado", razoa a rexedora, cuxo equipo esgrime tamén a capacidade de captación de fondos europeos para levar adiante iniciativas inasumibles só co orzamento local, caso das construcións de edificios públicos con madeira do país e criterios sostibles ou, por exemplo, co fondo de investimento Lugo Transforma para captar e reter tecido empresarial innovador no concello.
"Sería realmente inxusto" que non fose Méndez quen completase estes proxectos dende a alcaldía, sintetizan dirixentes próximos. Ao tempo, poñen o foco no traballo "barrio a barrio" despregado pola alcaldesa e candidata dende que a fin das restricións da COVID o permiten, un labor de proximidade que fai que "sexa imposible ir pola rúa sen que a paren para falar con ela" e admitir "as cousas que fixo", indican no seu círculo máis próximo.
O BNG, con Arroxo á fronte, afirma que coa súa entrada no goberno en 2019 saíron adiante "transformacións que Lugo levaba anos pedindo", caso de diversas peonalizacións, e agarda que se traduza nun ascenso electoral
Na outra póla do actual goberno local, o BNG, tamén apelan á memoria da "transformación", pero especialmente á deste mandato, no que o nacionalista Rubén Arroxo asumiu a Tenencia da Alcaldía e no que o Bloque comandou áreas do goberno de coalición con forte visibilidade na rúa, caso das obras e as infraestruturas. "Neste mandato leváronse a cabo transformacións que Lugo levaba anos pedindo", resume Arroxo, quen apunta ás 15 novas rúas peonís dos últimos catro anos, coa peonalización da contorna da Mosqueira, ao carón da Muralla, a retirada de coches e calmado do tráfico na contorna dos centros educativos ou a programación cultural como algúns dos principais emblemas.
O BNG, aspira a rendibilizar electoralmente cun ascenso en votos e edís o traballo feito tras un mandato no que non ocultou o afán de marcar perfil propio -con contados tirapuxas públicos-, se cadra co obxectivo de fuxir da xa afastada experiencia do primeiro mandato de coalición, o de 1999 a 2003. Daquela, o balance cidadán sobre o primeiro goberno da esquerda foi obviamente satisfactorio (os socios pasaron de aglutinar o 43% dos votos en 1999 a sumaren o 62% en 2003) pero capitalizado polo alcalde socialista López Orozco, que co 51% dos sufraxios logrou a segunda e, ata agora, última maioría absoluta da historia do Concello de Lugo dende o retorno da democracia aos municipios en 1979. Na contorna nacionalista lembran que xa foran infraestimados nos inquéritos hai catro anos -cando pasaron de 2 a 5 edís- e agoiran que desta volta volverá suceder.
Candia polo PP dende Mondoñedo e focos cara a Louzao e C's
Con todo este pano de fondo, durante boa parte do mandato a hipótese dunha repetición do goberno de coalición de PSdeG e BNG veu sendo a máis manexada na cidade na esquerda. Pero tamén nunha dereita que, pola banda do PP, acabou optando por cambiar de cartel electoral por quinta vez, situando na candidatura á súa líder provincial, Elena Candia, ex-alcaldesa de Mondoñedo e concelleira e tenente da Alcaldía nesa vila ata principios deste ano, ademais de vicepresidenta do Parlamento, cargo que mantén. Candia, non obstante, defendeu dende o inicio as posibilidades de que "desta vaia", aproveitando o desgaste especialmente do PSdeG polos anos acumulados na alcaldía e apoiándose nunha eventual desaparición de Ciudadanos, que en 2019 volveu obter dous postos na corporación. O puñado de votos que faltou noutrora, cren, pode chegar agora.
O PP concorre coa súa líder provincial e ex-alcaldesa de Mondoñedo, que se presenta como antídoto á falta de "xestión" e agarda chegar á alcaldía aproveitando o desgaste de dúas décadas de gobernos da esquerda e unha eventual desaparición de Ciudadanos. A aposta por Candia non suprimiu, así e todo, os receos internos cara a ela
Candia preséntase como antídoto á falta de "xestión", que ve reflectida en cuestións como que continúe pechado o novo auditorio lucense, construído pola Xunta, inaugurado por Feijóo en 2016 e, segundo sinala o goberno local, entregado inzado de defectos construtivos que o Concello está a reparar. Tamén se amosa como interlocutora privilexiada coa Xunta mentres esquiva as críticas de socialistas e nacionalistas ás contas pendentes do Goberno galego do PP coa cidade. "O meu proxecto político leva 24 anos na oposición en Lugo", argumentou a pasada semana no debate electoral organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e pola Asociación da Prensa de Lugo, acompañado de notable expectación. "A Xunta non se presenta ás eleccións municipais", agregou, nun contexto no que dende o resto de formacións políticas atribúen varias das súas consideracións ao descoñecemento que implica ser unha acabada de chegar á cidade, na que reside hai escasos meses, e censuran que parte do seu programa consista en desmontar o feito nos últimos anos.
Pero os receos cara a Candia non se limitan a PSdeG e BNG nin ás lembranzas sobre o seu papel nos "anónimos" que inculparon a José Ramón Gómez Besteiro nos casos recentemente arquivados tras case unha década. No PP local, malia enquisas como as de Sondaxe (Grupo Voz) que a sitúan máis próxima á alcaldía que os seus antecesores, segue habendo quen evidencia ante calquera que desexe escoitar a súa aberta disconformidade coa candidata. Dende o seu trato cara a edís que acumulan lustros de labor de oposición ata os seus plans de fichaxes externas ou de asignacións de potenciais cargos nun eventual goberno do PP antes de que as urnas abran.
Tamén lle atribúen erros de campaña como tirar unha foto con todos os candidatos que perderon antes ca ela. Algúns mesmo lembran que a vida política de Candia podería encarar a súa fin o 28M se non logra a alcaldía e a apertada aritmética provincial tampouco lle permitise anotarse o que sería un obvio éxito, o retorno do PP ao goberno da Deputación.
Louzao (C's) aspira a ser unha das protagonistas da escena postelectoral lucense se logra manterse na corporación. Na súa contorna instan a non dar por descontado o seu eventual apoio ao PP de Candia, con quen non oculta a súa escasa sintonía, especialmente tras o seu intento de absorción
Entre os reproches que recibe a política mindoniense está, asemade, a operación despregada para tentar neutralizar a C's mediante a absorción da súa portavoz municipal e candidata, Olga Louzao, cuxo labor de oposición nestes anos é recoñecido na cidade por propios pero tamén -se cadra, sobre todo- por alleos que ven nas súas siglas un lastre político. Non en van, no actual mandato varias das súas propostas en clave netamente municipal foron acollidas polo goberno de PSdeG e BNG, algunhas subliminalmente e outras ás claras, caso da iniciativa para remodelar a praza da Fonte dos Ranchos cuxa inclusión no orzamento municipal asumiu Arroxo nunha xuntanza pública con Louzao.
Louzao podería ser, precisamente, unha das protagonistas da noite electoral e das semanas posteriores se se cumprisen a enquisas que nos últimos días apuntan a que conseguiría volver superar o limiar do 5% de votos. Especialmente se isto implicase manterse nunha corporación onde o PP medraría, pero non dabondo como para ter maioría absoluta.
No equipo da candidata, dende a "cautela", aseguran ter boas sensacións e confianza en poder reter cando menos unha acta que, chegado o caso, podería acabar sendo "decisiva" e que non habería que dar por descontado que serviría, necesaria ou cando menos mecanicamente, para permitir que fose alcaldesa unha Candia coa que é obvia a súa escasa sintonía. Especialmente dende un intento de cooptación que en C's acabaron interpretando como desprezo. "Eu si son de Lugo", reza o lema electoral de Louzao.
Se ese caso se dese, a candidata reitera que as súas negociacións se basearían en "propostas concretas" para o "novo momento". A posición "do resto de grupos" cara ao seu "proxecto de cidade", asegura, sería determinante nun contexto no que di non ter "socios preferentes". A disxuntiva non sería outra que completar unha eventual maioría do PP -que, no caso de ser primeira forza, só precisaría que C's non votase por outra candidatura con posibilidades de sumar que non fose a de Candia- ou a vía audaz de rachar de vez coa estratexia de soster un bloque das dereitas que no resto de Galicia e do Estado está a conducir o partido á desaparición.
Sexa como for, a batalla lucense está en todo o alto da carreira do 28M galego. Candia recibiu o apoio de Rueda e tamén de Feijóo -que nun duro discurso excluíu o pasado venres da categoría de "lucenses de boa fe" a calquera que vote PSdeG e BNG, dixo entre alusións a Bildu. Arroxo recibiu varias visitas de Ana Pontón, que aínda volverá para o mitin central e sostén que o Bloque pode disputar a alcadía. Méndez contará na recta final de campaña co ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero, especialmente apreciado na cidade nos seu anos de goberno.