Debate electoral da CRTVG en 'venres negro': Lara Méndez e Rubén Arroxo súmanse ás demandas do persoal mobilizado

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e candidata do PSdeG á reelección, e Rubén Arroxo, tenente da alcaldía e candidato do BNG, no debate da CRTVG sobre as municipais lucenses, este 19 de maio CC-BY-NC-SA Praza.gal

Durante a campaña electoral previa ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio,a CRTVG ten programados debates electorais entre cabezas de lista das forzas políticas das sete cidades que tiveron representación en cadanseus concellos durante o mandato que agora remata. Estes debates son emitidos ás 10 da mañá ao vivo pola Televisión de Galicia e mais a Radio Galega e, posteriormente, redifundidos pola segunda canle da Televisión de Galicia ás 22h45 do mesmo día, alén de quedaren publicados no sitio web da corporación.

A alcaldesa lucense e candidata á reelección polo PSdeG transmite a súa "solidariedade cos traballadores na defensa dun medio público diverso e plural" e agradece o convite a intervir na TVG "catro anos despois" da anterior ocasión en que puido facelo

A programación prevista deu lugar a que o debate de candidatas e candidato á alcaldía do Concello de Lugo -Lara Méndez (PSdeG), Rubén Arroxo (BNG), Elena Candia (PP) e Olga Louzao (C's)- cadrase este venres, 19 de maio. Ou, o que é o mesmo, no venres negro número 261 do colectivo Defende a Galega, que se mobiliza dende hai máis de catro anos para reivindicar o cumprimento íntegro da lei dos medios de comunicación e a fin do control político que atribúen ao Goberno galego do PP, motivos que tamén están por tras das xornadas de folga que está a desenvolver o comité intercentros -a seguinte está prevista para o día das eleccións-. A cuestión non pasou desapercibida para cando menos dous dos participantes, Lara Méndez (PSdeG) e Rubén Arroxo (BNG), en cadansúas intervencións iniciais.

A alcaldesa lucense e candidata socialista á reelección, que acudiu ao debate portando a camisola da plataforma Defende a Galega, principiou agradecendo o convite a intervir na televisión pública o cal, subliñou, chegou "catro anos despois do último", o debate electoral previo ás municipais de 2019. Méndez expresa a súa "solidariedade cos traballadores na defensa dun medio público diverso e plural" e "polo tanto, é un pracer" poder acudir ao encontro, destacou.

Arroxo transmite o "apoio ao persoal" mobilizado por unha "televisión plural e democrática que non estea ao servizo do PP". "Vivímolo en carne propia", afirma

Tamén o actual tenente da Alcaldía e candidato do BNG, Rubén Arroxo, comezou destacando que "hoxe é venres negro". E por iso, dixo, decidiu dedicar o minuto inicial da súa intervención no debate "ao persoal da CRTVG que leva tantos anos reivindicando ter unha televisión plural e democrática" e que "non estea ao servizo do PP". 

"Nós vivímolo en carne propia", afirma Arroxo, xa que resulta "case imposíbel" que os medios públicos "cubran proxectos que estamos a facer" dende o goberno local, se ben na súa opinión abondan "reportaxes absurdas como que un paso de peóns ten unha liña medio borrada ou hai unha fochanca". No entanto, agrega, "non sacan a situación dun barrio como a Tinería", de competencia do Goberno galego, que conta "con tres patrimonios da humanidade" e que "a Xunta ten paralizado" dende a chegada o retorno do PP en 2009.

Neste contexto, o nacionalista traslada "o apoio do BNG ao persoal que leva tanto tempo" mobilizado. "Estamos convosco", enfatiza, dende a convicción, di, de que "máis cedo que tarde" o país terá "unha televisión ao servizo do pobo galego e non da manipulación do PP".

Antes de anteriores comicios, a CRTVG xustificou emitir os debates electorais ás 10 da mañá para "comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes"

Nos últimos días, as forzas políticas da actual oposición parlamentaria e, en xeral, as formacións que optan aos comicios municipais alén do propio PP manifestaron a súa disconformidade co tratamento informativo en xeral e, en particular, coa decisión da CRTVG de situar, unha elección máis, os debates electorais ás 10 da mañá. Estas formacións, así como o persoal mobilizado, coidan que a intención da dirección da corporación é restar relevancia aos debates dunhas cidades nas que actualmente o PP non conta con ningún goberno.

Ante protestas semellantes nas campañas previas a anteriores comicios, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificara que a "idea" de emitir os debates electorais ás dez da mañá respondía á intención de "comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes". Ademais, preguntárase, "se un espectador ten verdadeiro interese nunha emisión, non vai atopala hoxe en día independentemente do horario?".

Debate electoral municipal de Lugo, este 19 de maio na CRTVG © CRTVG

Para o colectivo Defende a Galega, as intervencións de Méndez e Arroxo acreditan que "os debates electorais, agochados ás 10 da mañá nos medios públicos galegos", tampouco "poden agochar a situación insostible" da corporación. Esa é, reprochan "á que nos levou a dirección".

Rexeitados os recursos contra o plan de cobertura

Pouco máis de dúas horas despois da conclusión do debate, a CRTVG divulgaba un comunicado no que salienta que a Xunta Electoral Central rexeitou "os dous recursos presentados contra o plan de cobertura electoral" dos medios públicos de comunicación. Este venres, di, a XEC "deu traslado" do acordo no que desestima o recurso formulado por Vox, no que a formación de extrema dereita reclamaba ter presenza nos debates e entrevistas malia non ter representación en ningún concello.

Previamente, agrega a corporación pública, a XEC desestimou o recurso do BNG, "que introducía cinco alegacións ao documento aprobado". Na súa resolución, o organismo electoral indica que "non poden someterse a revisión" os "criterios" do medio público "sobre o obxecto do debate convocado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.