Nin a mediación acalma o conflito na CRTVG, cuxo persoal volve á folga este venres, coincidindo co inicio da campaña electoral, na que será a quinta xornada de paro polo "cesamento dos abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación informativa".
O persoal mantén as mobilizacións e as súas demandas, das que destaca a de "repoñer nos seus postos a varios traballadores e traballadoras que foron trasladados" do seu posto habitual, segundo o comité de empresa, "como castigo por non ser dóciles ante a dirección" e logo de varios episodios de censura ou inxerencias nas súas informacións. Aí está o principal atranco das negociacións, ao negarse a CRTVG a aceptar tratar calquera tema que teña que ver con "supostos, hipotéticos e infundados" abusos, tratos degradantes ou represión na súa casa, asuntos que si serán tratados en sede xudicial.
Catro dos profesionais que advirten ter sido desprazados das súas funcións habituais como "represalia" presentaron xa ante a xustiza unha demanda contra a CRTVG por vulneración de dereitos fundamentais, denuncia polo que a Corporación terá que afrontar varios xuízos no vindeiro mes de xuño. Entre os implicados, Mayte Cabezas, trasladada á radio logo de 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar a Núñez Feijóo en redes sociais.
Catro dos profesionais que denuncian ter sido desprazados das súas funcións como "represalia" presentaron demanda por vulneración de dereitos fundamentais
Será en vistas semellantes ás que afrontou o xornalista Carlos Jiménez e que acabou coa primeira sentenza contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico. Aquel ditame do Xulgado do Social Número 1 de Santiago, logo ratificado polo TSXG, condenara a compañía por sancionar este profesional en resposta ás súas mobilizacións nos venres negros. Agora, a empresa volverá facer fronte a unha lea xudicial máis no sempiterno conflito dos medios públicos que preocupa polo seu impacto no PP estatal, consciente da afectación que pode ter na carreira electoral de Feijóo.
Esa foi unha das razóns nas que varias fontes ven o cambio de postura da dirección nos últimos días. Hai algo máis de dúas semanas, rexeitara a mediación no conflito do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), ente público, órgano consultivo e asesor da Xunta en materia laboral e foro para a negociación entre sindicatos e empresas. Fora tras a solicitude dun sindicato e alegando que só entraría a negociar coa representación do persoal "temas de carácter laboral". "Aceptar a mediación sería admitir como verdadeiros os feitos", dixera en referencia ás denuncias de "abusos, tratos degradantes e represalias".
Días despois de que o PP estatal amosase preocupación polo impacto do conflito, a CRTVG aceptou unha mediación do Consello Galego de Relacións Laborais que antes rexeitara
Días máis tarde, a dirección aceptaba finalmente a mediación e comezaba unha negociación co comité. Facíao pouco despois da última xornada de folga do pasado 25 de abril que incluíra unha mobilización ante o Senado sinalando a "responsabilidade" de Feijóo na situación da CRTVG e que provocou o apoio á protesta de numerosos partidos e cargos públicos, como a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, ou mesmo a mención do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, durante a súa intervención no pleno en apoio aos traballadores que "denuncian a manipulación e o sectarismo ao que están sendo sometidos".
A repercusión mediática da protesta, as alusións a Feijóo e a postura de Sánchez provocaron unha fonda preocupación no equipo de Núñez Feijóo e no PP estatal, sabedores do impacto que o conflito e as graves acusacións de "manipulación" podían ter na carreira electoral do ex-presidente da Xunta. Así o fixeron saber en Santiago. Aos poucos días, a dirección da CRTVG aceptaba reunirse co persoal coa mediación do CGRL.
A negociación quedou en suspenso "ao non aceptar a empresa repoñer nos seus postos de orixe a varias traballadoras que foran trasladadas de medio como castigo"
Con todo, as conversas non deron moito resultado. A negociación quedou "en suspenso" esta mesma semana, como lembra o comité intercentros nun comunicado, "ao non aceptar a empresa repoñer nos seus postos de orixe a varias traballadoras que foran trasladadas de medio (da radio á tele, da tele á radio ou da radio a internet), segundo o comité de empresa, como castigo por non ser dóciles ante a dirección". Foi o atranco principal que evitou, polo momento, que CRTVG e traballadores seguisen negociando outras demandas do persoal.
Entre elas, "a elaboración dun estudo psicosocial actualizado, a negociación das condicións de traballo de categorías profesionais afectadas pola renovación tecnolóxica e a recuperación de dereitos que quedaron en suspenso coa lei de medidas temporais do emprego público de 2012, que incrementou a xornada de 35 a trinta e 37,5 horas".
Ante esta situación, o comité anuncia a nova xornada de folga para este venres, coincidindo fco arranque da campaña das eleccións municipais, "co obxectivo de favorecer que en cada acto electoral que se celebre en cada concello galego se difunda e se informe á cidadanía do país da grave situación que atravesan os medios públicos de comunicación de Galicia, secuestrados, en opinión da representación legal do persoal, polo PP que goberna a Xunta, que utiliza a radio e a televisión de todas con fins exclusivamente partidistas".
Ademais, a representación dos e das traballadoras advirte de que "intensificará as protestas durante toda a campaña electoral con accións selectivas" e que "mantén firme a convocatoria de folga do propio día das votacións, o 28 de maio".
"Pensaron que con algunhas das ofertas que fixeron ían poder dividirnos, pero conseguiron todo o contrario", din fontes sindicais respecto a unha negociación na que, segundo din, a CRTVG tratou de satisfacer algunhas das demandas laborais sen atender as reivindicacións sobre os "traslados forzosos" e a "represión".
Queda por ver, din as mesmas fontes, ata que punto aturará o PP as consecuencias de ter que afrontar en plena campaña electoral municipal e precampaña dos comicios xerais a presión que supoñen as graves acusacións de boa parte do persoal, especialmente daqueles que declararán ante un xuíz sobre supostas "represalias" por parte da dirección.