Mayte Cabezas, con trinta anos de experiencia como presentadora na TVG, chegaba o pasado luns ao seu posto de traballo con dúas reportaxes a medio montar para o programa Vivir Aquí, tres entrevistas previstas para esa semana, outra xa marcada para a seguinte e unha conversa co director de Función Pública da Xunta lista para visionar e editar. Nada fixo. O director de Recursos Humanos comunicoulle que pasaría a traballar na Radio Galega, onde comezou o seu novo labor este pasado 15 de marzo.
Mayte Cabezas, con trinta anos de experiencia na TVG, foi trasladada á radio aos poucos días de criticar a Feijóo nas súas redes
"Pedín explicacións e non mas deron", conta a Praza.gal. Da noite á mañá, e logo de tres décadas na televisión, pasou á radio. A decisión foille comunicada só uns días despois de que nas súas redes sociais lanzase unha crítica ao ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En resposta a unha declaración de nas que amosaba o seu apoio ás vítimas do terrorismo, a xornalista cualificouno de "sinvergüenza". "Con mayoría absoluta dio la espalda sistemáticamente a las víctimas... Política de la que no merece la pena", queixárase. O pai da xornalista foi asasinado polos GRAPO en 1989 e o ex-xefe do Executivo galego comprometérase persoalmente a impulsar unha lei de apoio ás vítimas do terrorismo
Casualidade ou non, aos poucos días a CRTVG anunciou a supresión do programa Vivir Aquí e o traslado da súa presentadora. Todo despois de que o comité intercentros denunciase nas últimas semanas outros traslados de persoal que considera "represalias" pola súa negativa a "manipular en favor do PP". Nun dos casos tras denunciar que se impediu a un xornalista informar de que a inflación superaba en Galicia a media estatal.
Este foi, ademais, un dos motivos principais da convocatoria de folga do pasado 6 de marzo e dos paros previstos tamén para os vindeiros 24 e 25 do mesmo mes. E é un dos que esgrime Defende A Galega, que no seu 252º venres negro advirte que "a liberdade de expresión é un dereito fundamental" e amosa o seu rexeitamento á "manipulación e ás inxerencias políticas" e ás "represalias".
"O único que podo dicir é que a explicación que me dan é que hai un plan que xustifica estes cambios, un plan que a ninguén se lle explicou e que ninguén coñece. Non sabemos que criterio se segue nin cal é o obxectivo final porque non hai diálogo", explica Cabezas, que asegura que nin a dirección de Recursos Humanos nin Fernando Ojea, director da Área de Contidos, lle deron aclaración ningunha. "Coñecín moitos directores en todos estes anos e con todos, estando de acordo ou non, puiden falar porque todos me recibían", engade.
Mayte Cabezas di que a CRTVG só lle asegura que o seu cambio se debe a un plan estratéxico "que a ninguén se lle explicou nin coñece"
"É intolerable que non haxa diálogo; iso non é asumible nin normal. Se hai un plan estratéxico que consiste en fortalecer o servizo público, o persoal e a sociedade á que se deben os medios públicos deberían sabelo, pero eu non lle vexo eficacia ningunha ao que fan", conta Cabezas, en sintonía coas críticas do comité e de máis persoal ao "clima laboral abafante" que din que se instaurou nos medios públicos.
"Cousas así xeran moitos malentendidos no funcionamento interno da Corporación, onde se dan abusos e se toman decisións de maneira improvisada que afectan a vida das persoas e o traballos dos equipos", critica.
Desde a CRTVG, consultada por este diario, negan que houbese causa allea a unha "reestruturación" do programa Vivir Aquí que afectou "a parte técnica e aos redactores". "Todos os integrantes do programa asumirán novos labores noutros ámbitos sempre dentro das súas categorías laborais. A todos os traballadores lles foron comunicados en persoa os cambios polos seus responsables directos, con todas as explicacións e transmisión de novas tarefas. É preciso lembrar que ningún destes cambios afecta a salarios, horarios ou categoría laboral", explica a dirección.
A CRTVG xustifica o traslado por unha "estratexia global de reestruturación dos medios públicos" e a unha planificación xeral e "non individual"
"Todos os redactores da CRTVG están capacitados e formados para desenvolverse tanto en televisión como en radio como en dixital, tal e como sucede en calquera outra empresa de comunicación a audiovisual a día de hoxe", insiste a dirección. Cabezas lembra que leva desde o mércores traballando na radio e que o departamento de formación non se puxo en contacto con ela. "Non fixen radio na vida e son os compañeiros, grandes profesionais e mellores persoas, os que me están axudando e explicando aos poucos como funciona todo", di. Ademais, cre que a mudanza "moi planificada non estaría" cando tiña reportaxes pactados e entrevistas por montar.
"Isto non é unha seita"
Desde a CRTVG insisten en que Cabezas "pasará a reforzar o equipo do principal programa das tardes da Radio Galega, A Tarde", e lembra que "a radio en xeral estase a desprazar cara un modelo híbrido de son e imaxe, de forma que gran parte da programación xa se pode ver vía streaming ou directamente en televisión".
"Todos os cambios responden a unha estratexia global de reestruturación dos medios públicos para evolucionar e para adaptarse, cos recursos internos dispoñibles, a unha nova realidade dixital, ao igual que calquera outro medio de comunicación", insiste a Corporación, que lembra que "a organización do traballo e dos seus efectivos é potestade da empresa, e responde a unha planificación global, nunca individual, e comunicada convenientemente a todos os traballadores".
Para Cabezas, a actitude da dirección é un erro. "Se alguén cre que pode tomar ao asalto uns medios públicos e facer con eles o que queiran, a vontade e sen explicación, está moi equivocado", denuncia. "Non se pode actuar como unha dirección de iluminados porque isto non é unha seita, senón de todos os galegos. Hai que ser máis dialogantes, respectuosos e humildes", quéixase.
A CRTVG, pola súa banda, di "respectar calquera opinión discrepante tanto interna como externa sobre as decisións de xestión laboral dos medios públicos e os cambios internos de tarefas dos seus profesionais.", pero aclara que non pode "compartila, máxime en temáticas tan delicadas como as expresadas".
"A Corporación debe seguir exercendo a organización dos seus efectivos con responsabilidade e dentro do marco legal establecido, algo que non está en cuestión en ningún dos casos plantexados", remata a dirección da CRTVG.