Catro traballadores da Radio Galega e da TVG foron trasladados do seu posto de traballo de forma "inminente" e o comité intercentros da CRTVG considera que se están a "vulnerar todos os códigos éticos da profesión xornalística"
O dato da suba de prezos en Galicia no mes de xaneiro, por enriba da media no Estado, desapareceu dunha información da Radio Galega despois de que o redactor encargado do tema se negase a modificar a nova a petición da coordinadora de informativos. Un día despois, este traballador recibiu "unha comunicación empresarial na que se lle comunica o seu cambio ao programa Galicia Noticias da TVG, logo de case 25 anos prestando servizos na canle radiofónica".
Así o denuncia o comité intercentros que representa o persoal da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) nun comunicado no que interpreta este cambio laboral como "susceptible de constituír unha modificación substancial das condicións de traballo" e como "unha clara represalia contra o traballador, crítico coas prácticas de manipulación" no ente público. Praza.gal puido confirmar que hai outros tres traballadores afectados por cambios "inminentes" dentro da CRTVG comunicados na véspera do 'venres negro' 248 de reivindicacións do colectivo Defende a Galega.
O comité considera que se están a "vulnerar todos os códigos éticos da profesión xornalística" e mais "dereitos fundamentais protexidos constitucionalmente como a cláusula de conciencia e o dereito a informar libremente". Ademais, como representante das traballadoras e traballadores dos medios públicos, lembra que non poden "ser represaliados ou prexudicados" por "negarse a participar na elaboración de informacións contrarias aos principios éticos da comunicación".
Desde o comité xa denunciaron "represalias" con motivo da manifestación celebrada o pasado mes de novembro en Santiago "por unha CRTVG ao servizo do pobo", que contou co apoio do Colexio de Xornalistas, BNG e PSdeG, os principais sindicatos e asociacións e colectivos sociais de todo tipo. Agora, enmarcan estes movementos de persoal como unha práctica de "manipulación informativa e represión" máis, que "só contribúe a agravar o deteriorado clima laboral existente".
O comité insta aos representantes da empresa pública "a cesar nos seus ataques e abusos continuos ás traballadoras e ás súas representantes"
Nun escrito ao que tivo acceso Praza.gal, no que o comité solicita ao departamento de recursos humanos da CRTVG coñecer os motivos destes cambios, afírmase que "non existiu" unha "comunicación previa" aos catro traballadores afectados, nin se informou á representación sindical. "Tampouco hai constancia de que se pedira voluntariredade para cubrir estes postos", sinalan.
Por outra banda, denuncian que se argumentou a "mellora da eficacia" destes catro profesionais para acometer os traslados, mais non se contemplou ningún "período de formación" para que coñezan os "procesos que se empregan no seu novo posto de traballo, despois de desenvolver con altos niveis de profesionalidade o seu labor arredor de vinte anos nos postos actuais". O comité insta aos representantes da empresa pública "a cesar nos seus ataques e abusos continuos ás traballadoras e ás súas representantes" e avanza a convocatoria de asembleas para dar unha "resposta contundete" .
A CRTVG explica que os cambios "non se corresponden con ningunha clase de presunta casuística particular"
Cuestionada sobre os cambios dos que dá conta o comité e que puido confirmar Praza.gal, a CRTVG explica que "non se corresponden con ningunha clase de presunta casuística particular", que "están planificados respondendo a necesidades do servizo" e "veñen desenvolvéndose con asiduidade".
"Dous redactores cambiaron á radio e dous á televisión e dixital, sen prexuízo, por suposto, de categorías laborais, horarios ou remuneracións", apuntan desde o ente público, para engadir que "son innumerables os intercambios entre radio e televisión ao longo dos anos entre redactores, locutores, presentadores, etc. Non só na CRTVG, senón en calquera medio de comunicación audiovisual". Nesta liña, a Corporación lembra que "é potestade da empresa a organización do traballo, está feita con todas as garantías legais, e é consustancial a calquera medio de comunicación".
Paralizado o proceso de consolidación de emprego
Por outra banda, o proceso de estabilización de emprego na CRTVG, publicado no DOG o pasado 30 de decembro, atópase "en suspenso" por parte da Corporación, que "paralizará" as inscricións a partir do luns 20 de febreiro por "varios recursos" que foron presentados. "A inscrición reiniciarase no momento no que por resolución da Dirección Xeral se levante a suspensión", afirman nun comunicado no que destacan que traballan "contemplando todos os escenarios posibles baixo a premisa da máxima seguridade xurídica".