O dato pon fin ao descenso da inflación iniciado en xullo do pasado ano, cando o IPC acadara un nivel máximo do 11,5%
O Indice de Prezos de Consumo (IPC) situouse en xaneiro en Galicia no 6,4%, repetindo a suba interanual xa rexistrada en decembro. O dato, publicado este mércores polo INE, pon fin ao descenso da inflación iniciado en xullo do pasado ano, cando o IPC acadara un nivel máximo do 11,5%. No conxunto do Estado, de feito, a inflación interanual medrou dúas décimas en xaneiro, do 5,7% ao 5,9%.
O 1 de xaneiro comezou a aplicarse a rebaixa o IVE na alimentación básica, unha medida aprobada polo Goberno central cunha duración de seis meses pola que alimentos gravados ao 4% de IVE pasan ao 0% e a pasta e o aceite pasan do 10% ao 5%. No mes de xaneiro os alimentos básicos reduciron o seu prezo, pero este abaratamento foi compensado por un encarcemento doutros produtos, especialmente dos combustibles (coincidindo co final da axuda xeral de 20 céntimos por litro achegada polo Estado).
O IPC galego mantense por riba da media do Estado, agora dunha diferenza de cinco décimas, inferior ás sete décimas de decembro
O mes pasado os prezos descenderon tres décimas en Galicia, o mesmo descenso que experimentaran en xaneiro do ano 2022. O IPC galego mantense por riba da media do Estado, agora dunha diferenza de cinco décimas, inferior ás sete décimas de decembro. Castela-A Mancha (6,9%) e Estremadura (6,6%) rexistran as maiores subas interanuais da inflación, mentres que Madrid e Cataluña (+5,3%) experimentan os menores incrementos.
A denominada inflación subxacente, que non inclúe alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, aumenta dende o 7,8% ata o 8% en Galicia e do 7% ao 7,5% no conxunto do Estado, mantendo a tendencia de ascenso que aínda non se detivo. Este índice é considerado habitualmente máis confiable para seguir a evolución dos prezos no medio e no longo prazo, pois é máis estable que o índice xeral, que está máis suxeito a subas e baixadas puntuais.
En xaneiro encarecéronse de forma importante os combustibles (un 9,5% máis que en decembro), coincidindo co final da axuda xeral de 20 céntimos por litro achegada polo Estado
Neste mes o recorte do IVE que se cobra aos alimentos básicos axuda a conter o encarecemento interanual do conxunto de produtos de alimentación, que pasa do 16,6% ao 15,7%. En xaneiro o prezo dos alimentos aumentou un 0,1%, moito menos que no mesmo mes do pasado ano.
Segue a descender de forma importante o prezo da electricidade, cun custo un 17,5% inferior ao de decembro e un 40% por debaixo do que custaba hai 12 meses, cun aumento -iso si- do gas (+7,2% en xaneiro e +11,5% en termos interanuais).
Segue a descender de forma importante o prezo da electricidade, cun custo un 17,5% inferior ao de decembro e un 40% por debaixo do de hai 12 meses, cun aumento -iso si- do gas (+7,2% en xaneiro e +11,5% en termos interanuais)
En xaneiro o alugueiro de vivenda aumentou un 0,2%, cun encarecemento interanual do 2,7% en Galicia. Ademais, o prezo do vestido descendeu de forma o mes pasado (-13%) como produto das rebaixas, aínda que o seu prezo en termos interanuais é moi semellante ao de hai un ano.
Pola contra, en xaneiro encarecéronse de forma importante os combustibles (un 9,5% máis que en decembro), un factor que axuda a entender o estancamento da inflación neste mes en Galicia.
O prezo dos alimentos básicos reduciuse en xaneiro trala rebaixa do IVE, aínda que a redución foi inferior ao propio descenso no tipo impositivo
O prezo dos alimentos está a ser un das grandes problemas nos últimos meses. No último ano ou ano e medio o custo de gran parte dos produtos básicos aumentou de forma moi importante, xerando grandes problemas para moitas familias, obrigadas a recortar os gastos máis básicos.
A supresión do IVE para o pan "común", leite, queixo, ovos ou froitas e verduras (que anteriormente tiñan un imposto sobre o valor engadido do 4%) e a redución do 10% ao 5% para o aceite e a pasta tiveron un efecto inmediato nos datos do IPC de xaneiro aínda que, iso si, foi inferior ao propio descenso no tipo impositivo.
Así, o pan abaratouse un 1,2%, o leite un 0,6%, os ovos un 2,5%, o aceite un 1,5%, as legumes e hortalizas un 0,2% e as froitas un 4,6%, no que foi o descenso maior
Así, o pan abaratouse un 1,2%, o leite un 0,6%, os ovos un 2,5%, o aceite un 1,5%, as legumes e hortalizas un 0,2% e as froitas un 4,6%, no que foi o descenso maior. A inflación interanual de todos estes produtos tamén se reduciu, mesmo de forma importante. Con todo, o prezo de moitos destes alimentos segue a ser moito máis elevado do que era hai doce meses; por exemplo, os ovos son un 34% máis caros que hai un ano, o leite custa un 32% máis e o aceite un 29% máis.
O azucre continúa a ser o produto que máis se encarece en termos interanuais (un 63% máis) e no último mes destaca o aumento experimentado polo peixe (+4,2%) ou as patacas (+1,7%), que xa son un 23% máis caras que hai un ano.