A inflación xeral segue a moderarse mentres continúa disparada nos alimentos cunha alza interanual de prezos do 16%

Froitas e verduras nun establecemento de alimentación xunto a datos de evolución dos prezos de diversos grupos de alimentos en Galicia en decembro de 2022 CC-BY-SA Foto: Pxfuel | Montaxe: Praza.gal

O incremento interanual de prezos no Estado español finalizou o pasado 2022 como o menor de toda a zona euro. Así o avanzou Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, nuns datos que o INE vén de debullar agora. A inflación modérase na media estatal e o seu índice xeral queda nun 5,7% interanual. En Galicia tamén sen modera, pero fica sete décimas por riba, no 6,4%

Malia á moderación dos últimos meses e mentres o dato español é o menor de toda a zona euro, a inflación galega do 6,4% interanual é a maior en tres décadas

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, ambas taxas son notablemente menores que as acadadas durante o pasado verán. Daquela, a saída definitiva das principais restricións da COVID e, sobre todo, as consecuencias económicas da invasión rusa na Ucraína e das sancións internacionais contra Rusia levaran o dato galego a superar o 11% e a media estatal, a superar o 10%. O dato actual de Galicia, non obstante, é o maior en tres décadas.

A explicación a esta evolución relativamente positiva hai que buscala, en boa medida, nos sectores en que a intervención pública foi máis decidida nos últimos meses. Así o destaca o propio INE: se a inflación cae é sobre todo por mor da moderación dos prezos da electricidade, do gasóleo para calefacción e mais dos transportes, eido no que ten unha importancia clave a contención dos prezos dos combustibles.

Electricidade e combustibles son clave para a moderación do IPC xeral mentres os alimentos seguen disparados e rexistran en Galicia unha alza interanual do 16,6%, 1,2 puntos máis que en novembro e sete décimas por riba da media

Esa explicación xeral tamén serve para Galicia. No grupo de electricidade, gas e outros combustibles a inflación quedou en cifras negativas en decembro, isto é, sobe menos que hai un ano. Concretamente, está no -10,3%. Trátase dun escenario radicalmente oposto ao da pasada primavera, cando o primeiro dato tras a invasión da Ucraína, o de marzo, chegou ao 83%. A repunta do verán tamén fora significativa, ata roldar o 60%.

Como fica claro no gráfico inferior,  o bo comportamento relativo no ámbito dos combustibles e a enerxía non chega, nin de lonxe, ao que segue sendo o principal problema na crise de prezos: os custos da alimentación. Nos alimentos a inflación non se modera, senón que segue á alza e chega ao 16,6% interanual en Galicia, 1,2 puntos máis que en novembro. O dato estatal sitúase no 15,9%, un crecemento de dúas décimas. 

Esta circunstancia obsérvase tamén con claridade no dato da denominada inflación subxacente, a que se calcula excluíndo do dato os prezos da enerxía e dos alimentos non elaborados. En decembro xa superou o índice xeral do 5,7% para chegar ao 7% na media estatal.

O azucre, cunha alza interanual superior ao 60% malia á lixeira moderación de decembro, e mais ovos, aceite e leite son os grupos de alimentos que máis encareceron en Galicia no último ano

Se descendemos ao detalle da cesta da compra, as cifras disparadas son inequívocas. Nuns datos que aínda non recollen efecto ningún das novas medidas adoptadas polo Goberno de España (coa supresión do IVE na alimentación básica entre elas), xa que entraron en vigor o 1 de xaneiro, os datos para Galicia amosan como o alimento que máis encareceu no último ano segue sendo o azucre, que aínda que moderou lixeiramente a súa alza a respecto de novembro (2,1 puntos) segue sendo máis dun 60% máis caro que hai un ano. Entre as razóns que explican o dato, segundo destacan diversas análises internacionais, están as restricións á exportación do produto na India.

A continuación, con curvas claramente ascendentes, sitúanse tres dos grupos de alimentos que si se ven atinxidos dende o 1 de xaneiro polas novas medidas do Estado. Ovos, aceite e leite rexistraban en decembro alzas interanuais de prezos superiores ao 30% e ademais, nos tres casos o dato é peor que en novembro: case oito puntos máis nos ovos, seis no aceite e 6,1 no leite. Ovos e leite están dende o inicio do ano exentos do IVE e o aceite pasou do 10% ao 5%.

O peixe custa agora un 6,7% máis que hai un ano, pero a súa suba acouga 3,4 puntos en decembro

Outros grupos de alimentos de uso moi común, como patacas e cereais, manteñen datos de inflación en Galicia por riba do 20%. A carne de vacún -non incluída na exención do IVE-, as hortalizas e o pan roldan o 15% de encarecemento interanual. Todo, nun mes tamén marcado pola demanda de alimentación ligada ás festas do Nadal e Aninovo.

Moi poucos grupos de alimentos alén do devandito dato do azucre moderan a alza de prezos en decembro. Entre os principais, só acougan dun xeito relativamente significativo o peixe, cunha alza interanual do 6,7%, 3,4 puntos menos que en novembro, e mais a carne de ovino, que queda nunha alza do 0,4% interanual, 2,4 puntos menos que un mes antes. O incremento dos prezos da froita e das carnes de ave e porco tamén se modera, pero moi lixeramente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.