Feijóo carga contra o cheque de 200 euros do Estado tras a suspensión da tarxeta de alimentos da Xunta

Feijóo, con Rueda e outros dirixentes durante os actos do Día da Constitución ante o Congreso dos Deputados, en Madrid o pasado 6 de decembro CC-BY-SA Xunta

Por primeira vez dende 2009, Alberto Núñez Feijóo non pode facer balance do ano que finaliza dende a presidencia dun Goberno. O ex-presidente da Xunta e actual líder estatal do PP realizou o pasado xoves unha comparecencia ante os medios centrada nun crítico balance do labor do Goberno de España, ao que ataca como marcado pola "frivolidade" ou a "inexperiencia" e por medidas concretas como o cheque de 200 euros para familias con rendas inferiores a 27.000 euros, incluído no decreto de medidas pola crise de prezos presentado esta mesma semana por Pedro Sánchez.

Feijóo reiterou en varias ocasións durante a súa alocución que considera "inmoral" que o Goberno de España dedicase "400 euros a actividades de ocio para persoas de 17 anos". Así o ve, defendeu, por ser "o dobre en cantidade que os 200 euros que reparte ás familias vulnerables", achega que reclama substituír por un desconto no IRPF.

Información sobre a Tarxeta Básica no web creado pola Xunta ao efecto cando aínda estaba operativa, nunha captura do pasado xullo CC-BY-NC-SA Praza.gal

O actual líder do PP compara a contía da nova axuda (200 euros) coa do bono cultural estatal para a mocidade (400), do que xa afirmara que pretende comprar votos mentres que o da Xunta, dixera, non o pretendía

A crítica do ex-presidente e actual líder conservador referíase ao bono cultural do Estado dedicado á poboación que chega á maioría de idade. Este ano recibírono algo máis de 12.000 mozas e mozos en Galicia, segundo os datos divulgados polo Ministerio de Cultura o pasado novembro pouco despois de que a segunda edición do Bono Cultura da Xunta (20.000 vales de 50 euros para a poboación xeral) se esgotase menos dunha hora despois de abrir o prazo para pedilo. A primeira edición, lanzada cando o propio Feijóo era aínda presidente do Goberno galego e daquela afirmara o bono cultural do Estado pretendía comprar votos mentres que o da Xunta non tiña ese obxectivo.

A tarxeta básica de alimentos estaba dotada con entre 150 e 300 euros e a Xunta cancelouna ao considerar que a situación económica "excepcional" que a propiciara durante a pandemia "afortunadamente, xa non a hai"

A censura do líder popular tanto á contía como á concreción da achega estatal, que Sánchez presentou como unha vía para paliar a alza nos prezos dos alimentos, chegaba na véspera da publicación no DOG dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2023. Ese documento ratifica a desaparición da tarxeta básica, a axuda para a compra de alimentos e produtos de hixiene que o Executivo galego lanzou durante a pandemia e que foi prorrogando ata a fin do primeiro semestre de 2022, cando o substituto de Feijóo na presidencia, Alfonso Rueda, ratificou a súa fin.

A tarxeta, de entre 150 e 300 euros ao mes en función do número de membros da unidade familiar, chegou a case 60.000 persoas durante o seu primeiro ano de vixencia, segundo a Xunta, que financiaba a iniciativa a través dun convenio coa Cruz Vermella. Para cancelala, o Goberno galego indicou que a lanzara nunha situación económica "excepcional" pola COVID, "que agora mesmo afortunadamente non hai". Ante a vaga de críticas dende BNG e PSdeG, pero tamén por entidades sociais como as agrupadas na Rede Galega contra a Pobreza, Rueda esgrimiu o mantemento doutras accións como subvencións a "comedores sociais" e outros apoios a organizacións non gobernamentais que traballan no eido da inclusión social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.